martes, 21 de maio de 2019

A ESENCIA DO MUSEO DA TERRA DE MELIDE.

Reflexión con motivo do Día Internacional dos Museos:
"Os museos como eixe cultural: o futuro das tradicións".



O Museo de Melide radica no centro, na banda dereita e na banda esquerda, no nacente e máis no solpor, na nordesía e no mediodía, sendo abranguido por canto lindeiro e marco confinan os señoríos de Abeancos e determinan á Terra de Melide.
Tamén procura situarse enriba, sempre que a defensa da tradición herdada así o require, xeralmente encadrado no medio, mais sempre tendo presente cales son as súas orixes nos chanzos máis baixos que parten dos solados máis humildes e cativos.
Por conciencia é de dentro, pero sempre respecta, admira e aprende do de fóra, posto que vivimos nunha órbita plural, na que todo suma e determina todas e cada unha das realidades culturais que nos rodean e das que inherentemente formamos parte.

Polo tanto abrazamos o inclusivo e estamos fondamente orgullosos de servir de escaparate do legado tradicional herdado, procurando enxergar todo aquilo que nos enriqueza como pobo e sociedade, valorizando o propio e mantendo a mente e a alma aberta a canto de xenuíno, fondo e digno de ser entendido e admirado teñen todas e cada unha das culturas dos pobos, dun inmenso escenario global no que estamos inmersos.
En moitas ocasións puidemos ter atinado, pero de seguro foron moitas máis nas que puidemos ter errado, pero consideramos que o trabucarse é a mellor das maneiras de aprendizaxe e da base para emendar as fallas e eivas que nos acompasan nos andares, e que sempre están latexando canda nós e que nos axudan a escoller o rumbo e a ir camiñando sen tarabelear.
Tamén se procura sempre e ineludiblemente ir aprendendo do pasado, coa teima constante de aprender dos ancestros e, na procura de ir sabendo cada vez máis de quen nos ten precedido, evitar a desmemoria. Somos conscientes de que nada do que hai hoxe é alleo ó acervo acumulado de xeración en xeración, que conxuga e afortala a idiosincrasia que a todo pobo lle define.
Nese senso o Museo de Melide vive nun presente no que pretende contribuír a que, dentro das súas posibilidades, a memoria colectiva non esmoreza facendo fincapé en que todos e cada un de nós é responsable único de legarlle ás xeración vindeiras unha inxente e farturenta herdanza recibida. E, en canto ó futuro, o Museo arela seguir latexando alomenos outros 40 anos máis, posto que a pesar das imperfeccións e incertezas a causa polo menos semella antollarse xusta.
E xa como colofón e en resposta á cuestión de ¿a que aspira este museo a asimilarse?, pois básica e metaforicamente falando a ser BERCE, ACUBILLO e principalmente un CAIXÓN no que gardar as sementes e os froitos producidos no devagar dos tempos, e que xunguidos serviron de alimento á nosa realidade cultural tradicional, en todas e cada unha das súas vertentes. Pero queremos sinalar que a pretensión é a de ser caixón sen tampa, no que se poidan ir metendo máis e máis saberes e acervos, e que non haxa escusa para caer na desmemoria, pero ó mesmo tempo ter tino de ir remendando o fondo dese caixón con táboas, latas, grampas, tacholas e craviños, e canto remedio nos veña a man, para evitar que canto entre pola boca do caixón non vaia saíndo polo fondo.
Con esta longa reflexión o Museo da Terra de Melide, o voso Museo, pretende amosar cal é a razón do seu estar e formar parte da alma desa pequena parte dun todo que é a nosa bisbarra.

Cunqueiro, artesa e chineiro: sustento, larpeirada e sobremesa

A luz que invade e lle da vida ás salas do Museo.

A pedra convertida en muíños de man e pesos de tear.

A pluralidade da tradición amosada nos vellos oficios.

Luz, espazos e perspectivas na arquitectura do Museo.
O vestir na tradición: liño, lá, pano, raso, bordado, encaixe, ganchillo...Fuso,roca, tear, agulla e fío, patróns e corte.

A porta do Museo aberta a todo aquel que nos honre e agrande coa súa visita e presencia.

O cotiá na tradición do pobo.

A riqueza e contraste de luces que define á arquitectura do Museo.

Oco de escaleiras que lle da luz ás salas do Museo.

Pedras labradas da fidalguía.

O leite, a manteiga, o caldo e os chourizos, produtos de sustento nas nosas mesas.

A prehistoria contada e amosada en imaxes.

As vellas estampas, memoria sempre presente.

A idiosincrasia do pobo galego, saída do lápis e da gubia de Nilo Cea Rodríguez o "mestre de Furelos".

As pedras labradas das igrexas e conventos.

Apeiros do agro no corredor de comunicación entre salas. O agro que sempre lle deu de comer ó pobo galego.

Liñas, perspectivas , escorzos e asimetrías no oco das escaleiras do Museo.

Prehistoria Recente no Museo: as Idades da Pedra e dos Metais.


                                                 Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...