TÍMPANO DE SANSÓN CO LEÓN DA IGREXA DE MOLDES (MELIDE)
Temos unha sección
neste Facebook e no blog dedicada ás igrexas románicas das comarcas lindeiras,
pero por riba de todo centrámonos no estudo e difusión do Románico
da nosa comarca, na que non se conservan tantos exemplos como na Ulloa por
exemplo, pero os que temos responden a un compendio de elementos e detalles que
o fan singular e especial.
Debuxo de X.M. Broz do tímpano da igrexa de Moldes. |
Hoxe amosamos un
destacado exemplo que podemos atopar no Concello de Melide. Atópase na igrexa
parroquial de San Martiño de Moldes, onde nos encontramos cun dos mellores e
máis sobresaíntes exemplos de Románico en toda a contorna en canto o seu
repertorio decorativo. Trátase dun modesto templo rural moi modificado no
tempo, xa que a súa cabeceira ou ábsida foi eliminada para edificar a casa
reitoral anexada á igrexa, e no seu interior producíronse tamén unha serie de
infrutuosas reformas que modificaron substancialmente o arco triunfal e se
engadiu unha prolongación na nave central a modo de cruceiro ou transepto. Esta
reforma foi efectuada con toda probabilidade despois do ano 1933, xa que no
plano que se adxunta no “Terra de Melide” aparece debuxada a planta cunha soa
nave rectangular e sen cruceiro. Pero o máis sobresaínte da igrexa atopámolo no
seu exterior, onde conserva practicamente intacto, aínda que en mal estado de
conservación, todo o seu repertorio decorativo propio da máis pura iconografía
románica. Trátase dun auténtico bestiario en pedra onde zoomorfos e animais
fantásticos e mitolóxicos adquiren todo o protagonismo.
Pero se algo destaca sobre maneira nesta igrexa son os tímpanos das dúas portas de acceso ó templo: a sur cunha representación de dous animais enfrontados, e, sobre todo e por riba de todo a portada occidental, onde podemos ver unha representación dun episodio bíblico moi coñecido do Antigo Testamento: a loita de Sansón co león. Compre indicar que se trata esta, dunha representación canto menos interesante en canto a súa singularidade e importancia artística e historiográfica, xa que en Galicia, na actualidade tan so se coñecen seis exemplos máis similares a este: Taboada dos Freires (Taboada), Santiago de Taboada (Silleda), San Miguel de Oleiros (Silleda), Pazos de San Clodio (San Cibrao das Viñas), Santa Baia de Beiro (Ourense) e San Xoán de Palmou (Lalín).
O tímpano
representa a un home imberbe ó lombo dun animal ó que está desqueixando, e que
pode ser interpretado como un león. Trátase da representación da escena bíblica
de Sansón, aínda que novas interpretacións destes sete tímpanos galegos coa
mesma escena, os compara coa imaxe do Rei David que se pode ver na portada sur
da Catedral de Ourense, ou mesmo con Santiago Apóstol a lombo do cabalo
(Hipólito de Sá, 1978). Aínda que existe unha pequena falta de consenso entre
os especialistas, o certo é que a datación da Seo ourensá lévanos a unha data
posterior ó ano 1200, mentres que o tímpano de Moldes, inspirado posiblemente
no de Taboada dos Freires (Taboada) ó único que está datado mediante a
inscrición que conserva, lévanos a unha cronoloxía arredor do ano 1190, sendo
obra do Mestre Pelaxio (Izquierdo Perrín). O tímpano de Palmou, actualmente no
Museo de Pontevedra, logo dunha controvertida e rocambolesca historia de
compra-venda ó longo do século XX que se prolongou ata o 2004 cando pasou a
formar parte definitivamente dos fondos do Museo, é o de maior calidade
estilística de todos polo que Ben-Cho-Shey (década de 1930), o propuxo como
primeiro e iniciador da serie, datando este tímpano en base a outros elementos
da igrexa de Palmou anteriores ó ano 1170 (Bango Torviso, 1987).
Cabe destacar tamén que os sete tímpanos conservados con esta representación aparecen enmarcados cun arco lobulado, o que nos leva de novo ó mestre Pelaxio como autor ou inspirador (polo menos de Taboada dos Freires, onde deixou a súa sinatura), e que o sitúan como un “discípulo pouco aventaxado das Praterías na Catedral de Santiago” (segundo Ben-Cho-Shey, 1936) xa que recorda os modelos das ventas en arcos lobulados do piso superior da fachada sur da catedral.
En canto ó tímpano de Moldes compre indicar que dos sete conservados, curiosamente é o único que mira á esquerda, facendo diso un elemento diferenciador con respecto os outros seis que miran todos para a dereita.
Podemos ver no noso exemplo unha factura tosca, onde con todo se identifica bastante ben a figura dun león, xa que as súas patas semellan as dun felino, a diferencia doutros exemplos nos que o animal presenta estilo máis propio dun équido (Pazos de San Clodio ou Taboada dos Freires), isto xeralmente é debido posiblemente á mera copia de elementos sen que se interpretara ben o significado do que se está a representar, ou porque se esculpe un animal por simples descricións non visuais.
Outro elemento que
fai singular ó tímpano de Moldes é a representación de difícil identificación
que lle sae da boca ó león, que por outro lado non se aprecia en ningunha das
outras seis imaxes. Foi identificada tradicionalmente como flores, a lingua do
animal ou como un trevo, e segundo Carrillo Lista e Sastre Álvarez podería
referirse ó episodio bíblico que narra esta escena e na que Sansón se aproxima
ó león morto e ve dentro del un panal con abellas (Xuíces, 14, 8-9).
Compre indicar que a
igrexa de Moldes garda outras sorpresas interpretativas interesantes, xa que
nas paredes orixinais conservadas (oeste, norte e sur), podemos ver sillares
reaproveitados nas sucesivas reformas e que formaban parte da fábrica orixinal,
onde aparecen gravadas rosetas, formas estrelladas e círculos concéntricos que
nos falan dun repertorio estilístico e interpretativo, xunto con todo o
bestiario de capiteis e canzorros, que hoxe en día non somos quen de
comprender.
Detalle de círculo concéntrico e roseta na fachada occidental da igrexa de Moldes |
Trátase polo tanto, este templo de Moldes, dun dos mellores exemplos de Románico que temos no noso concello, no que sempre nos fixamos no que queda en torno ó Camiño: Leboreiro, Melide, Santa María e Vitiriz, polo que non deberíamos esquecer que este de Moldes, baixo a advocación do santo de Tours (o que xa nos está a indicar a antigüidade da súa fábrica), dista tan so 2 km do centro da vila, e foi edificado no estilo imperante que chegou a nós a través da vía franca cun repertorio estilístico, decorativo e ilustrativo para que fose visitado posiblemente por moitos dos peregrinos que por aquí pasaron.
Amosamos a
continuación os outros seis exemplos de tímpanos coa mesma figuración,
conservados en Galicia na actualidade e que pertencen a igrexas datadas no
século XII ou anteriores. Compre indicar que todos estes exemplos atópanse
nunha área xeográfica lindante co Camiño de Santiago (Francés e Vía da Prata),
pero non podemos afirmar que se trate de obras do mesmo autor, xa que se
aprecian diferencias entre elas en canto o tratamento das figuras, sobre todo á
hora de representar ó animal, aínda que as seis representacións se cinguen a un
mesmo modelo, enmarcado nun arco lobulado e coa representación dun home imberbe
a lombo dun animal ó que ase polas fauces.
San Xoán de
Palmou (Lalín): Este tímpano forma parte actualmente
dos fondos do Museo Provincial de Pontevedra. Xa na década de 1930 estaba
formando parte do balcón dunha casa particular, da que desapareceu por medio
dunha venta ilegal que se resolveu no 2004, cando o Museo pontevedrés se puido
facer coa peza definitivamente. Pode datarse, seguindo os modelos decorativos e
interpretativos doutras pezas do templo, en torno a 1170, sendo polo tanto o
iniciador deste tipo de representacións, as sete coas que contamos, que por
outra banda cínguense a unha zona moi centrada no mapa, pertencendo cinco delas
á Diocese de Lugo e dúas á de Ourense. Aínda que de estilo tosco, trátase da
peza máis elaborada e mellor tratada de todas pois tanto a figura humana como a
do león presentan unha grande expresividade tanto nos xestos como na execución.
Compre indicar como curiosidade, que as metopas situadas no aleiro do tellado
entre os canzorros, presentan motivos de rosetas, mesmos motivos que atopamos
en Moldes nos sillares reaproveitados nas fachadas oeste e sur.
San Miguel de Oleiros (Silleda): Neste caso o estado de conservación é malo. O tímpano sufriu mutilacións para adaptalo ó espazo que ocupa debido ás reformas efectuadas no templo, o que provocou que se lle recortara o arco lobulado que o enmarcaba. Presenta ó igual que os demais unha figura a lombo dun animal que neste caso semella un león polas súas patas flexionadas como un felino.
Pazos de San Clodio (San Cibrao das Viñas): Presenta semellanzas evidentes co de Santiago de Taboada en canto a súa representación iconográfica. Respostan ambos a modelos bastante sinxelos que representan a escena dun xeito bastante esquemático. Compre indicar que este tímpano foi colocado coa parte labrada para dentro despois dunha reforma efectuada na igrexa. Hoxe en día volve lucir cara ó exterior.
Santa Baia de Beiro (Ourense): Na actualidade a igrexa presenta un tímpano liso, pois o que tiña desapareceu, pero tanto Fernández Oxea, Duro Peña como Sastre Vázquez, consideran que o tímpano que se conserva no patio dunha casa particular na próxima aldea de Turei, correspóndese con este desaparecido. Trátase da mesma representación que podemos ver nos outros seis, pero con sutís diferenzas, o que nos indica claramente que non todo os foron elaborados pola mesma man, nin o mesmo taller. Neste caso o animal si semella un león. Toda a representación, igualmente sinxela está enmarcada por numerosos arquiños.
BIBLIOGRAFÍA:
-
Broz Rei, Xosé Manuel: “O Románico na Terra de Melide no Camiño de
Santiago”. Publicado no Boletín nº 7 do CEM-MTM, ano 1992.
-
Sastre Vázquez, Carlos: “Os sete tímpanos galegos coa loita de Sansón e o
león”. Publicado no Anuario Brigantino nº 26. Excmo. Concello de Betanzos, ano
2003.
- Romanicodigital.com Fundación Santa María la Real. Románico digital. Páxina web do Románico na Península.
Texto elaborado por Cristina Vázquez Neira
Colabora Xurxo Broz Rodríguez