luns, 26 de novembro de 2018



O MUSEO DA TERRA DE MELIDE: 1978-2018

40 ANOS DUNHA INSTITUCIÓN dedicada ó estudo, conservación e divulgación do Patrimonio Cultural da Comarca




6ª Etapa: 2005- 2018. O PRESENTE DO MUSEO.
Foi a partir deste ano 2005, unha vez rematadas as obras de mellora e acondicionamento do local, cando se pon en marcha o Museo Arqueolóxico e Etnográfico da Terra de Melide, como institución dedicada ó estudo, conservación e divulgación do Patrimonio Cultural da Comarca. Neste período suceden parte importante dos cambios sufridos pola institución dende a súa creación, pois agora, coa nova sede xa rematada, empeza a andaina dun “verdadeiro” Museo.


Remátanse algunhas das obras pendentes como a colocación das portas automáticas na entrada e a instalación de dous salvaescaleiras, así como o sistema de aire acondicionado nas diferentes plantas do Museo.
No ano 2006 foille concedido o premio “Pedra do Destino” polos seus méritos na defensa e divulgación do patrimonio cultural de Galicia.
No ano 2008 instalouse no Museo un punto de información cultural e patrimonial, onde tamén se cobren moitas das demandas dos numerosos peregrinos que nos visitan a diario.
Nos anos 2008-2009, 2009-2010 e 2010-2011 foille concedida a “Q de calidade turística”.
E no mes de xuño de 2013 obtén o premio en “Defensa da Lingua Galega” outorgado polo Servizo de Normalización lingüística da Terra de Melide, polo uso continuado e exclusivo da lingua galega nas súas actividades e publicacións.
En canto a exposición, nestes trece anos fóronse incrementando os fondos notablemente, pois todos os anos o Museo recibe doazóns de pezas de etnografía, que acollemos con moita satisfacción, pois entendemos con iso, que a xente concienciase cada vez máis da importancia que ten a salvagarda e coidado dos bens etnográficos, como gardiáns das nosas raíces. Ó mesmo tempo, a Xunta de Galicia outórgalle o Museo de Melide a concesión de ser o depositario dos fondos arqueolóxicos atopados durante os controis de obra, as sondaxes valorativas, as escavacións arqueolóxicas e as prospeccións na comarca da Terra de Melide, polo que tamén se incrementan deste xeito os fondos arqueolóxicos, aínda entendendo que son propiedade da Xunta de Galicia, como todos os bens de carácter arqueolóxico da nosa comunidade, e por ese mesmo motivo, propiedade de todos os galegos.
Pero por todos estes motivos, a exposición mostrábase saturada e foi necesario darlle un novo discurso ás diferentes salas. No ano 2013 comezamos un proceso de remodelación das diferentes vitrinas (tanto de etnografía como de arqueoloxía), para crear un percorrido visual moito máis doado de entender polos visitantes. Ó mesmo tempo rotuláronse todas as pezas e dotouse a sección de arqueoloxía con paneis explicativos de marcado carácter didáctico. Colocáronse así mesmo, nas diferentes salas do Museo, cartelas explicativas en diferentes idiomas, para unha máis completa comprensión dos contidos das mesmas.
Nestes trece anos o Museo foi punto de referencia ós CEIPs e IES do Concello, da Comarca, así como de outros puntos de Galicia e incluso de fora, que veñen todos os anos e teñen como actividade extraordinaria a visita ás nosas instalacións.
Neste tempo desenrolou unha serie de actividades extraordinarias dedicadas á difusión e preservación do patrimonio cultural:
-       Roteiros pola Historia e Arte da vila de Melide (tanto para adultos como adaptados os diferentes niveis educativos).
-      Comunicación á Dirección Xeral de Patrimonio de xacementos arqueolóxicos que están sen catalogar.
-          Tamén nestes anos o Museo adaptouse ós novos tempos e consciente da repercusión mediática das redes sociais creou unha páxina de Facebook onde se publican todas as actividades así como numerosos artigos de carácter cultural.
-         Dentro desta faceta virtual tamén elaborou un blog onde publicar artigos e onde poder consultar os índices dos Boletíns publicados, así como poder descargar en formato pdf os descatalogados.
-          Creouse a sección Peza do Mes e Lenda do Mes, onde mensualmente se publica a través do facebook e do blog do Museo unha peza da nosa exposición (clasificadas en catro categorías: Arqueoloxía, Historia, Etnografía e Creación Artística, correspondéndose coas diferentes seccións coas que conta o Museo); estas fichas tamén se poden descargar en formato pdf. E nas Lendas do mes (tamén publicadas a través das redes sociais), publícanse lendas, contos e historias dos concellos de Melide, Santiso e Toques, e que tamén son reenviadas a Galicia Encantada, a páxina web onde se recolle o inxente patrimonio inmaterial da nosa Terra, e que constitúa unha verdadeira enciclopedia da Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa.
-         En relación co punto da Lenda do mes, dende o Museo de Melide tamén traballamos polo Patrimonio Inmaterial e colaboramos activamente coa páxina web Galicia Encantada, remitíndolle lendas, contos e tradicións da nosa bisbarra.
-         Un dos proxectos máis ambiciosos no que o Museo participa é a páxina web abeancos.gal: un catálogo patrimonial da comarca da Terra de Melide, onde se recollen todo tipo de elementos que conforman o patrimonio monumental da bisbarra e que se poden consultar a través de internet. Trátase dunha Enciclopedia visual e documental sobre o Patrimonio Cultural da Comarca que abrangue temas tan variados como pontes, fontes, cruceiros, elementos arqueolóxicos, arquitectura civil, relixiosa, popular e industrial, paisaxes míticas e marcos e cruces de termo.
-          Exposicións propias organizada se elaboradas polo propio Museo de temáticas variadas pero co denominador común da Historia Contemporánea de Melide: “Memoria histórica da Policía Municipal de Melide: de Gardas Municipais a Policías locais”; “Tabernas, pensións e casas de xantar no Melide da memoria, dende a Idade Media ata 1970”; e “O cine e as veladas no Melide de onte”.
-         Tamén se organizan exposicións de obras artísticas (pintura, escultura), presentación de libros e eventos varios relacionados coa cultura.
     O Museo é membro permanente do Consello Galego de Museos e da Rede de Museos de Galicia.
   Dende o ano 2008 elabórase a estatística de visitantes e dela podemos obter un resultado bastante optimista, pois recibimos nestes 10 anos máis de 132.000 visitantes procedentes de 141 países diferentes.
     Dende o ano 1982, no que se comezou a elaborar o Boletín, leva editados xa 31 números, ademais de múltiples publicacións, como Guías Patrimoniais, DVD de Patrimonio comarcal, Fichas Didácticas, Trípticos informativos, Postais de Nadal, Calendarios de mesa,...

E continuamos a traballar pola difusión e preservación da cultura e do patrimonio.



BIBLIOGRAFÍA:


-          Álvarez García, Xulio: “Fragmentos de arquitectura no Museo da Terra de Melide”. Boletín nº 14 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2001.

-          Broz Rei, Xosé Manuel: “Restauración da fachada do Hospital de peregrinos de Sancti Spíritus”. Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
-          Broz Rei, Xosé Manuel: “A Construción do Museo da Terra de Melide no antigo Hospital de peregrinos de Sancti Spíritus. Documental fotográfico”. Boletín nº 14 do centro de Estudios Melidenses-Museo da Tera de Melide, ano 2001.
-          Broz Rei, Xosé Manuel: “Memoria da Historia do Museo da Terra de Melide”. Boletín nº 17 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2004.
-          Broz Rei, Xosé Manuel: “Fotos de Melide. Continuación”. Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
-          Cea Vázquez, Socorro: “Breve historia do Museo da Terra de Melide”. Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
-          Grupo Trisquele: “O nacemento dun Museo Comarcal”. Separata do libro “Coloquios Galegos de Museos”. Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, xunta de Galicia.


Exposicións de pintura: Alumnos da Escola de Pintura de Asunción Monterroso na montaxe da súa exposición de fin de curso.

Salvaescaleiras da 2ª planta. Facilita a posibilidade da visita ó Museo a persoas con discapacidade.

Conferencias e charlas de especialistas en distintas materias. Neste caso una charla sobre a Ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo, impartida pola súa directora Aurelia Balseiro.

Actividades con grupos escolares que utilizan o Museo de Melide como sede das súas propostas didácticas. Neste caso trátase da Olimpíada Tecnolóxica na que participaron IES de varios concellos galegos.

Actividades con grupos escolares que utilizan o Museo de Melide como sede das súas propostas didácticas. Nesta foto unha actividade do IES de Melide na que representaban escenas recollidas nas cerámicas gregas antigas.

Imaxe de cabeceira de abeancos.gal, o proxecto web de recompilación do patrimonio cultural da comarca da Terra de Melide, e no que colaboran conxuntamente a Asociación de software Libre Melisa e o Museo da Terra de Melide.

Cartelas explicativas das diferentes salas do Museo, en varios idiomas (castelán, inglés e francés), para ofrecer unha máis completa explicación do contido do Museo, accesible a todos os públicos. En breve iranse incorporando en outros idiomas.

Premio Pedra do Destino” concedido polos Amigos dos Museo de Galicia polos seus méritos na defensa e divulgación do Patrimonio cultural de Galicia

Diploma de Calidade Turística concedido nos anos 2008-2009; 2009-2010; e 2010-2011

Publicacións varias do Museo da Terra de Melide

Publicacións varias do Museo da Terra de Melide

Exposicións de pintura: O artista portugués Adiasmachado diante de varias das súas obras, o día da inauguración da súa mostra.

Roteiros polo Melide Histórico.

Visitas guiadas para escolares no interior do Museo. Con grupos da vila, doutros concellos de Galicia e incluso de fora da nosa comunidade.

Roteiros polo Melide das Lendas.

Visitas temáticas ó Museo o Día Internacional dos Museos (18 de maio) e o Día internacional do Patrimonio (16 de novembro).

Visitas guiadas para escolares no interior do Museo. Con grupos da vila, doutros concellos de Galicia e incluso de fora da nosa comunidade.

Roteiros polo Melide Histórico adaptados ós centros escolares.



ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...