FESTIVIDADE DE SAN SILVESTRE: DÍA DE CARREIRAS E NOITE
DE BRUXAS.
Da vida do Papa
Silvestre coñécense algúns datos da súa vida. Naceu a finais do século III e foi pontífice nº 33 (entre os anos 314 e 335, ano do seu falecemento). Este papa coincidiu no trono de San Pedro co empereador Constantino o Grande. Baixo o seu pontificado edificouse a primeira Basílica de San Pedro sede da igrexa católica romana; a de San Xoán de Letrán (sede do bispo de Roma e residencia dos papas nese momento) e outros monumentos importantes como a igrexa do Santo Sepulcro de Xerusalén. Tamén con el se celebrou o 1ª concilio de Nicea polo cal se condenou o arrianismo e se estableceron moitos dos cánons que seguen rexendo na igrexa actualmente así como un cambio na liturxia (tamén mudou os nomes dos días da semana, que se coñecían con nomes das divinidades pagás romanas, dándolles nome de feira, tal e como segue a suceder en Portugal), porén no seu pontificado os cristianos saíron das catacumbas para realizar os seus ritos xa sen persecucións (isto tamén grazas á conversión de Constantino, pero non foi ata o emperador Teodosio cando se oficializa o cristianismo como relixión do imperio). Mais non se coñece que fora
unha persoa vinculada ó mundo do deporte, nin que o practicase. Por iso no
tocante ás carreiras que se desenvolven na festividade do 31 de decembro temos
lido que responden a versións das primeiras carreiras da San Silvestre
celebradas en Sao Paulo (Brasil), iniciadas no ano 1925, e que non foi ata o
ano 1961 cando se celebra a primeira San Silvestre en Galdakao (País Vasco) e que
a partir de aí se foi facendo eco noutras localidades da xeografía española.
Nese senso é de
destacar o papel da Asociación Deportiva Cerne, impulsora da Carreira Solidaria
da San Silvestre en Melide, que en colaboración co Concello de Melide e con Cáritas
Parroquial desenvolve esta comprometida e saudable actividade, na xornada do 31
de decembro en Melide.
A nivel tradicional
a noite do 31 de decembro asóciase ó mundo dos demos, dos bruxos e das bruxas,
como ben comenta o escritor Antonio Reigosa no imprescindible “Trece noites,
trece lúas. Libro das marabillas do Nadal”. Conta que nesta noite de transición
dun ano a outro ou dun mundo a outro, celébranse os principais conclaves de
meigas anuais, coñecidos coma Aquelarres. Un dos principais escenarios de
celebración deste tipo de xuntanzas, segundo a tradición é o Areal de Sevilla ó
que tamén acudían algunhas das bruxas da Terra de Melide.
Refiren Risco e
Amador Rodríguez no libro “Terra de Melide” como nesta comarca había bruxas de
moita sona como a vella Cenza que tiña un estatus superior, a xeito de bruxa
maior ou mestra de bruxas. Dan conta como esta vella Cenza era “a que repartía
ás bruxas pra Sevilla, e o día de San Xán era ela a encarregada do reparto das
moscas”. Nese senso conta Reigosa que neses aquelarres as bruxas “despois de se
untar cunha untura máxica, voan camiño do xuntoiro co demo, onde gozan dos
praceres da carne mais tamén fan o reparto das maldades encomendadas a cada
unha para o ano entrante: moscas, pestes, doenzas, ciúmes, ...”. Así pois a
vella Cenza encargábase dese reparto de moscas e probablemente doutro tipo de
pragas e doenzas.
Non se coñecen
xuntanzas de bruxas na Terra de Melide, pero de ser nalgún lugar, un dos
principais sería na aldea de San Cosme e nas súas inmediacións, xa que alí como
se documenta no Terra de Melide é onde aparecen decote as meigas.
Lamentablemente en
contextos históricos non foron poucas as mulleres acusadas de ser bruxas e de
ter pactos co demo, por iso lembramos á figura de María Soliño e doutras pobres
mulleres de Cangas que foron acusadas falsamente de ser bruxas e condenadas a
raíz dun auto manifestamente inxusto e falaz.
Xa para rematar
imos recoller dúas frases do refraneiro galego citadas por Reigosa, pero
bastante coñecidas e popularizadas referidas á festividade de San Silvestre:
“San Silvestre e
Santa Comba, morre este ano e o novo asoma”.
“San Silvestre,
meigas fóra”.