venres, 30 de setembro de 2022

 A ASOCIACIÓN CULTURAL CHARAMELA NO X CICLO DE TEATRO AFECCIONADO:

 

Nesta entrada e a piques de comezar o X Ciclo do Teatro afeccionado “O teatro no Camiño”, dende o Museo consideramos que é o intre axeitado para ensalzar a dinámica da Asociación Charamela, na procura da recuperación do teatro afeccionado en Melide, unha das manifestacións escénicas que contan cunha fonda tradición en Melide, fundamentalmente da man da saga familiar dos Fidalgo.

Así pois, consideramos que é de xustiza recoñecer o papel de Jesús Gómez Salgado, do seu fillo Jesús Gómez Lareo e da súa neta e filla deste último, Mary Gómez Neira. Efectivamente ben é certo, que o tema das afeccións vai parello moitas veces á xenética, xa que as inquedanzas e gustos incúlcanse dende a nenez e transmítense de pais a fillos.

Nos tempos presentes e xa dende o ano 2004, cadrando co xermolo da Asoc. Cultural Charamela (que se formaliza constituíndose como asociación en 2006), continúa a aposta pola interpretación por parte da súa fundadora e presidenta Mary Gómez Neira, que sabe darlle un novo pulo ó teatro, aproveitando a bagaxe do seu pai Suso do Fidalgo.

Nos seus comezos é Jesús Gómez Lareo “Suso do Fidalgo” quen asume a dirección teatral e, dende o ano 2009 pasa a haber dous directores, Suso e a súa filla Mary, o que permite e facilita o ensaio a dous grupos de teatro. De xeito parello Mary tamén se fai cargo de ensaiar ó Grupo infantil e xuvenil das Escolas culturais do Concello de Melide, cometido que desenvolve entre os anos 2010 e 2019.

A dirección dual do teatro levada a cabo por pai e filla vese truncada no ano 2021, ano no que falece Suso, quen xa deixara de ensaiar por mor da pandemia da Covid. Por tal motivo, e dende entón, é Mary (a presidenta de Charamela) quen asume a dirección, coordinación e execución das representacións.

Hoxe en día son numerosas as actuacións levadas a cabo por esta asociación que conta con 18 anos de andaina, ademais doutro tipo de actividades a prol da cultura escénica que merecen ser recoñecidas, mais imos comezar facendo unha lembranza ós comezos no mundo do teatro desta saga familiar melidá.

En varias ocasións, e mesmo nunha entrada no blog  das “Lembranzas de Melide” (outubro do 2018) se fixo un recoñecemento a Jesús Gómez Salgado “O Fidalgo”, que foi un carpinteiro de Melide que se destacou polo seu compromiso co teatro afeccionado. En moitas ocasións nos temos referido ó mítico grupo “Aires de Melide” que traballou nos anos 50 e 60 pola recuperación da arte da representación escénica (musical e teatral), e que contou con diversos directores altamente cualificados. Reflectindo verbas de Mingos Fuciños (Boletín 3 do CEM-MTM): “a agrupación coral Aires de Melide gracias ó pulo que decote prestaron ó eido musical os señores Emilio Mejuto Cordido e Xesús Gómez Salgado “Fidalgo”, mailo entusiasmo dun grupiño de mozos melidáns, nace “Aires de Melide”, que racha cunha etapa anodina e que crea un ambiente arredor da música e máis do teatro. Era director do coro o señor Emilio Mejuto (tamén o foron don Emilio Otero Val e circunstancialmente o coadxutor Don Xosé e o Padre Gumersindo R. Casas), e do cadro de declamación, o señor Xesús Gómez”.

Tamén se fai eco da importancia do papel desenvolvido polo patrucio da saga familiar dos Fidalgo Xosé Manuel Broz nos boletíns 10 e 17 do CEM-MTM, quen di que “outro home de oficio, o carpinteiro Xesús Gómez “o Fidalgo”, era o director das deliciosas obras de teatro que moita ledicia lle deron ós melidáns dende o escenario do Cine Capitol. Obras cómicas e ledas representadas por bos actores diante dos decorados de Antonio de Castro, de oficio carniceiro, que era unha persoa dotada cunhas cualidades excepcionais para a pintura, cun sentido do colorido extraordinario e un gusto pola composición excelente. Todos estes (referíndose a Secundino do Chocolateiro, o latoeiro Emilio Mejuto, o Fidalgo e a Antonio de Castro) eran mestres que sabian o oficio á perfección, que deseñaban e argallaban o que fose necesario, que deixaron un grato recordo imborrable do seu bo facer, ademais de desenvolver, moitos deles, a súa afección artística ou musical naqueles duros anos”.

E, para que nos fagamos unha idea nidia e precisa na importancia do teatro e das veladas que combinaban teatro con representacións musicais, do grupo coral Aires de Melide, e do Grupo de Harmónicas que houbo no Melide de aqueles anos coñecido de xeito local como Grupo de Filarmónicas (que era o que actuaba nos entreactos), ou tamén das veladas organizadas por outro grupo de teatro, senlleiro no Melide desas décadas, a Compañía de Teatro Lope de Vega, con obras dirixidas por Matilde Triana e con decorados da man de Juanucho Bande e Nicolás Rosado, non se nos ocorre mellor feito de facelo que aproveitar as verbas de A. Álvarez Sánchez no Libro de Festas de San Roque do ano 1985 (e que aparecen recollidas no Boletín 28 do CEM-MTM, no traballo que leva por título “O cine e as veladas no Melide de onte”), e que manifestan o seguinte: 

"recuerdo, ya desde mi niñez, el fervor con que la villa esperaba las tres o cuatro representaciones anuales de TEATRO que, gracias a la labor, digna del más encendido elogio, nos ofrecía un grupo de buenos, de esforzados actores que, venciendo toda dificultad, acrecentado por la falta de medios, nos regalaban su buen hacer año tras año. Auténticos forofos del arte de Talía, se entregaron a ese quehacer en cuerpo y alma, sin más premio que el aplauso generoso, eso sí, de la villa...Gracias a sus desvelos fuimos conociendo lo satírico, el drama, lo romántico, lo cómico... que todo eso nos ofrecieron. Nos dieron a conocer a los Lope de Vega, Calderón, Benavente, J. Poncela, Pirandello, Casona y un largo rosario de ilustres autores, en revolucionaria ofrenda de estilos y épocas que nunca supimos valorar debidamente...¡Cuanto nos llevan ofrecido nuestros “viejos”!...”


Mantendo o dito popular de “a tal pao, tal astilla”, ben é certo que as cousas tenden a reproducirse e mesmo clonarse, posto que é o fillo do vello Fidalgo, Jesús Gómez Lareo, que herda o alcume do seu pai de Suso do Fidalgo, e tamén a súa paixón polo mundo da representación escénica, paixón e máis talento. Amosámonos dende o Museo gustosos de facer esta entrada que levabamos un ano agardando, dende o seu pasamento e procurando a ocasión adecuada. Suso, ademais de ser socio do Museo dende a creación do grupo de socios do mesmo, foi sempre un simpatizante e amigo destacado desta casa, polo que é de xustiza agradecida facerlle esta homenaxe a un home que sendo profesional da banca destacou polo seu compromiso a prol da cultura teatral do país, apostando por un teatro en galego, de corte costumista e bebedor do teatro escrito de Prado Lameiro, a quen nestes dous últimos anos se chegou a propoñer, por parte do Concello de Ourense, para o Día das Letras Galegas.

Suso do Fidalgo, deixounos un día 28 de abril de 2021, e da súa perda deixou constancia a prensa escrita, en dous artigos publicados pola Voz de Galicia na edición de Santiago e na de A Mariña, habendo tamén unha louvanza no xornal Cerne.

Na edición da Mariña resulta significativa a lembranza que fai desta figura a Asociación de Veciños O Vencello de Burela, a quen identifican como “Suso do Banco”, por mor da actividade profesional que desenvolveu nesa localidade Mariñá. Reproducindo o texto recollido no rotatorio, de xeito literal para non desvirtuar a súa emotividade, podemos ler estas verbas:

En La Voz de Galicia:

En lembranza de Jesús Gómez, «Suso do Banco»

ASOCIACIÓN DE VECIÑOS O VENCELLO DE BURELA

09 may 2021 

Dende a Asociación de Veciños O Vencello de Burela queremos facer unha breve e sentida homenaxe a Jesús Gómez Lareo, Suso do Banco, que finou a semana pasada na súa localidade natal de Melide. Suso estivo estreitamente vinculado con Burela. Veciño do barrio de Suafonte dende a súa chegada á nosa vila a finais da década dos 60 para traballar na oficina do Banco de Bilbao, soubo integrarse naquela dinámica sociedade burelá de hai máis de 50 anos na que xa comezaba a medrar o “bule-bule” de facer cousas vinculadas coa nosa cultura.

Foi un dos creadores da Coral Parroquial de Burela, que foi o cerne da Asociación Cultural e Recreativa Ledicia, de cuxa fundación tamén formou parte.

Xa dentro da ACR Ledicia, Suso impulsou a creación dun grupo de teatro afeccionado. Neses anos dirixiu de maneira altruísta esta agrupación teatral que representou obras na mostra de Teatro de Ribadavia, no Centro Galego de Barcelona ou no auditorio de Sargadelos durante as celebracións da Escola Libre que cada verán organizaba o Laboratorio de Formas.

Así mesmo tamén promoveu veladas teatrais que, naqueles anos 70, eran unha das principais ofertas de ocio local e que foron o embrión do que anos máis tarde o Colectivo Cultural Buril retomara coas súas Xornadas de Teatro.

Os burelaos tamén lle debemos a Suso unha boa parte da nosa Feira do Bonito. El, xunto con Federico Ruíz e Ángel Rodríguez, foron os impulsores desta celebración cando estaban á fronte da directiva de Ledicia. Pero, por riba de todo isto, Suso sempre foi unha persoa afable, servicial e, sobre todo, un home dos que fai pobo. Sirvan pois estas liñas como lembranza e pequeno homenaxe a este “melidense-burelao”.

Na edición de Santiago vemos unha nota redactada pola corresponsal local Natalia Rodríguez Noguerol, que paralelamente ó exposto pola Asociación de Veciños O Vencello de Burela, fai unha lembranza de Suso pola contribución, neste caso, ó teatro na súa vila natal, unha vez que xa xubilado e instalado en Melide aposta pola volta ó teatro afeccionado, deleitándonos con interpretacións sublimes cheas de ironía e retranca, como naquelas nas que interpretando o papel de zapateiro remendón, o puidemos admirar contemplando como ó pe dunha banquilla era capaz de soltar frases sentenciosas e de ida sen volta ó tempo que botaba as tapas a un zapato, con cravos nos beizos e martelo na man, ou como cortaba as solas cunha coitela de zapateiro nas beiras dun pao de zoco. Témolo visto actuar xunto a outros grandes da escena como Mingos de Pita, Quico Broz, e a súa propia filla Mary, entre outro elenco de bos actores.

En La Voz de Galicia:

Os melidenses despiden con pesar ao seu mestre de teatro

LA VOZ

Jesús Gómez Lareo impulsou hai 14 anos a creación de Charamela

30 abr 2021 .

O teatro está de loito en Melide. O home nostálxico, familiar, cariñoso, e con carácter -non, non está rifado co afecto- que sementou en varias xeracións de melidenses o querer polas artes escénicas dixo adeus. Jesús Gómez Lareo, «Suso de Fidalgo» para os seus veciños, herdou do seu pai o sobrenome, e a devoción pola interpretación. Artista de vocación e empregado de banca de profesión, impulsou, hai 14 años, a creación de Charamela, o grupo de teatro afeccionado da localidade. Os 68 anos que tiña entón non foron obstáculo para dirixir, de maneira altruísta, unha agrupación coa que recuperou as veladas teatrais que, na década dos 50, eran ocio costumista en Melide. Familiares, amigos e achegados despedírono onte con gran pesar, deixando constancia do bo recordo que queda dun home bo de corazón, e xeneroso de espírito.

Mais como non hai dous sen tres, quixo o destino que a súa filla Mary tamén compartira a afección polo teatro popular, e artellara a creación da Asociación Cultural Charamela, para evitar, entre outros cometidos, que o teatro esmorecera en Melide. Hoxe é ela a que dirixe ó grupo de teatro e como pode verse, os xenes son os que imperan posto que tamén está provista dunhas dotes e dunhas cualidades innatas para o teatro cómico, como xa se ten comprobado nas diferentes interpretacións que leva desenvolvido xunto a outros grandes actores do teatro do Melide do presente, por iso, é polo que hai que congratularse de que nos tempos actuais Melide poida seguir contando e perpetuando aquela “arte de Talía” mencionada por A. Álvarez Sánchez no Libro de San Roque do ano 1985.

Nestes días, despois de entrar en conversa con Mary, e de que nos facilitara moi amablemente fotos e curriculum da asociación, imos reproducir literalmente todo o que levan aportado a prol da cultura escénica nesta vila.

Texto facilitado por Mary Gómez Neira:

“ASOCIACIÓN CULTURAL CHARAMELA” DE MELIDE

A "Asociación Cultural Charamela" de Melide (A Coruña) empeza a súa andadura en abril do 2004 coa posta en escena de "Almas sinxelas" de Prado Lameiro, para recadar fondos para a excursión de fin de curso dos nenos do Colexio Mestre Pastor Barral de Melide. Pero  non é ata o ano 2006, cando se converte en asociación cultural fundada e presidida, desde o seu inicio, por Mary Gómez Neira.

Charamela conta con dous directores do grupo de teatro: Jesús Luis Gómez Lareo (ata o seu pasamento en abril do 2021. Tamén vogal da primeira directiva da asociación) e Mary Gómez Neira).

Obras dirixidas por Suso do Fidalgo:

“Almas sinxelas” de Xabier Prado Lameiro (abril 2004); "María Rosa" de Gonzalo López Abente (xaneiro 2007); "Todo ten goberno" de Xabier Prado Lameiro (2008); “Se o sei…non volvo á casa” de Manuel Varela Buxán (2009);  "Os pastores do val" (decembro do 2008);  “A cerilleira” de Hans Christian Andersen, (2009); “Pola nosa culpa” de Manuel Varela Buxán (setembro 2011);  “O cantar dos cantares” de Eduardo Blanco Amor (2013)

Obras dirixidas por Mary Gómez Neira:

“Unha historia do Nadal” (2010); “O achado do castro” no de Manuel Núñez Singala (2011); “O segredo dos Reis Magos” (2011); “O agasallo perfecto”  (2012); “Paco Jones, detective privado” de José Cedena (xullo 2013);  “Botando a lingua a pacer” (2015);  “Vaiche boa...” (2016); “O blús de Haroldo Barrenillo” (2017); “Pode ser calquera...” (2018);  “Agárrate que veñen curvas” (2019).


Dende o ano 2013 e ata o 2019, Charamela ensaiou o grupo de teatro infantil e xuvenil das Escolas culturais do Concello de Melide nas que baixo a dirección de Mary Gómez Neira, se representaron obras como:

“Búscase pastor” (xaneiro 2013); “O país dos sin-ceros” (maio 2013); “O hostal do anxo” (xaneiro 2014); “A casa encantada” (maio 2014); “A decisión de Vilalimpa” (maio 2015); “Canción de Nadal” de Charles Dickens (decembro 2015); “O quiosco de Sabela” (xuño 2016); “O taller de xoguetes” (decembro 2016); “A consulta” (maio 2017); “Chegará o Nadal” (decembro 2017); “A tenda do pobo” (maio 2018); “Bo Nadal” (decembro 2018); “Que clase máis tola” (xuño 2019).

Na actualidade estamos a ensaiar  “Adulterio decente”.

Despois dos estreos en Melide, comezan as numerosas saídas o longo de toda a xeografía galega.

Na actualidade o grupo de escena está formado por quince persoas (actores e equipo técnico, que se encarga dos decorados, son, iluminación, maquillaxe e vestiario).

Participa, desde a súa creación, na Rede Cultural da Deputación de A Coruña.

Actuou en varias edicións:

Mostra de Teatro Popular “Maruja Villanueva” de Chantada; Mostra de teatro afeccionado Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño; Festival de teatro entre culturas de Verín; Veladas de teatro no Souto de Cervo; A asociación organizou cursos de  interpretación teatral e posta en escena.

Charamela creou en agosto do 2010 o Encontro Interxeracional  “O abrazo das idades” que se prolongou o longo dos anos,

do que o ano que ven terá lugar a XI edición. Nestes encontros o que se pretende e poñer de manifesto a importancia das relacións e intercambio de vivencias entre persoas de diferentes idades e neles leváronse a cabo representacións teatrais, exposicións, obradoiros de cociña, homenaxes a persoas e asociacións, actuación de grupos musicais e teatrais de Melide e de fora, e o concurso “Ti si que vales” que pretende mostrar o bo facer de nenos/as, mozos/as e maiores en diversas facetas como baile, canción, maxia...

Organiza  desde o ano 2012 Ciclo de Teatro Afeccionado: “Teatro no Cerne”, no que actúan grupos de teatro de toda Galicia.

Colaborou co Concello de Melide na realización das alfombras de Corpus, da cabalgata de Reis e na Feira do 1900 en Furelos e participou na elaboración dos cabezudos e dos estandartes do Carme.

Demos o Pregón da segunda edición do Mercado Medieval  Peregrino.

Creamos en novembro de 2014 “Xuventude Sa” para fomentar os bos hábitos na nosa xuventude. No que tivemos cursos de primeiros auxilios, xogos populares con merenda saudable para todos os participantes e pola noite a actuación dun grupo de música.

Contamos cun equipo de traballo que se dedica á creación de comparsas para o entroido. Levamos a cabo o magosto e celebramos a noite de San Xoán,  xa que nos parecen interesantes estas  iniciativas para que non se perdan as nosas tradicións.

No ano 2016, Charamela recibe a medalla de Ouro do Concello de Melide, en recoñecemento do labor cultural que desempeña a través, entre outras actividades, do teatro.

No ano 2019, o Servizo de Normalización Lingüística de Melide  outorgoulle á Asociación Cultural Chamarela o premio comarcal á defensa do idioma galego.

Neste mesmo ano, representamos o Belén vivente do Concello de Melide.

Despois do parón obrigatorio pola pandemia, reanudamos a nosa actividade co Ciclo de teatro onde estaban o Grupo de teatro municipal de Ribeira, o Grupo de teatro do Hospital Xeral de Lugo, Grupo de maiores de Boqueixón, o Grupo humorístico Trípode de Alfoz e o noso grupo. Ademais faremos numerosas saídas pola xeografía galega (Sarria, Aguiño, Visantoña, Boqueixón, Sobrado...).















Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira, setembro 2022

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...