domingo, 7 de agosto de 2022

 

FROITO NOVO DE MELIDE: 50 ANOS DE COMPROMISO, AMOR POLA CULTURA MUSICAL DO PAÍS E BO FACER.


Neste ano 2022 asistimos ó aniversario da Agrupación “Froito Novo” de Melide, un aniversario en maiúsculos e polo alto, xa que estamos a falar de medio século de traxectoria ininterrompida. ¡Xa van aló 50 anos!, ¡nada menos!, e nese eido estamos a falar da decana das agrupacións musicais de Melide, referíndonos ás que seguen vivas a día de hoxe, e á segunda da comarca Terra de Melide, posto que en antigüidade somentes é superada pola Banda de Música de Visantoña (outrora denominada Banda de Vilar de Ferreiros), que conta con 145 anos de existencia, e da que supoñemos que dentro de 5 anos se lle renderá o tributo oportuno e agradecido.


Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1973.
 Froito Novona inauguración
do Pazo de Vilar de Ferreiros en Visantoña, Santiso.
De Froito Novo, e da súa sona e calidade musical, pouco se pode enfatizar que non se saiba. De feito estamos a falar dunha agrupación musical enraizada no folclore galego, integrada por instrumentistas de gaita, bombo, tambor e pandeireta, aínda que ata non hai demasiado tempo tamén contaba con corpo de baile (o corpo de baile desaparece a comezos da década dos 80, pero rexurde ocasionalmente no ano 1988, por mor dunha xira por Pomerania, no norte de Polonia).

Das súas orixes sinalar, como é ben sabido, que naceu ó abeiro e baixo o paraugas do Convento dos Pais Pasionistas de Priorada, polo ano 1972 cando grupos de mozas e mozos asistían ó convento para imbuírse do maxisterio do mestre dos mestres gaiteiros, o mítico Gabriel Mato Varela, o carismático líder dos gaiteiros “Irmáns Garceiras”, e baixo o amparo do P. Jorge López Neira (quen na actualidade forma parte da Comunidade da enfermería de Deusto, e que estivo anteriormente destinado en Melide, na Coruña ou na capital do Perú).



Como refire o gaiteiro Ramón Martínez Pedreira, o líder de Froito Novo para o xornal “La Voz de Galicia”: “Agradece a quen os empuxou no mundo da música da gaita, o pai Jorge, Mingos de Pita, e os irmáns Manolo e José Ignacio Parrado”. O propio Ramón nos comenta que nos comezos de Froito Novo foi un grupo de mozos de Melide os que foron recibir os ensinos de gaita no Convento Pasionista, para acabar dando lugar á agrupación, e a eses ensaios acudían “Carlos Varela (Pulgui), Ramón Martínez, os irmans Moncho e Manuel Varela Sánchez, Suso Monterroso, e o madrileño, co noso Mestre Gabriel de Garceiras. Tamen viñan polos ensaios Mingos e os irmans Manolo e Xosé Ignacio Parrado, pero por mor do traballo non podían acudir regularmente”. 


Ano 1993. 21º aniversario de Froito Novo,
pousando diante do Cruceiro do Castelo. Con eles está o padre Jorge,
 pasionista un dos impulsores da agrupación.

Hoxe Froito Novo xa non conta con corpo de baile como tivo en tempos, pero si ten excelentes músicos de gaita e de percusión. Hoxe, no 2022, lonxe dos preto de cen integrantes cos que chegou a contar, reúne a catorce músicos talentosos e altamente comprometidos coa recuperación das raíces musicais do país, tanto mulleres coma homes, sendo os máis veteranos o propio Ramón Martínez, que leva en Froito Novo dende os seus comezos hai agora 50 anos de maneira ininterrompida; Moncho Méndez Pintor (Moncho de Palancas), un destacado percusionista de tambor e bombo; e o gaiteiro Fernando Mellid, que outrora foi percusionista de bombo, quen estivo en Froito Novo de xeito intermitente e permanente dende os últimos dez anos.

Froito Novo sacou adiante tres traballos discográficos: “Esperta Galicia” que viu a luz no ano 1976 continuado polo “Homenaxe ós gaiteiros populares galegos” e “Os nosos éxitos”.

Foto arquivo Casé Rodríguez. Ano 1985.
Actuación de Froito Novo nunha das súas numerosas
viaxes por Europa,
neste caso en Polonia.
Tamén se traduce en embaixador de Melide, posto que levou o seu nome por diferentes lugares tanto da xeografía peninsular (País Vasco, Cataluña, Castela e León, etc.) e as Illas Canarias así como por diferentes países europeos (Suíza, Francia, Inglaterra, Gales, Escocia, Holanda, Portugal e Polonia entre outros), así pois Melide está e, sempre estará en débeda con eles, por ser escaparate de canto de bo ten este recuncho do país, por ser embaixador da súa cultura musical, e por ser semente doutras agrupacións de gaiteiros que agromaron a partir de Froito Novo, e que




continuaron e continúan coa súa estirpe e que son reflexo de canto de positivo ten o papel da gaita na tradición musical da Terra de Melide.

Froito Novo xunto cos Garceiras
Compre dicir que o nome de Froito Novo, ó igual que o dos Garceiras, son sinónimo de cultura, tradición, recuperación das nosas raíces, expresión de talento, escola, amor polo propio e de xenerosidade. 

Xa o seu propio nome non pode resultar máis descritivo do que significa e do que implica, posto que estamos a falar dun novo froito, dun espertar ou rexurdimento das raíces e dun agromar fecundo. 

Hoxe, como xa indicamos, ese froito tradúcese en pebida ou carabuña que permite a eclosión de novas formas de facer e  de entender a nosa música de raíz, e como aínda, se fai un oco con plena afouteza e dignidade no amplo panorama musical actual, certamente competitivo.

Non se nos ocorre un xeito mellor para rematar esta homenaxe a este Froito Novo tan presente na determinación dun Melide, dun Melide que xustifica a razón da súa existencia e que ó mesmo tempo é beneficiario de contar cunha agrupación musical tan senlleira, que lembrar as verbas de Celso Emilio Ferreiro quen tan atinadamente nos di:

 


“No lusco-fusco                       Leva a Terra con il,

pasa un gaiteiro.                      sen il sabelo.

Non sei si de mar                     Esperanzas

ou de vento.                             e medos.

 

Canta e chora                           Longas noites

a un tempo,                              de sofremento.

laios no roncón,                       No solpor

trinos no punteiro.                   hai un gaiteiro.

                                                Non sei si é ave

                                                Ou é berro”.



1.- Foto F. Somoza. Ano 1972?. “O conxunto musical de Froito Novo posou en liña para a foto: cinco gaitas, dúas panderetas, dous tamborís e un bombo. Vemos no centro a Gariel Mato “Garceiras”, mestre gaiteiro”. 

2.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1973. Rapaces de Froito Novo xunto co mestre Gabriel Garceiras.

3.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1973. Froito Novo na inauguración do Pazo de Vilar de Ferreiros en Visantoña, Santiso.

4.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1974. Actuación de Froito Novo no Día da Muiñeira.

5.- Foto arquivo Carlos Varela. Sesión de fotos de Froito Novo para a portada do disco que editaron no ano 1975.

6.- Foto de Milo Mosteiro Mato. 4 de xullo de 1975 os Gaiteiros Garceiras acompañados de Froito Novo nunha actuación en Berna (Suíza).

7.- Foto Somoza. Anos 70. Procesión de Corpus Christi. “Don Antonio Mourelle xa ven pata o palio e o Padre Jorge, pasionista, pon en orde ós nenos e nenas da Primeira Comuñón (que aquel ano todos levaron hábito branco). Xosé Manuel Rodríguez Pampín, crego, cooficia na procesión. Froito Novo vestiu o traxe de gala e os seus gaiteiros tocan diante do palio”.

8.- Foto de santos López Novo. Foto do ano 1976. Procesión de Corpus Christi. Vense os nenos e nenas da comuñón subidos nun camión (de Mariño), engalanado para a procesión. Van acompañados polos gaiteiros de Froito Novo que desfilan para a ocasión.

9.- Foto arquivo Pepe Blanco. Anos 70. Froito Novo diante da portada do Concello de Melide, antigo Pazo da Obra Pía.

10.- Foto dos anos 70. O Grupo Froito Novo diante da Capela do Pazo de Vilar de Ferreiros.

11.- Foto do arquivo de Lola Fondevila. Anos 70.“Froito Novo tocando na procesión de San Roque. Acompañados polos xigantes que abren a procesión xunto cos gaiteiros de Froito Novo. A un lado podemos ver as rapazas do corpo de baile de Froito Novo desfilando en ringleira”.

12.- Foto do arquivo de Eduardo Blanco. “A agrupación folclórica Froito Novo posando diante da igrexa de Santa María”.

13.- Foto arquivo Pepe Blanco. “Froito Novo na ponte vella de Furelos. Detrás vese a aldea coas casas antigas, un bo conxunto etnográfico, hoxe bastante modificado”.

14.- Foto Broz. Procesión de Corpus Christi pla rúa de Ovedo. “Diante ían o cura e os monaguillos, e logo os nenos e nenas da Primeira Comuñón e os segue a Agrupación Folclórica Froito Novo, que tantos éxitos tivo en danza e gaitas. Os gaiteiros de Froito Novo preceden ó palio, tocando quizais o Himno do Antigo Reino de Galicia. En tanto que dos balcóns caen pétalos de rosa ó paso do Palio do Corpus”.

15.- Foto Broz. Procesión de corpus pola rúa de Ovedo. Vemos nesta imaxe ós gaiteiros de Froito Novo diante do palio, tocando as gaitas.

16.- Foto Broz. Procesión de San Roque, ano 1980. “Ven a procesión pola rúa de Ovedo. A pequena imaxe  de San Roque, de vestir, levada por rapazas de Froito Novo. Detrás os curas e a Comisión que ese ano lle tocou ós da pel (carniceiros, gandeiros e zapateiros). Logo a banda de Música e a xente ó fondo.

17.- Foto arquivo Casé Rodríguez. Ano 1985. Actuación de Froito Novo nunha das súas numerosas viaxes por Europa, neste caso en Polonia.

18.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1985. 13º aniversario de Froito Novo. Vemos a toda a agrupación formada polos músicos e o corpo de baile, pousando nas escaleiras da Casa de Calvo.

19.- Foto arquivo Casé Rodríguez. Pousado de Froito Novo nunha viaxe a Canarias.

20.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1985, acto de aniversario da agrupación Froito Novo, celebrado na Praza do Convento.

21.- Foto de Milo Mosteiro Mato. Anos 80. Froito Novo pousando diante da Capela de San Roque acompañados do seu mestre Gabriel Mato de Os Garceiras.

21a.- Foto de Milo Mosteiro Mato. Anos 80. Nesta imaxe vemos os Gaiteiros Garceiras e a Froito Novo tocando na procesión do Día de San Pedro na Praza das Coles.

22.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1989. Compoñentes de Froito Novo pousando diante da igrexa do Leboreiro.

23.- Foto Broz. “Era a Festa do Melindre, na súa primeira edición, 5 de maio de 1991.

Froito Novo ía tocando polas rúas: muiñeiras diante do vello Museo, Antonio Varela, Dimas Pampín, Ramón Martínez e Ramón Méndez, xa veteranos en moitas festas dende nenos. Daquela numerosa agrupación folclórica é o que nos queda, pero é dabondo para encher o aire de Melide con sons da xota de Lucas, ou do vello Himno de Galicia, ou do pasodoble Priorada. ¡E non deixedes que pare de soar a gaita!”.

24.- Foto Revista da TVG. Os Gaiteiros Garceiras e Froito Novo. “A foto é testemuño da homenaxe que o pobo de Melide lle rendeu a este afamado grupo de gaiteiros que tantos éxitos acadou ó longo da súa vida musical por todo o país. Detrás deles, os de Froito Novo recollen o aire dos vellos mestres, alumnos sempre fieis a quen lles ensinou a mover os dedos no punteiro e os palitroques sobre a pel. Nos seus inicios nos anos 70 formaban dúas longas ringleiras en desfile a maior parte da xuventude melidá e a ritmo de gaita e pandeiro danzaron muiñeiras en toda a comarca e viaxaron ó estranxeiro levando a música da terra. No centro da foto está Gabriel Mato, un dos mellores gaiteiros do país.”.

25.- Foto de Milo Mosteiro Mato. Agosto de 1992. Homenaxe ós Garceiras na igrexa de Sancti Spiritus de Melide. Na foto vemos a Mingos de Pita (Froito Novo) e a Gabriel Mato (Garceiras).

26.- Foto de Milo Mosteiro Mato. Agosto de 1992. Homenaxe ós Garceiras na igrexa de Sancti Spiritus de Melide.

27.- Ano 1993. 21º aniversario de Froito Novo, pousando diante do Cruceiro do Castelo. Con eles está o padre Jorge, pasionista un dos impulsores da agrupación.

28.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1993. 21º aniversario de Froito Novo, pousando diante do Cruceiro do Castelo. Con eles está o padre Jorge, pasionista un dos impulsores da agrupación.

29.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1997. Actuación de Froito Novo na VIII Semana da Música de Melide, celebrada na antiga Casa da Cultura.

30.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 1998. Acto de inauguración da rúa que leva o nome da agrupación Froito Novo.

31.- Ano 1999. Foto de Froito Novo pousando diante do Cruceiro de Melide.

32.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 2000. Actuación de Froito Novo no Círculo de Artesanos de A Coruña.

33.- Foto arquivo Carlos Varela. Ano 2002. 30ª Aniversario de Froito Novo,pousando diante do Cruceiro de Melide.


Texto elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...