5º
CENTENARIO DA “ASEMBLEA DE MELIDE”.
AS
CAPITULACIÓNS DO REINO DE GALICIA
(4
de decembro de 1520 – 4 de decembro de 2020)
Nesta data tan significativa da que este ano se conmemora o seu cincocentos
aniversario, celébrase un feito ocorrido un 4 de decembro do ano 1520 en Melide, no
que se conseguiu reunir ós poderes estamentais galegos, nunha xuntanza na que
se ía falar por e para Galicia, collendo á súa vez a testemuña da xuntanza
celebrada 53 anos antes (1467), tamén en Melide, e que segundo verbas do doutor
en Historia Medieval Carlos Barros, considérase a data e lugar de nacemento da
Xunta de Galicia.
Ambos acontecementos, e en particular a Asemblea de 1520, deben ser
recordados e festexados sen dúbida algunha o 4 de decembro de 2020.
Debuxo idealizado do Melide Medieval. Vese á fortaleza da Mitra Compostelá á esquerda, e a igrexa do Convento de Sancti Spíritus á dereita, coa súa torre almeada. |
As Cortes de Santiago.
No mes de marzo do ano 1520, o rei Carlos I, neto dos Reis Católicos e
herdeiro ó trono de Castela e Aragón pola incapacidade da súa nai a Raíña Xoana
I, convocou Cortes en Santiago, xa que
poucos días despois a súa intención era coller un barco que o trasladara a
Flandes, pero ó mesmo tempo coa finalidade de eliminar calquera pretensión de
revolta por parte dos nobres casteláns, polo descontento que estes tiñan contra
o rei alemán e as súas políticas que non tiñan nada satisfeitos ós nobres.
Ademais pretendía solicitarlles novos fondos para poder facer fronte ós gastos
cuantiosos da súa coroación en Aquisgrán.
As sesións comezaron o día 31 de marzo e acudiron os nobres convocados
representantes das distintas cidades que tiñan voto. Galicia neses intres non
tiña voto de seu e era representada pola cidade de Zamora, que pedía e
reclamaba as necesidades en nome do Reino de Galicia, o que non favorecía en
nada as pretensións dos nobres galegos que vían como o seu poder a as súas
necesidades non eran ben defendidos por dita cidade.
Fragmento dunha imaxe da celebración de
cortes medievais no que se representan as Cortes Catalás (edicións das
“Constitucións de Cataluña, incunable do 1495)
Ante tal situación o arcebispo de Santiago, Alonso III de Fonseca e Ulloa,
acompañado polo señor de Vilalba e rexedor de Betanzos, Fernando Pérez de
Andrade Pérez das Mariñas, e máis o conde de Benavente deciden presentarse no
Convento compostelá de San Francisco e pedir a súa asistencia ás Cortes. Esta
petición foi denegada, producíndose ademais unha serie de altercados que foron
reducidos polo corpo diplomático do rei, quen entre outras medidas pronunciou
un acta de desterro contra o Conde de Andrade, que tivo que exiliarse na cidade
da Coruña.
Estas Cortes, que supuxeron máis enfrontamentos co monarca, tamén por parte
dos nobres casteláns presentes, motivados pola condición alemá do rei que non
era ben acollida polos casteláns entre outras cuestións polo nomeamento de
estranxeiros como cargos diplomáticos, ademais de coñecer as pretensións do
monarca de solicitar fondos ós nobres para financiar a súa viaxe a Flandes e os
gastos que conlevaba ser proclamado elector e coroado Emperador do Sacro
Imperio Romano-Xermánico, tiveron que ser aprazadas pola celebración da Semana
Santa do ano 1520, datas nas que non se podía realizar ningún acto deste tipo.
Esta suspensión temporal das cortes motivou o desprazamento do rei á cidade
da Coruña, xa coa idea de embarcar canto antes, polo que as cortes foron
reanudadas unha vez finalizada a Semana Santa, esta vez na cidade herculina.
Curiosamente Fernando de Andrade, que se achaba alí desterrado polo rei, foi
nomeado por este como capitán da escuadra que o levaría ata a cidade flamenca,
condonando así o castigo de dito conde.
Pero o arcebispo Fonseca non puido esquecer o desplante sufrido en Santiago
polo que decidiu convocar ós nobres cabaleiros e prelados do Reino de Galicia,
nunha xuntanza na que cada un expuxera as súas peticións, pero para asinar
conxuntamente unha serie de acordos favorables a Galicia, entre eles o voto en
Cortes, xa que consideraban unha especie de ultraxe o acontecido na cidade do
apóstolo.
Fotografía do sartego de Fernando Pérez Andrade das Mariñas, ubicado na igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume. |
Decidiu celebrar dita asemblea en Melide, por ser “la metad del Reino”,
ademais de pertencer durante os séculos anteriores á Mitra Compostelá como
territorio xurisdicional.
O 4 de decembro do ano 1520 tivo lugar en Melide a reunión de “cabaleiros e
prelados do Reino de Galicia”. Nesa xuntanza, seguindo o exemplo da Xunta de
Irmandades celebrada tamén en Melide 53 anos antes (primavera de 1467 con
motivo da 2ª Revolta Irmandiña), formalizáronse unha serie de peticións en nome
de Galicia, para presentar ante o Emperador Carlos V (I de España). Entre as 16
propostas asinadas, destacaron dúas por riba de todas: conseguir unha Casa de
Contratación (Especiería) para A Coruña, e acadar o voto en cortes para Galicia
que ata aquel momento estaba sendo representada por Zamora. Ambas peticións
tiveron resultados desiguais: a primeira conseguiuse un par de anos máis tarde,
mentres que a segunda foi respondida con evasivas por parte do Rei, acadándose
dita representación en Cortes definitivamente no ano 1622 baixo o reinado de
Felipe III.
Esta Asemblea de Melide conseguiu reunir ás distintas forzas sociais de
Galicia, representadas por bispos, señores nobiliarios e representantes das
vilas e cidades (aínda que houbo ausencias destacables como a do Conde de
Monterrei ou a do bispo de Tui), o que significa que por segunda vez na
Historia, Melide foi o lugar onde se decidiron fundamentais e transcendentais
decisións políticas e sociais, converténdose así, no cerne da configuración
política da Baixa Idade Media e dos inicios da Idade Moderna de Galicia.
Tratouse da segunda ocasión na que se escolleu Melide, como cerne do Reino,
para celebrar unha xuntanza que reunise os poderes estamentais do país, para
solicitar dereitos en nome de todo o pobo galego.
As Cortes convocadas en Santiago tiñan dúas finalidades concretas, como xa
se expuxo: unha estratexia política orientada por un lado a deslocalizar ós
grandes nobres casteláns das súas zonas de influenza, e por outro ter próximo o
porto da Coruña onde ía embarcar camiño de Flandes para ser coroado en Aquisgrán
como Emperador do Sacro Imperio Romano-Xermánico.
Nesta xuntanza das Cortes, onde Galicia non tiña voto dende mediados do
século XV, xuntáronse nobres e procuradores, moi a descontento polo lugar elixido,
posto que non estaban de acordo con moitas das medidas emprendidas polo rei, pero
o maior descontento sufriuno Alonso III de Fonseca, o arcebispo de Santiago
quen foi expulsado sen a posibilidade de acceder ó lugar onde se estaban a
celebrar, cando pretendía reclamar a súa presenza pois consideraba fundamental
pedir o voto en Cortes para o Reino de Galicia.
Ante os desplantes sufridos nas Cortes de Santiago, o Arcebispo de Santiago
Alonso III de Fonseca convoca á nobreza, prelados e alcaldes das vilas galegas,
a unha xuntanza na que decidir importantes cuestións para o Reino de Galicia e
presentarllas ó Rei Carlos I. Esta reunión: a “Asemblea de Melide”,
convocouse o 4 de decembro de 1520 en Melide, como centro do Reino e vila que
estaba baixo a xurisdición da Mitra Compostelá.
Non se coñece o lugar onde se levou a cabo dita reunión. Existen tres
posibles localizacións das cales calquera delas cumpre co necesario para celebrar
dito acontecemento nelas:
-
O Convento de Sancti Spiritus da Orde Terceira Regular Franciscana. Ubicado
extramuros da vila medieval de Melide, puido ser o lugar onde se reuniron os
nobres e prelados do Reino para celebrar a dita xuntanza, tanto nas
dependencias monacais coma na propia igrexa conventual, que nese momento xa
fora reedificada por orde de Sancho de Ulloa o primeiro Conde de Monterrei e tío de Alonso III de Fonseca,
para o cal utilizou as pedras do castelo que a Mitra compostelá posuía na vila
de Melide e que fora seriamente danado na Revolta Irmandiña, e do cal, anterior
arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca, pai do actual, fixo uso de das
pedras do mesmo para cederllas a Sancho de Ulloa na reedificación de dita
igrexa.
-
A igrexa parroquial da vila de Melide, a tristemente desaparecida igrexa de
San Pedro. Fundada no ano 1265 polo gremio de comerciantes da vila, este templo
puido ser o lugar escollido para a celebración do acto, xa que era habitual
celebrar este tipo de capítulos nas igrexas.
-
A tamén desaparecida Capela de San Sebastián, ubicada fora da vila medieval
e moderna de Melide, actualmente a súa situación poderiámola situar zona de San
Roque, ou no cruce de estradas cara á Coruña.
Retrato do arcebispo Alonso III de Fonseca e Ulloa. Obra atribuída a Pedro
Micó. Século XIX.
A ela acudiron ou enviaron representación: ademais do arcebispo de
Santiago, o conde Fernán Pérez de Andrade, o Licenciado Cáceres en nome do
conde de Benavente (os tres presentes nos altercados das Cortes de Santiago),
Pedro Osorio en nome do marqués de Astorga, Álvaro de Taboada en nome da
condesa de Lemos Dona Beatriz de Castro, Gutierre de Navia en nome do conde de
Altamira e do seu titor o bispo de Astorga, o Dr. Botello en nome do biso de
Lugo, o deán de Mondoñedo en nome do cabido en sede vacante, o mariscal Álvaro
González de Rivadeneyra, Pedro Bermúdez de Castro señor de Montaos, García
Sarmiento señor de Salvaterra e Sobroso, Vasco das Seixas, Alonso López de
Lemos, Lope Taboada, Suero Gómez de Soutomaior señor de Sobrán, Ares Pardo das
Mariñas, Pedro Álvarez de Valadares, Ares Pardo de Cela, Diego Sánchez de
Rivadeneyra, Álvaro de Oca señor de Celme, Frei Alonso Gago comendador de Pazos
de Arenteiro, Álvaro Suárez de Deza señor de Valtebra e Gonzalo Barba. Dos
señores o único que non acudiu nin enviou representación foi o conde de
Monterrei e dos prelados non estiveron presentes os bispos de Tui nin o de
Ourense. As cidades de Ourense e Betanzos estiveron representadas polos seus
rexedores.
Nesta Asemblea se estableceron 16 acordos parta presentar ante o Emperador Carlos V de Alemaña, I de España..
As
Capitulacións do Reino de Galicia: Acordos e peticións:
Tras o desencontro producido nas Cortes celebradas en Santiago na primavera
de 1520, o arcebispo Alonso III de Fonseca decidiu reunir “os cabaleiros e
prelados do Reino de Galicia” en Melide, e plantexar entre todos unha serie de
medidas para ser entregadas ó Rei Carlos I. Acudiron a esta reunión 25
persoeiros que representaban ó máis alto clero e señoríos de Galicia. Foron
asinadas 16 capitulacións entre as cales había dúas principais:
- Afirmar a fidelidade ó monarca pero ó mesmo tempo manterse alleos ó
conflito Comuneiro que estaba tendo lugar en Castela contra o rei polas súas
políticas, que puxeron en descontento á nobreza castelá. Pero acudir á chamada
do rei si este o requiría.
- Solicitar e acadar o Voto en Cortes para Galicia, perdido dende mediados
do século XIV e que por entón estaba sendo representada por Zamora.
A estas dúas cláusulas, que se consideraron esenciais e primordiais,
uníronse outros 14 acordos, a maioría deles de carácter secundario.
Entre outros acordos asinados pola máis alta nobreza e clero galegos
estaba:
- Conseguir unha Casa de Contratación de especias e mercadorías de
ultramar, ó igual da que xa estaba funcionando en Sevilla. A Coruña
considerábase un porto seguro onde poder desembarcar os barcos procedentes das
novas terras descubertas pouco tempo antes (América), e nunha ruta que
comunicaba a península co norte de Europa (fundamentalmente Flandes), polo que
se buscaba acadar unha casa para a contratación mercantil das especias e
produtos que viñan do outro lado do Atlántico.
- Crear unha Capitanía Xeral para Galicia, tamén asentada na Coruña.
Outros acordos tiñan carácter máis anecdótico como:
- Solicitar a non execución das penas nas que se incorrera pola celebración
de “vodas fastosas”, dado que ditas celebracións debían ser celebradas con
mesura.
- A petición que Ares Pardo de Cela, señor da Casa e Torre de Cela e
rexedor de Betanzos, quen solicitou temas referentes á cidade que representaba
como a regulación da feira franca, o cobro dos impostos dos dezmos e as
alcabalas así como o regulamento do alfolí.
- Dada a escaseza de trigo, solicitaron a posibilidade dun subministro de
pan para Galicia.
- Tamén solicitaron armamento, xa que apenas se dispoñía del.
Escudo do Antigo Reino de Galicia
Moitas das peticións eran de carácter local como a efectuada polo rexedor
de Betanzos.
As peticións chegaron ó rei Carlos I, quen se atopaba aínda en Alemaña,
dende alí a resposta que enviou, chea de evasivas non satisfai ós nobres
galegos, xa que o rei se comprometía a falar dos asuntos requiridos unha vez de
volta, pero sen conceder ningún directamente.
Das cláusulas fundamentais, que resumimos en catro:
- A fundamental, solicitar o voto en Cortes, non foi acadado
definitivamente ata o ano 1622 baixo o reinado de Felipe III (neto de Carlos).
- A Casa da Especiería da Coruña acadouse no ano 1522, aínda que non estivo
funcionando moito tempo.
- Conseguiuse a creación da Capitanía Xeneral para o Reino de Galicia co
cargo de Gobernador do Reino e Capitán Xeneral do Reino, con sé na cidade de A
Coruña o 11 de abril de 1521 (aínda que xa existía a denominación dende os Reis
Católicos que substituía ó cargo de Adiantado Maior propio da Baixa Idade
Media).
- Galicia non se puido manter á marxe do movemento Comuneiro, tendo que
loitar do lado do rei cando foron requiridos.
O rei Carlos I
Varios meses antes de celebrarse a Asemblea
de cabaleiros e prelados do Reino de Galicia, e con motivo da convocatoria a
Cortes, o rei Carlos I pernoctou en Melide.
O motivo desa estadía en Galicia do
futuro emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico debeuse fundamentalmente a
dous motivos: a convocatoria a Cortes en Santiago de Compostela e o posterior
embarque do rei no porto da Coruña.
O motivo que levaba o rei Carlos I a
embarcar na Coruña non era outro que o de partir cara Flandes para ser coroado
Emperador en Aquisgrán. Este feito condicionou a celebración das Cortes en
Santiago, xa que quedaba próximo ó porto de embarque e o rei tiña presa por
partir, e o mesmo tempo nunha estratexia política, deslocalizaba os grandes e
poderosos nobres casteláns das súas áreas de influencia e dos seus círculos de
poder e vasalaxe.
A última noite antes da súa chegada a
Santiago, o rei pernoctou na vila de Melide. Descoñécese o lugar exacto onde o
fixo, pero con toda probabilidade podemos asegurar que durmiu no convento que a
Orde Terceira Franciscana tiña na vila (extramuros nese intre), xa que tamén
foi no convento franciscano de Santiago onde se convocaron as Cortes. Non
existe a posibilidade de que pernoctara no castelo que a Mitra tivera na vila,
xa que dita fortaleza fora asediada e seriamente danada polos Irmandiños na
Gran Revolta sen ser novamente reconstruída, por un impedimento por parte dos Reis Católicos. Polo que o seu
propietario legal, o arcebispo de Santiago de Compostela naquel momento Alonso
II de Fonseca, cedeu, doou, vendou ou especulou coas pedras de dito castelo,
coas que entre outras edificacións procedeuse a reedificar a igrexa do Convento
de Sancti Spíritus. Froito de dita reforma conservamos a día de hoxe a Capela
Maior.
Escudo imperial do emperador Carlos V de
Alemaña, rei Carlos I de España
Compre sinalar que escasamente nove meses
despois (no mesmo ano) da estadía do futuro emperador Carlos V, tivo lugar na
mesma vila de Melide, o encontro dos señores laicos e eclesiásticos de Galicia,
convocados polo Arcebispo de Santiago, Alonso III de Fonseca, quen foi
expulsado desas cortes que se estaban a celebrar prohibíndoselle, ademais, a
entrada.
O paso de Carlos I de España e V de
Alemaña, non quedou na memoria colectiva do pobo, aínda que seguramente o fasto
e pompa que traía consigo debeu ser digno de admiración, xa que dito monarca,
criado en Flandes, nunha corte rica e pouco dada a humildade, tiña que traer
consigo un enorme séquito. Pero o certo é que a ese monarca ó que se lle solicitaron
os acordos asinados na Asemblea de Melide, pasou unha noite na vila, antes de
dita reunión.
A Xunta Irmandiña
En 1467, 53 anos antes da Asemblea de
cabaleiros e prelados do Reino de Galicia, tivo lugar en Melide outra reunión
simbólica e de importancia capital no devir da Historia de Galicia de finais da
Idade Media: a Xunta Irmandiña que desembocou na 2ª Revolta Irmandiña.
Esta xuntanza de todos os segmentos
sociais galegos celebrouse nesta vila “por ser la metad del Reino”. Segundo
estudios do profesor de Historia Medieval da USC, Carlos Barros: “hai novas de cinco reunións da Xunta de
Galicia nos anos 1467, 1468 e 1469. A primeira grande reunión tivo lugar, entre
marzo e abril de 1467, en Melide: “ los pueblos y gentes del Reino, se juntaron
y fizieron una junta en la villa de Mellid y allí se juntaron todos en hermandad
e nombraron alcaldes e diputados e cuadrilleros della”.
Nesta primeira xuntanza onde os
Irmandiños solicitan ós señores, moitos deles presentes nesta reunión, que cesen
os abusos e abandonen as fortalezas, pode ser considerado como a primeira vez
que as forzas políticas e sociais do país se unen para actuar e decidir
executar unha serie de medidas en nome do pobo galego, segundo nos di o profesor
Barros: “facer a primeira xuntanza do máximo órgano de poder irmandiño no
medio xeográfico do Reino de Galicia (Melide) salienta o sentido
vertebrador fundante, da primeira xunta”.
Segue a explicar que “despois da
xuntanza de Melide, resulta favorablemente para os rebeldes ó poder señorial (o
único existente antes de 1467 en Galicia, porque o poder de El-Rei era
nominal)...”, indica que nesta xuntanza os participantes decidían por
Galicia a xeito persoal.
Este feito, que en palabras de moitos
outros especialistas na cuestión, simboliza o nacemento do órgano de goberno
coñecido como Xunta de Galicia, e onde se inspiraron as xuntas actuais dos
gobernos autonómicos para definir o seu nome, sendo herdeiras destas xuntanzas
medievais.
Igrexa
do Convento de Sancti Spiritus de Melide.
En dúas ocasións nun curto espazo de
tempo (apenas 53 anos) nas fins da Idade Media e nos inicios da Idade Moderna,
a vila de Melide converteuse, de xeito nominal e presencial na capital do Reino
de Galicia, xa que foi neste pobo, cerne do reino, onde se decidiron reunir os
representantes da sociedade e da política deste país para tomar decisións
capitais por e para dito Reino, nun punto non so accesible dende o punto de
vista xeográfico por atoparse equidistante dos catro puntos cardinais, senón
porque actuou como punto neutral onde ser convocados, poder parlamentar,
decidir e asinar medidas por e para o Reino de Galicia.
Outros importantes acontecementos históricos tiveron lugar tempo despois, como unha das Batallas contra o exército napoleónico durante a Guerra da Independencia, ou episodios relacionados coa 1ª Guerra Carlista (ambos no século XIX), pero ningún destes feitos foi tan singular, destacado, simbólico e decisivo como a Xuntanza Irmandiña (xermolo da Xunta de Galicia) ou a “Asemblea de Melide”, da que imos celebrar o seu cincocentos aniversario, e que puxo a Melide na historia xa que historiográficamente este acontecemento leva o nome da vila no seu título.
Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira