DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, e a súa atinada elección de Antón Fraguas Fraguas, o Museo de Melide quere recordar de novo ós ilustres das nosas letras, entendendo por “nosas”, ós autores que estudaron, investigaron, poetizaron e narraron, historia, etnografía, costumes, contos e sentimentos da Comarca da Terra de Melide.
Dende o Museo de Melide animámosvos a celebrar o Día das Letras Galegas co
orgullo que nos produce ter unha lingua propia, que serviu de medio de
expresión da man dos nosos máis egrexios autores, tamén na nosa vila.
Facemos neste artigo un compendio de dous traballos xa
publicados noutra ocasión no blog. Nun deles falábamos dos autores que xa
levaban máis de dez anos finados (emulando un dos requisitos principais dos
homenaxeados no Día das Letras Galegas), máis parecíanos de xustiza lembrar a
aqueloutros investigadores e escritores que faleceron non fai tanto tempo, e
que de igual modo que os seus precursores merecían igualmente formar parte desa
listaxe de “Ilustres das Letras Melidás”.
Neste artigo, polo tanto, queremos renderlles unha máis
que sentida e merecida homenaxe, a todas esas persoas, que fixeron da arte de
escribir, e de facelo ademais na nosa lingua, unha maneira de expresión, un
xeito de contar e de describir o que sabían e o que sentían, (por desgraza na
nosa listaxe só temos unha muller, por outra banda cunha traxectoria vital e
artística de inconmensurable valía). Temos que sinalar que un dos máis grandes
investigadores no eido da historia e da arte da nosa comarca, Don Eduardo
Álvarez Carballido, así como frei
Guillermo Vázquez Núñez, historiador da
Orde Mercedaria, falecido á inicios da Guerra Civil, non escribían en galego
(circunstancias que descoñecemos pero podemos comprender), pero ambos, xa non
só, por ser veciños ilustres, e historiadores de gran valía, foron membros da
Real Academia Galega, polo que sobradamente teñen merecido formar parte desta
lista no Día das Letras Galegas.
Incluímos así mesmo na lista, persoeiros
foráneos da nosa bisbarra, pero que parte da súa obra investigadora tivo que
ver coa nosa comarca, publicando numerosos artigos da historia destas terras. Así como outros que tampouco naceron aquí, pero que fixeron de Melide o seu lugar de residencia, vivindo aquí e mesmo formando familia.
Sen máis a continuación, presentamos ós nosos persoeiros
das Letras.
DON EDUARDO ÁLVAREZ CARBALLIDO:
Eduardo Álvarez Carballido |
Xa de cativo a súa familia
trasládase a Melide onde se escolariza nunha
escola pública da vila, e continúa os seus estudos no Instituto de Lugo.
Licénciase en Medicina y Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela
no ano 1874. Exerceu a súa actividade profesional como médico en Melide e na
súa comarca.
Tivo a súa residencia na rúa do
Progreso nº 11 de Melide, onde creou un Museo privado con importantes
fondos documentais, históricos e arqueolóxicos da Terra de Melide, que por
desgraza non se conservan, xa que foron vendidos polos seus herdeiros.
Intelectual e estudoso de temas
de contido histórico, arqueolóxico e artístico. Pola súa traxectoria como
investigador foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega no
ano 1906, data da fundación da Institución.
Autor de numerosos traballos
publicados nas revistas Galicia Diplomática, Galicia Histórica e no Boletín da
Academia, como poden ser: “Un Hospital de peregrinos en Galicia”, “Memorandum
histórico: la villa de Mellid y su comarca”, “Gallegos ilustres: el Arzobispo
de Méjico D. Mateo Segade Bugueiro”, “Antiguas pinturas en la Iglesia de Sancti
Espiritus en Mellid”, “Pambre”, “Santa María de Libureiro”, “Una lápida
sepulcral”, “Los sartegos de Trasmonte”, “Tradición de la Cova d’Serpe”,
“Pinturas murales halladas en Santa María de Mellid”, “Escultura en Galicia:
los gaiteros”, “Protohistoria”, “Monasterios olvidados: A Capela I y II”, “En
los Condes: episodio de la Reconquista”, “San Salvador de Villar de Donas”,
“Grobas”, “Restos de un collar de la época Neolítica”,…
Pode consultarse a súa biografía
nos boletíns nº 3 e nº 22 do Museo da Terra de Melide.
Ten dedicada unha rúa en
Melide, onde se ubica o C.E.I.P. nº 1.
BIBLIOGRAFÍA:
- Fuciños Gómez, Xosé Domingo: "D. Eduardo Álvarez Carballido". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide 1904-1996". Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
- "Publicación de traballos do historiador melidense Eduardo Álvarez Carballido". Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009.
BIBLIOGRAFÍA:
- Fuciños Gómez, Xosé Domingo: "D. Eduardo Álvarez Carballido". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide 1904-1996". Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
- "Publicación de traballos do historiador melidense Eduardo Álvarez Carballido". Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009.
Frei Guillermo Vázquez Núñez |
Nado en Catasol, parroquia de Santa María de Melide en 1884 e falecido en Madrid en 1936.
Ilustre frade e sacerdote da Orde
da Merced, iniciando o noviciado no Convento da Magdalena de Sarria, e facendo
os votos sinxelos no Mosteiro de Poio. Desenvolveu diversos cargos na Orde,
despois da súa ordenación sacerdotal en Lugo no ano 1908, entre eles “Padre
Provincial de la Provincia de Castilla” (1914-1918), Comendador do Mosteiro de
Poio (elixido no ano 1924), ademais do nomeamento de “Historiador de la Orden
Mercedaria en la Provincia de Castilla”.
A nivel académico compre sinalar
que estuda a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, onde se
licenza no ano 1911 e doutora no 1917. Posto que foi amante da súa terra
galega, á quen lle dedicou tamén os seus estudios, no ano 1927 foi
elixido como correspondente da Real Academia Galega, con tan so 43 anos.
Destaca pola súa extensa obra
publicada sobre a historia da Orde da Merced, e tamén pola autoría de toda
clase de artigos fundamentalmente de temática relixiosa e histórica.
O 24 de agosto de 1936, a inicios
da Guerra Civil, morre asasinado en Madrid, ós 52 anos de idade, por este
motivo está actualmente en proceso de beatificación xunto con outros mártires
da Orde Mercedaria, como o tamén melidao Ramón Lago Parrado.
Pode consultarse a súa biografía
nos boletíns nº 3 e nº 25 do Museo da Terra de Melide.
Non ten rúa dedicada en Melide, pero dada a súa relevancia intelectual e pola súa vinculación como
correspondente da Real Academia Galega, é sobradamente merecedor dunha rúa no
seu concello natal.
BIBLIOGRAFÍA:
- Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: "Frai Guillermo Vázquez Núñez". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O melidán Guillermo Vázquez Núñez, padre Mercedario". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.
BIBLIOGRAFÍA:
- Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: "Frai Guillermo Vázquez Núñez". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O melidán Guillermo Vázquez Núñez, padre Mercedario". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.
DON EMILIO PEREIRO QUIROGA:
Emilio Pereiro Quiroga |
Nado en Furelos en 1873 e falecido en Melide no 1941. Fillo do mestre de Furelos Don
Andrés Pereiro. No ano 1910 contrae matrimonio, en Culleredo, coa tamén poetisa
Dona Juana Teresa Juega López (a quen tamén recollemos neste artigo).
Licenciado en Dereito pola
Universidade de Santiago, desempeñou o cargo de Secretario Municipal do Excmo.
Concello de Arzúa no ano 1926 e ó pouco, por circunstancias, chega a ser
alcalde dese concello veciño, tan só durante un ano e dous meses. A pesar do
escaso tempo como alcalde de Arzúa, desenvolve un papel moi destacado, tanto a
nivel político como cultural, de feito foi durante o seu mandato, cando se
escoita por primeira vez nun acto institucional o Himno Galego en Arzúa, no ano
1926.
A nivel literario compre destacar
que entre os anos 1904 e 1906 publica poemas en castelán e un en galego, na
“Revista Gallega” da Coruña e noutras revistas do pais. Tamén publica outro
poema en galego na revista “Follas Novas” da Habana. No ano 1907 publica poemas,
principalmente en castelán na prestixiosa revista de Galo Salinas.
O seu poemario custodiado na Real
Academia Galega, consta de 33 textos, nos que se
inclúen 22 versos e 11 prosas. Dentro da obra en galego, figuran dous poemas
(un dedicado a Curros Enríquez), ademais de dous contos en prosa (“O conto” e
“Cencia infusa”).
Entre as súas creacións
recóllense os seguintes títulos, moitos deles escritos en Melide:
En verso: “Íntimas”, “Jesucristo
y su doctrina”, “Te conozco”, “Joli”, “O tempo será testigo”, El ruiseñor y el
cerdo”, “Modernisterias”, “Cantares”, “La confidencia”, “Triste recuerdo”,
“Verano”, “Simil”, “Invierno”, “Nostalgias”, “Lazos de amor”, “Muertos del
mar”, “Cantares”, “A.D. Manuel Curros Enríquez na súa vesita a Mellide”, “Olas
del alma”, “Viernes Santo”, “La redención”, “A la señorita Carmen Juega López”
(poesía dedicada á súa cuñada), “A la señorita Juana Teresa Juega” (poesía
dedicada á súa muller).
En prosa: “Cencia infusa”, “La
maldición”, “ “Hielo”, “Dos eclipses”, “Reflexiones”, “Conmemoración de
difuntos”, “Verso y prosa”, “Odisea de una gota de agua”, “El traje negro”, “La
virgen de piedra. Historia y tradición”, “O conto”, “Dos poetas que se casan”.
Pode consultarse algo da súa
biografía e da súa creación literaria no boletín nº 14 do Museo da Terra de
Melide.
Non ten rúa dedicada en Melide.
BIBLIOGRAFÍA:
BIBLIOGRAFÍA:
- Monterroso Devesa Juega, José
María: "Poesía e prosa de Emilio Pereiro Quiroga". Boletín nº 14
do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2001.
- Cascón Armando: " Pereiro Quiroga, o alcalde ilustrado arzuán". www.terrasdesantiago.com, ano 2008.
-http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/casa-banos-primitiva-y-tragedia/20160402231738279448.html
- Cascón Armando: " Pereiro Quiroga, o alcalde ilustrado arzuán". www.terrasdesantiago.com, ano 2008.
-http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/casa-banos-primitiva-y-tragedia/20160402231738279448.html
DON AMADOR RODRÍGUEZ MARTÍNEZ:
Amador Rodríguez Martínez |
Nado en Melide en 1910 e falecido tamén en Melide en 1946, contando tan só con 36
anos de idade. Era fillo de José Rodríguez Ureña e de Elisa Martínez Sobrado,
que rexentaron o ultramarinos “Aceiteiro”, na Ronda da Coruña.
Foi ordenado sacerdote, e exerceu
o seu ministerio na vila de Melide, de feito aínda se conservan fotografías e
algunha estrofa dun “Auto dos Reis Magos” escrito por el, e que foi
representado na desaparecida parroquial de San Pedro, nunha desas estrofas que
tiñan que recitar os nenos, dicían:
“Eu son un pobre galego
que de Melide chegou agora
e de regalo che traigo
melindres da Melchora”
Advírtese nesa estrofa o uso do
galego en verso e o carácter costumista da composición, o que denota a
personalidade do autor.
É de destacar, por tanto, a
faceta galeguista de Amador Rodríguez, e tamén as súas inquedanzas pola
investigación do folclore tradicional popular. Nesa liña é preciso facer
notar a súa indispensable colaboración co Seminario de Estudios Galegos
na realización do “Terra de Melide” editado no ano 1933,
cando contaba tan só con 23 anos de idade. É xunto con Vicente Risco o autor do
capítulo titulado “Folklore de Melide”.
No prólogo da reedición do “Terra
de Melide” do ano 1978, Xosé Filgueira Valverde (homenaxeado nas Letras Galegas
do 2015), refírese a Amador Rodríguez, nos seguintes termos:
“Amador Rodríguez Martínez, axiña
malogrado, foi colaborador áxil, polo coñecimento dereito da poesía tradicioal,
das crenzas, dos costumes, da mitoloxía, lendas e feitizos e da cencia do pobo
sobre o ceo, os elementos, a saúde e a vida.”
Ten unha rúa dedicada en Melide, onde se sitúan o Supermercado Gómez e a Floristería Tarrío.
BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide, 1904-1996". Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
DON ANTONIO TABOADA ROCA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide, 1904-1996". Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
DON ANTONIO TABOADA ROCA:
Antonio Taboada Roca |
Nado en Melide en 1889, faleceu en Madrid en 1978, aínda que está enterrado no
cemiterio do Castelo.
Licenciado en Farmacia no ano
1919 pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerceu como farmacéutico en
Melide, na súa casa da Rúa Progreso, ata a súa xubilación, e a partir do ano
1932 desempeña a maiores o cargo de Inspector Farmacéutico Municipal.
Foi un eminente erudito e
investigador melidao especializado en estudos históricos, historiográficos
e fundamentalmente xenealóxicos. Foi, ademais por méritos propios, membro das
máis destacadas institucións académicas de Galicia: correspondente da Real
Academia Galega e numerario do Seminario de Estudios Galegos, así como
correspondente das Academias e Institutos Xenealóxicos de Brasil, Chile, México
e Perú.
Tal foi a súa inxente obra
especializada en estudios xenealóxicos, que foi considerado por Don Antón
Fraguas Fraguas “o mellor xenealoxista de toda España”.
A súa obra é case innumerable,
polo que so citamos unha parte dos seus traballos: “El Pazo de Villar de
Ferreiros”, “El Pazo de Santa Marina de Casa de Amarante”, “A nascenza do
Xeneral La Carrera” (publicado na Revista Nós), “La Curia eclesiástica de la
ciudad de Santiago a mediados del siglo XVIII”, “La villa de Arzúa y su
comarca”, “Lembranzas sobre genealogías de Marinos Ilustes”, “El linaje de los
Mera”, “Estampas compostelanas del siglo XVII”, “La fundación de Don Pedro
Jaspe de Montenegro y sus familiares”, “Nuestros hilados y tejidos rurales”,
“Un documento feaciente de Juan Gómez Tonel”, “Mellid, escenario de las
Capitulaciones del Reino de Galicia en tiempos de las Comunidades”, “La
Cofradía de Santa Catalina y los curtidores y zapateros de la villa de Mellid”,
“Padrón de la villa de Mellid y su jurisdicción”, “Casa de Salgueirón, Solar de
los Roca”, “Mellidenses ilustres: Don Joaquín Gundín”, “La ascendencia paterna
del Excmo. Sr. Don Francisco Javier Sánchez Cantón”, “La Casa Consistorial de
Mellid”, “El coto de San Juan de Furelos”,… entre outros moitos.
Pero quizais o máis destacable
sexa o feito de ser coautor do “Terra de Melide” no ano 1933, xa que el é o
responsable único do capitulo que leva por título “Notas Históricas”, onde se
recollen as principais linaxes da Terra de Abeancos.
Posuía unha ampla biblioteca e
arquivo persoal, no que atesouraba gran cantidade de documentos e legaxos. Por
circunstancias, este importante legado documental foi trasladado e almacenado
no Castelo de Pambre, e hoxe inexplicablemente ninguén sabe nada do seu
paradoiro, polo que a súa perda supón un dano irreparable para a nosa cultura.
Pode consultarse a súa biografía
nos boletíns nº 3 e nº 27 do Museo da Terra de Melide.
Ten unha rúa dedicada en
Melide, onde se sitúan a Librería Victorio e a Cafetería Avenida.
BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
- Hermida Rodríguez, Antonio:
"D. Antón Taboada Roca". Boletín nº 3 do Centro de
Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O arquivo Taboada Roca". Boletín nº 27 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2014.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Arquivos fotográficos de Melide". Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.
DONA JUANA TERESA JUEGA LÓPEZ “ Teresa Juega de Pereiro”:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O arquivo Taboada Roca". Boletín nº 27 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2014.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Arquivos fotográficos de Melide". Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.
DONA JUANA TERESA JUEGA LÓPEZ “ Teresa Juega de Pereiro”:
Juana Teresa Juega López |
Nada en Laxe en 1885, faleceu en
Melide no 1979, estando enterrada no cemiterio do Castelo.
A súa infancia discorre en
Uruguai ata ós 13 anos. No ano 1898 a familia regresa da emigración e instálase
na Coruña onde o seu pai, médico de profesión, adquire a casa de baños “La
Primitiva”.
Con tan só 19 anos, Juana Teresa
comeza a colaborar coa prensa no diario “El Eco de Galicia”, dado que xa se
espertara nela a súa inquedanza literaria. A principios de 1904 escribe un
libro poético titulado “Alma que llora” que, de publicarse, os beneficios irían
destinados a unha institución benéfica fundada por María Barbeito. O libro tiña
pensado publicarse a principios de 1908 pero aconteceu un suceso dramático,
Juana por aquel entón tiña un mozo que era militar, ademais dun home machista e
ciumento que estaba acomplexado pola moi superior capacidade intelectual de
Juana. Cando o mozo lee na prensa o anuncio da publicación do libro entra en
cólera e movido por un arrebato de tolemia mesmo chega a asestarlle dous tiros
na cara cun revólver, deixándoa malferida e suicidándose posteriormente.
Juana, unha vez que se recupera
física e emocionalmente daquel desafortunado suceso, continúa escribindo
poemas, entre eles “Á morte”, o seu primeiro poema en galego.
Dous anos máis tarde, en 1910,
casa en Culleredo co avogado melidao Don Emilio Pereiro Quiroga, tamén
inclinado pola creación poética. A partir de entón o matrimonio establece a súa
residencia en Melide.
Entre as súas composicións consérvanse
unhas 70 obras (unha en prosa e as demais en verso), e entre os poemas
ó redor dunha ducia están escritos en galego, como poden ser: “Á morte”, “Non
chores”, “Gaita gallega”, “Galicia… arriba”, “Ilusiós”, “Bágoas”, “Meigallo”,
“Saeta gallega”, ou “A Xosé”.
Publícase unha recompilación dos
seus poemas e a súa biografía no boletín nº 13 do Museo da Terra de Melide.
Non ten rúa dedicada en Melide.
BIBLIOGRAFÍA:
- Monterroso Devesa, José María: "Obra poética de Teresa Juega". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
- Monterroso Devesa-Juega, José María: "Nótula sobre o apelido Juega. Unha ponla Valle-Inclán en Melide: Teresa Juega de Pereiro". Boletín nº 26 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2013.
-http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/casa-banos-primitiva-y-tragedia/20160402231738279448.html
-http://laescaleradeiakob.blogspot.com.es/2015/01/crimen-pasional-en-la-casa-de-banos.html
- http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/64/idNoticia-565193/
BIBLIOGRAFÍA:
- Monterroso Devesa, José María: "Obra poética de Teresa Juega". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
- Monterroso Devesa-Juega, José María: "Nótula sobre o apelido Juega. Unha ponla Valle-Inclán en Melide: Teresa Juega de Pereiro". Boletín nº 26 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2013.
-http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/casa-banos-primitiva-y-tragedia/20160402231738279448.html
-http://laescaleradeiakob.blogspot.com.es/2015/01/crimen-pasional-en-la-casa-de-banos.html
- http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/64/idNoticia-565193/
DON NILO CEA RODRÍGUEZ:
Nilo Cea Rodríguez |
Nado en Melide no 1911, faleceu en Melide no 1992.
Fillo de Don Domingo Antonio Cea
Costoya, mestre de Melide e de Dona Leonor Rodríguez da Casa de Traspedra, veu
ó mundo en Melide nunha casa da Ronda da Coruña. Parte da súa vida discorre na
veciña vila de Arzúa, onde aínda lle quedan irmás.
Foi mestre de ensino público na
escola de Furelos, dende que rematou a carreira ata que se xubilou no ano 1972.
Ademais dun mestre exemplar pola
súa sorprendente faceta pedagóxica, foi un excepcional conversador e
contador de contos e artista multidisciplinar. Cultivaba a poesía e a prosa
(contos de nenos e de escola así como narracións costumistas), sempre en lingua
galega. Ademais amosou un destacado talento como debuxante, caricaturista e
tallista en madeira, deixándonos unha obra chea de expresividade e fonda
esencia da realidade tradicional galega.
Entre as súas obras destacamos os
contos de escola titulados “A Escola, o escolante e máis os rapaces da aldea”
(en prosa), “Contos recolleitos e contos discurridos postos en verso” (poemas),
e “Contos do Mariano” (en prosa). O seu estilo literario está influenciado pola
estética cultivada polos membros da Xeración Nós, a quen tanto admiraba e cos
que incluso intercambiou correspondencia.
Unha parte importante da súa obra
literaria está publicada e pode consultarse nos boletíns nº 11, nº 12, nº 13,
nº 14 e nº 15 do Museo da Terra de Melide. E parte da súa obra en madeira
(tallas), amósanse nunha das salas do Museo (gracias a xenerosidade da súa
viúva Dona Matilde Sánchez Reboredo).
A súa obra é dunha calidade tan
sobresaínte que o Museo da Terra de Melide pretende sacala do inxusto anonimato
e por iso quere divulgar o seu legado e convertelo en patrimonio, non só de
Melide, senón de todos os galegos; polo que no ano 2014 envíaselle unha copia da
súa obra literaria á Real Academia Galega e ó Consello da Cultura Galega, para
incorporala ós seus fondos bibliográficos.
Ten unha rúa dedicada en Melide,
no Barrio de Don Vicente.
BIBLIOGRAFÍA:
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Lembranza
de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 11 do Centro de Estudios
Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.
- Porto Roca, Ermitas: "O meu amigo Nilo". Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A obra poética de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999.
- Broz Rei, Xosé Manuel: " A obra narrativa de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As caricaturas de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 15 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2002.
- Porto Roca, Ermitas: "O meu amigo Nilo". Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A obra poética de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999.
- Broz Rei, Xosé Manuel: " A obra narrativa de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As caricaturas de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 15 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2002.
DON JOSÉ MANUEL RODRÍGUEZ PAMPÍN:
José Manuel Rodríguez Pampín |
Nado en Melide en 1940, faleceu en Melide no 1997.
Este sacerdote e profesor melidao
foi un convencido galeguista que, entre outras cousas, promoveu a
tradución da Biblia ó galego e a reedición do ano 1978 do “Terra de Melide” do
Seminario de Estudios Galegos, ademais de ser un firme defensor da liturxia en
galego.
Fai os seus estudos eclesiásticos
no Seminario de Santiago de Compostela e na Universidade Pontificia de
Comillas, e foi profesor de relixión en varios IES, entre eles o IES Eduardo
Pondal de Santiago de Compostela.
No ano 1990 foi merecedor, xunto
con José Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, do Premio Nacional de
Tradución polos seus traballos de tradución á nosa lingua da “Biblia”, da
“Biblia dos Nenos” de A.M. Cocagnac e Rosemary Haughton, e do “Evanxeo dos
nenos” de Harold Wistone.
Publicou traballos da súa autoría
nos boletíns “Encrucillada” e “Grial”. Entre as súas obras destacamos: “Nova
conciencia na Igrexa galega” (con prólogo do destacado bispo galeguista da
Diócese Mindoniense Monseñor Araújo), “Pro e contra da liturxia en galego:
historia dunha polémica” (conxuntamente con Manuel Caamaño); e tamén de tres
obras teatrais publicadas na Revista Grial e que levan por título: “Creón,
Creón”, “Ifixenia non quere morrer” e “Alcestes, traxedia en dous actos e sete
cadros”.
No prólogo que Xosé Filgueira
Valverde fai da segunda edición do “Terra de Melide” do ano 1978, dedícase un
paragrafo ós promotores da reedición, e cita en exclusiva o empeño de Xosé
Manuel Rodríguez Pampín en sacar adiante esa reedición.
Ten unha rúa dedicada en
Melide ó carón do C.E.I.P. Pastor Barral.
Dende o Museo de Melide
animámosvos a celebrar o Día das Letras Galegas co orgullo que nos produce ter
unha lingua propia, que serviu de medio de expresión da man dos nosos máis
egrexios autores, tamén na nosa vila.
BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
-Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xosé_Manuel_Rodríguez_Pampín
- DIALNET: Obra de Xosé Manuel Rodríguez Pampín.
BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
-Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xosé_Manuel_Rodríguez_Pampín
- DIALNET: Obra de Xosé Manuel Rodríguez Pampín.
- http://elprogreso.galiciae.com/noticia/81558/melide-dedica-una-calle-al-cura-rodriguez-pampin
ANTONIO FELPETO GARCÍA
Antonio Felpeto García |
Neste caso trátase dun autor e investigador escasamente coñecido nesta
bisbarra, pois era alleo a ela ó non ter vínculos naturais con estas
terras do interior, pero consideramos que debe ser incluído nesta homenaxe
posto que foi un activo colaborador no Boletín do Centro de Estudios
Melidenses-Museo da Terra de Melide, aportando interesantes artigos para
coñecer o pasado histórico do Convento de Sancti Spíritus de Melide.
¿Que dicir de Don Antonio Felpeto? Que foi unha personalidade inqueda no
eido da cultura da Comarca Eumesa e Ferrolá, que por unha sorte do destino
chegou a Melide procurando a vinculación entre o Convento de Santa Catalina de
Montefaro (Concello de Ares) e o de Sancti Spíritus de Melide. Dese xeito
entrou en contacto co Museo de Melide e a partir do ano 1992 ser colaborador
habitual da institución incorporando interesantísimos artigos sobre a temática
franciscana.
Don Antonio nace en Cervás (Concello de Ares) o 11 de febreiro de 1920,
cursa estudos de bacharelato en Ferrol e de Maxisterio na Coruña, onde obtén o
título de “Maestro Nacional” o ano 1942.
Exerce a súa profesión de mestre en escolas de Boiro, Ares, Quiroga,
Ferrol, As Somozas, San Sadurdiño e Mugardos, en cuxo colexio público se xubila
no ano 1985. En todas elas destaca por ser un activo emprendedor de actividades
didácticas adiantadas ó seu tempo, organizando obras de teatro, excursións e
viaxes de estudos, realizando Beléns polo Nadal e tamén desenvolvendo e
artellando grupos de traballo sobre a historia da zona, lingua e cultura,
grazas ó que os seus alumnos gañaron moitos premios en concursos a
nivel estatal.
Pero neste artigo queremos destacar a súa incansable inquedanza
investigadora en diversos eidos e tamén por ser unha persoa xenerosa e
altruísta e aberto a colaborar en toda clase de actividade cultural.
Foi un dos creadores da “Revista de la Merced de Chanteiro” na que se
investiga sobre os votos dos Concellos de Ferrolterra coa Ermida da Mercede e
coa Ermida de Chamorro. Tamén incorpora interesantísimos artigos de temática
histórica na “Revista de la Semana Santa mugardesa” e tamén en “Semana Santa
del Concello de Ares”. Tamén agrega artigos a La Voz de Galicia, el Ideal
Gallego e na “Revista General de Marina”.
No boletín do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide
realiza os seguintes traballos:
- Boletín
nº 7 (ano 1992) “Los Conventos Franciscanos de la Tercera Orden de Melide y
Montefaro en las Guerras Carlistas”.
- Boletín
nº 8 (ano 1993) “Los Hospitales de los Terceros Franciscanos en el Camino de
Santiago en la Provincia de León”.
- Boletín
nº 9 (ano 1995) “Un terceiro franciscano de Melide” e “O escudo da Terceira
Orde Franciscana”.
- Boletín
nº 10 (ano 1997) “Os selos dos Franciscanos Terceiros Regulares”.
- Boletín
nº 11 (ano 1998) “Os Terceiros Regulares de San Francisco, un capítulo
conflictivo en Melide”.
Felpeto deixa de contribuír co Boletín do Museo con motivo do seu pasamento
o 24 de marzo de 1999, deixando un grato recordo polo seu trato e bonhomía,
ademais de polo seu bo facer.
Como anécdotas queremos indicar que foi Don Antonio o que grazas ás súas
investigacións puxo en coñecemento a existencia da lenda do cabaleiro santo
Lanzarote de la Tour de Auvegerne, quen segundo a Crónica da Casa de
Boullion falece no Hospital de Peregrinos de Melide na súa peregrinaxe ata a
tumba do Apóstolo.
Outra anécdota que queremos resaltar é que debido a casualidades do destino,
unha neta súa acabou traballando en Melide como profesora do IES.
BIBLIOGRAFÍA:
- Felpeto
Lagoa, Matilde: “Lembranza de Don Antonio Felpeto García. Historiador da
Comarca Eumesa”. Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo
da Terra de Melide, xullo 1999.
- Broz
Rei, Xosé Manuel: “Homenaxe a Antonio Felpeto García”. Publicado no Boletín nº
12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, xullo 1999.
ANTONIO HERMIDA RODRÍGUEZ
Antonio Hermida Rdríguez |
Foi colaborador en diversas actividades desenvolvidas polo Museo da Terra
de Melide a finais da década dos 70 e durante a dos 80.
Entre os seus ben documentados artigos de investigación histórica medieval
podemos destacar os seguintes, entre outros:
- “Mellid
hace mil años”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1981.
- “Los
Ulloa y Mellid, siglo XV”, publicado no Boletín nº 1 do Centro de Estudios
Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1982.
- “Escorzo
mellidense de la Casa de Altamira”, publicado no Boletín nº 2 do Centro de
Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- “Primeros
cien años del Mellid de la Nueva Puebla (1212-1316)”, publicado no Libro das
Festas do San Roque do ano 1984.
- “Notas
biográficas sobre Don Antón Taboada Roca”, publicado no Boletín nº 3 do Centro
de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- “Acotaciones
a los fueros de Mellid”, publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo
da Terra de Melide, ano 1985.
- “Amurallamiento
del Burgo de Mellid”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1985.
A maiores destes títulos foi autor de máis traballos publicados en diversas
revistas, nos que se evidencia a súa erudición e mestría no manexo das fontes.
Antonio Hermida deixounos un 3 de decembro do ano 2005. Está soterrado no
cemiterio do Castelo, na primeira rúa á esquerda, onde están ubicados os nichos
máis antigos do camposanto.
Non ten rúa dedicada en Melide.
DON MANUEL TABOADA ROCA “CONDE DE
BORRAXEIROS” E “FILLO PREDILEUTO DE MELIDE”
Manuel Taboada Roca |
Un resumo da biografía de Don Manuel aparece recollido na entrada da
Galipedia (Wikipedia en galego), expresada nos seguintes termos:
“… foi un
xurista galego, Conde de Borraxeiros desde o 1 de outubro de 1958.
…Doutor en Dereito pola Universidade Central de Madrid (1926), foi maxistrado
do Tribunal Supremo do Corpo de Maxistrados de Traballo. Dirixiu a
revista Foro Gallego(1950-1960) e realizou estudos biográficos,
xenealóxicos e históricos. Foi académico da Academia Galega de Xurisprudencia e
Lexislación e da Real Academia Española de Jurisprudencia y Legislación,
correspondente da Real Academia Galega, e membro do Instituto Luis de Salazar y
Castro do Consejo Superior de Investigaciones Científicas.”
Don Manuel foi autor de diversos ensaios, entre os que compre destacar,
entre outros títulos da súa autoría sobre aspectos xurídicos:
- “Los
títulos nobiliarios y su regulación legislativa en España”. Ediciones
Hidalguía, Madrid, 1960.
- “Las
probanzas de hidalguía antes y después de 1836”. Ediciones Hidalguía, Madrid,
1981.
- “Las
sucesiones nobiliarias y su regulación legislativa después de la Constitución”.
Ediciones Hidalguía, Madrid, 1982.
Mais tamén acostumaba a elaborar, ó igual que o seu irmán don Antonio,
artigos sobre a Historia de Melide para os libros das Festas do San Roque e do
Carme, como: “La Capilla de Nuestra Señora del Carmen”, publicado no Libro das
Festas do Carme do ano 1989. Ese mesmo artigo volveuse a publicar no Boletín nº
21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide.
Tamén foi autor da Presentación do primeiro e segundo boletíns do Centro
de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide do ano 1982 e 1983, e
dos seguintes artigos:
- “O
Castelo de Melide”. Publicado no boletín nº 2 do Centro de Estudios
Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- “As
corrupias da nosa vila”. Publicado no boletín nº 5 do Centro de
Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.
Don Manuel finou en Madrid o 3 de marzo de 2006, sendo soterrado no nicho
familiar no cemiterio do Castelo de Melide, onde tamén repousan os restos do
seu irmán Don Antonio Taboada Roca.
O Conde de Borraxeiros non ten rúa dedicada en Melide.
BIBLIOGRAFÍA:
- “Manuel
Taboda roca”, publicado na Galipedia.
MANUEL MEJUTO SESTO
Manuel Mejuto Sesto |
Cursou estudos eclesiásticos no Seminario Diocesano de Mondoñedo, e foi
ordenado sacerdote no ano 1957 na mesma Diocese mindoniense. Desenvolveu a súa
actividade pastoral en diversas parroquias rurais da Diocese de
Mondoñedo-Ferrol, en Nimes (Francia) e tamén na cidade de Ferrol e nas Pontes
de García Rodríguez, entre outras.
Ademais de exercer o ministerio pastoral entregouse a outra das súas
paixóns, a de mergullarse nos arquivos consultando vellos pergameos e
cartafoles nos que se recollía abondosa documentación relativa á historia das
dioceses mindoniense e compostelá.
Tal era a súa devoción polas fontes antigas que adoitaba pasar horas
interminables nas salas de consulta dos diferentes arquivos diocesanos.
Dedicouse á consulta de toda a documentación existente nos mesmos sobre o
Convento de Sancti Spíritus, mergullándose na consulta de Libros de Fábrica,
Libros Becerros e Libros de Defuntos entre outros, buscando documentación sobre
a historia da Igrexa Mindoniense en xeral e sobre os Arciprestados de Melide e
de Abeancos.
A partir do ano 2004 faise colaborador habitual do Boletín do Centro de
Estudios Melidenses ata o ano 2008, cando se produce o seu pasamento. Don
Manuel Mejuto acostumaba a realizar traballos moi ben documentados e sobre todo
moi ben redactados, resultando moi amena a súa lectura.
Os artigos da súa autoría publicados no boletín do Museo da Terra de Melide
foron os seguintes:
- “María
del Carmen Pereiro Calvo. Madre Purísima: unha extraordinaria filla da nosa
terra”. Publicado no Boletín nº 17 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da
Terra de Melide, ano 2004.
- “Don
Ricardo Sánchez Varela”. Publicado no Boletín nº18 do Centro de Estudios
Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005.
- “Mil
anos de pertenencia a unha igrexa (primeira parte)”. Publicado no Boletín nº19
do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
- “Mil
anos de pertenencia a una iglesia (segunda parte). Las relaciones de Melide con
la Iglesia Mindoniese”. Publicado no Boletín nº20 do Centro de Estudios
Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.
A tenor da súa faceta como escritor e investigador, foi autor de varios
libros de temática relixiosa, pero imos destacar un titulado “Madre Purísima de
Jesús. María del Carmen Pereiro Calvo”, publicado polo Instituto Teolóxico
Compostelán no ano 2005. Nese libro aborda a traxectoria vital desa relixiosa
concepcionista, filla de Melide.
Tamén prestou servizo relixioso na súa parroquia natal de Santa María de
Vimianzo no Concello de Santiso, onde promoveu a edificación do novo templo
parroquial.
Manuel Mejuto Sesto falece o día 12 de setembro do ano 2008, deixando orfas
as páxinas do boletín do Museo onde tiña previsto incorporar novos traballos
que quedaron no tinteiro.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz
Rei, Xosé Manuel: “Manuel Mejuto Sesto”, publicado no Boletín nº 21 do Centro
de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008.
- García
Amor, Uxío: “Manuel Mejuto Sesto”, publicado en galegos.galiciadigital.com.
- García
Cendán, Bernardo: “Manuel Mejuto Sesto, na lembranza”, publicado na Revista
Encrucillada, nº 160, ano 2008.
XOSÉ DOMINGOS CIDRE BASTIÁN
FUCIÑOS GÓMEZ “MINGOS FUCIÑOS” OU “MINGOS DE PITA”
Mingos Fuciños |
Mingos Fuciños foi, segue sendo e continuará a ser unha das figuras máis
sobranceiras da cultura de Melide, posto que na súa ampla traxectoria foron
moitas as facetas nas que desenvolveu o seu dinamismo e entrega a prol de
causas culturais.
Resulta moi complicado facer un resumo de tan completa andaiana como
investigador, músico e dinamizador cultural, polo que só imos facer unha
sintética relación de proxectos nos que se comprometeu activamente, ademais de
facer un repaso da súa produción escrita.
Mingos destacou por ser un excelente gaiteiro, alumno aventaxado de Gabriel
Mato Varela “Garceiras”, que como tal foi un dos fundadores da Asociación de
Gaiteiros de Galicia, compoñente e lider da agrupación Froito Novo, fundador do
grupo de gaiteiros O Castro de Toques, da agrupación Axóuxere (dedicada á
recuperación da música tradicional da Terra de Melide e á formación de
gaiteiros, percusionistas e bailaríns tradicionais), ademais de colaborar con
moitas formacións de gaiteiros da contorna como por exemplo Bico da Balouta de
Agolada ou Gaiteiros do Balado de Toques.
Foi ademais fundador e presidente da Asociación cultural Terra de Melide,
para a investigación e posta en valor da cultura da Terra de Melide.
A Mingos tamén se lle debe a creación do Centro de Estudios Melidenses-Museo
da Terra de Melide, no ano 1978, xa que foi cofundador do Museo xunto a Xosé
Manuel Broz Rei e ós irmáns Xulio e Benedito Álvarez García.
Tamén foi membro da Coral Polifónica de Melide e colaborador coa agrupación
coral melidá nas edicións da Semana da Música da Terra de Melide, aportando
información e soportes documentais e fotográficos.
No eido da política local Mingos chegou a ser Tenente de Alcalde de Melide
pola formación Unidade dos Veciños sendo alcalde Manuel Ángel Rey Rodríguez,
entre os anos 1987 e 1991. Tamén foi concelleiro polo BNG durante
varias lexisturas.
Mais como persoa enormemente inqueda por todo o que tiña que ver coa
dinámica cultural tamén se caracterizou por ser un prolífico articulista,
fundamentalmente referidos á historia do Melide do século XX. Entre a súa
grande proxección nese eido compre indicar que foi coautor xunto a Antonio
Hermida Rodríguez e Xosé Manuel Broz Rei, da entrada sobre Melide na “Gran
Enciclopedia Gallega” (Tomo 29).
Entre outros moitos artigos pódense citar os seguintes traballos:
- “Tradición
musical na bisbarra Terra de Melide”, publicado no Libro de Festas de San
Roque, ano 1980.
- “Traballos
sobor de Melide e bisbarra publicados no boletín da Real Academia Galega”,
editado por Trisquele, Terra de Melide e Froito Novo, ano 1981.
- “Lembranza
do coro galego “Aires de Melide”, publicado no Libro de Festas de San Roque,
ano 1981.
- “Don
Pastor Barral Camoiras i-a cultura musical en Melide”, publicado no boletín nº
1 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1982.
- “Encol
dos coros melidáns”, publicado no boletín nº 2 do Centro de Estudios
Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- “O
Melide do Ticino”, publicado no boletín nº 2 do Centro de Estudios
Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- “Don
Eduardo Álvarez Carballido”, publicado no boletín nº 3 do Centro de Estudios
Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- “O
Convento dos Padres Pasionistas de Melide”, publicado no boletín nº 10 do
Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
- “Alcaldes
titulares de Melide. Relación cronolóxica 1900-1995”, publicado no boletín nº
10 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
- “Semblanza
de Inocencio Fuciños Quintas, fundador da “Electra Melide” e outras importantes
iniciativas para o desenvolvemento de Melide e Bisbarra”, publicado no boletín
nº 10 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
Estes e outros interesantes artigos da súa autoría sempre tiñan como
escenario Melide e a súa bisbarra, como se destaca nas constantes achegas de
artigos ó xornal Cerne editado por Asetem (Asociación de empresarios da Terra
de Melide), que resulta necesario recompilar e publicar nun volume conxunto.
Mingos de Pita faleceu o 5 de setembro do ano 2017 causando unha grande
consternación social polo seu constante activismo social e cultural.
Como galeguista de pro que foi ó longo de toda a súa vida o seu epitafio
lembra as verbas dedicadas por Curros Enríquez a Rosalía de Castro:
“Na fronte unha estrela, no bico un cantar”.
Non ten, polo de agora, rúa dedicada en Melide pero de seguro que ha chegar a tela a curto prazo.
Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.