Melide e a devoción a San Roque
Ó mesmo tempo tamén é patrón e custodio dos peregrinos
e romeiros, xa que, enfermo de peste decidiu peregrinar a Roma para librarse da
enfermidade, e ante a súa curación dedicou o resto da súa vida a percorrer
camiños curando e atendendo ós afectados por esta enfermidade. Por este mesmo
motivo a súa advocación de santo romeiro tamén influíu en que moitas vilas que
se atopan nas rutas de peregrinación (a Roma, Santiago ou outros santuarios), o
adoptaran como patrón, teñan unha igrexa ou capela dedicada a el, ou festexen a
súa onomástica o 16 de agosto.
A relación de Melide con San Roque ven de
antigo. Hai constancia da celebración desta festa polo menos dende o ano 1722, data
na que se reedificou a vella capela de San Roque cunha procesión, música, baile
e fogos.
Tamén está documentada a presencia de xigantes e cabezudos dende comezos do
século XIX, e deles temos un documento gráfico datado no ano 1923.
Trátase por tanto dunha antiga celebración na vila, e dunha festa cunha
fonda raigame no tempo.
A este santo peregrino (a Roma), nado en Montpellier, nunha data incerta
entre finais do século XIII e inicios do XIV, e soterrado en Venecia, invocábase
para que mediante a súa intercesión se mitigara a peste e demais epidemias.
Para tal fin compúxose un gozo en cuxas estrofas se imploraba a San Roque nos
seguintes termos:
"Líbranos de peste y males,
Roque santo peregrino".
Sabemos que a capela dedicada ó santo, e que dende as
súas orixes ata o ano 1949 estivo situada no Campo de San Roque (actual
beirarrúa urbanizada do Cantón de San Roque), data do século XVIII. Tratábase
dun templo modesto en estilo Barroco Rural, e veu a substituír a unha anterior
(Románica) dedicada a San Sebastián.
A actual capela de San Roque conserva restos da
fábrica da vella e no interior podemos ver o retablo en estilo Neoclásico que
tamén foi trasladado. A portada que loce na súa fachada, en estilo Románico de transición
pertencía a vella parroquial de San Pedro, demolida no mesmo ano que a anterior
de San Roque.
Tamén temos constancia dunha tradición que se levaba a
cabo na vila o día de San Roque antes do ano 1832, xa que nesa data é cando se prohíbe
unha costume arraigada en moitas vilas medievais, como Ribadavia, e que levaba
por nome “Festa da Historia”, nela o día 16 de agosto, logo da misa solemne na
honra de San Roque, os veciños do pobo ataviados con roupas ó modo dos
personaxes do Antigo e Novo Testamento, escenificaban escenas bíblicas a modo
de entroidada. Acto reprobado polo bispo polo que se prohibiu a súa
celebración.
Imos reproducir a continuación un artigo elaborado por
don Antonio G. Mourelle, benlembrado e benquerido cura párroco de Melide durante
máis de corenta anos e que foi publicado no libro de festas de San Roque de ano
1979. Nel introdúcenos nas orixes da celebración de ditas festas, e que mellor
narrador para contárnolo:
“...Na primeira metade do século
XVIII o gando foi pasto dunha gran peste e gripe que afectou dun xeito especial
a Galicia. Os nosos labregos chamáronse á protección de San Roque, avogoso
contra peste e males, que no seu peregrinar curaba as enfermidades do corpo e
da ialma. En moitas parroquias adicáronlle unha capela ou altar na igrexa
parroquial. Poucas igrexas hai nas que non se venera unha imaxe de San Roque e
máis en zonas gandeiras, explicación de que a maior parte das imaxes de San
Roque daten da primeira metade do século XVIII. Melide mercado de primeira en
gando, etapa importante das peregrinacións, na súa fe tamén fai parar ó San
Roque peregrino e prégalle que coute a peste nesta bisbarra e adícalle unha
capela nos terreos que se chamarían e chaman de San Roque. Os cregos de Melide
os días de mercado e San Roque iban bendicir ó gando xunto á capela, bendición
que escomenzaba cunhas rogativas na igrexa parroquial. O día de San Roque pola
afluencia do moito gando que traguían a bendicir, escomenzaron a facerse
compras e ventas do mesmo, terminado en romaría a modo de santuario. Capela e
festas fixéronse coas limosnas de todos os que concorrían co gando. Así
escomenzaron as raíces detas festas, pola fe do pobo máis sencillo de toda a
comarca. Este renombre, pois, das festas de San Roque non arrinca de cero...
O correr dos tempos con parte da
capela de San Roque e parroquial de San Pedro, edifícase a actual igrexa de San
RToque, ó entrar n avila, mesmo no descanso da rubida do camiño de Furelos.
Dúas raíces transplantadas, que forman un soio tronco do século XX. San Pedro
dalle a porta do século XIII, San Roque imaxes e retablos do século XVIII,
crisis de identidade que sufreu o arte, costumes e festas...”
Foto dos anos 30. Procesión pola antiga Alameda de Melide. |
Foto sacada o día 16 de agosto de 1936, día de San Roque. Vese a procesión pola Ronda da coruña cara ó Cruceiro. Día de festa pero día triste, pois acababa de comezar a fatídica Guerra Civil. |
Foto dos anos 40. Procesión de volta do San Roque. Trátase do día 17, cando se conduce a San Roque de novo á parroquial. Procesión con pouca xente, xa que só se ven ós curas, á corporación municipal, á comisión de festas e á Banda de Música, seguidos dun pequeno grupo de mozas e flanqueados por varios veciños que ven pasar á procesión dende a beirarrúa. |
Foto dos anos 50. Procesión de San Roque pola Rúa Camiño de Ovedo, vemos o santo patrono da vila, San Pedro, acompañado pola Virxe do Carme e o Sagrado Corazón de Xesús, que tamén saían na procesión. A imaxe de San Roque con seguridade iría de primeira na procesión. |
Foto dos anos 70. A agrupación folclórica Froito Novo, acompañando ós xigantes e cabezudos na procesión de San Roque. Pódese ver ó fondo da imaxe, como ven o santo portado por rapazas da agrupación. |
Foto do ano 1980. Vese a procesión de San Roque pola Rúa de Ovedo. Nesta foto pódese ver que o Santo é levado en andas por varias nenas integrantes da agrupación Froito Novo. |
Foto do ano 1988. Gran desfile no día de San Roque polo Cantón. |
Foto dos anos 80. Xigantes e cabezudos desfilando o día de San Roque, e tras deles os gaiteiros de Froito novo e os Garceiras abrindo o paso á procesión co Santo. |
Foto dos anos 70. A agrupación folclórica Froito Novo, acompañando ós xigantes e cabezudos na procesión de San Roque. Pódese ver ó fondo da imaxe, como ven o santo portado por rapazas da agrupación. |
Imaxe de San Roque na igrexa do Convento de Sancti Spiritus de Melide |