CASAS DE ESTILO RACIONALISTA EN MELIDE
Destaca pola sinxeleza das súas formas, facendo apenas uso de elementos decorativos externos, centrándose no deseño de liñas puras e xeométricas e a utilización de materiais modernos como o ferro ou o cristal pero sempre en liñas rectas e sen ornamentación, a solución para as casas en esquina case sempre foi a de rematalas en curva, creando unha idea de continuidade e espazo que flúe. Unha das principais características é a utilización do formigón como material construtivo, prescindindo da pedra e ladrillos. Trátase por tanto da concepción de ‘estilo moderno’ ou ‘contemporáneo’ aplicado á arquitectura, abandonando a ornamentación e deseño que se veu producindo ata o século XIX.
En Melide temos innumerables exemplos deste
estilo arquitectónico, por coincidir coa primeira fase de boom construtivo e de
expansión urbanística da vila. As primeiras casas construídas neste estilo
responden ó modelo internacional con casas de liñas rectas nas que destacan
amplos ventanais xeométricos e balcóns con varandas de ferro de fábrica tamén
coas liñas rectas. Co paso das décadas o estilo foise facendo menos elaborado
pasando a edificar casas máis sinxelas pero que gardan as liñas xerais, como a
falta de ornamentación, a utilización do formigón, os balcóns con varandas de
ferro sen ornamentar. É evidente tamén a utilización de molduras en
formigón, nos aleiros dos tellados e que se pode considerar o único elemento
decorativo, aínda que responde ás pautas propias do estilo: liñas rectas.
A continuación deixamos varios exemplos de
casas racionalistas en Melide, aínda que podemos contabilizar máis de 80
edificacións, repartidas por todas as rúas da vila, sen excepción. Non todas foron edificadas no mesmo momento senón que se foron construíndo neste identificable estilo dende os anos 30 ata os 60 do século XX.
Ronda da Coruña
Casco Vello