Ferramentas dos latoeiros Luís Mejuto Mato e Alfonso González Fernández no Museo da Terra de Melide |
Como xa adiantamos en datas recentes, o Museo da Terra de Melide pretende
recuperar a memoria daquelas persoas que contribuíron a conformar este nexo
común que é o noso Melide.
Polo tanto pretendemos rendir unha homenaxe a aquelas figuras, que xa non
están con nós, e que co seu traballo e entrega aportaron o seu grao de area
para evitar que a tradición esmorecera.
Nesta ocasión queremos lembrar ós latoeiros artesáns de Melide, artesáns
(por non dicir artistas, adxectivo que tamén sería axeitado), que loitaron por
evitar que o produto do seu oficio desaparecera irreversiblemente, debido a
diversos factores, como poden ser a xeralización da luz eléctrica (que acabou
coa necesidade de producir candís e farois) ou a profusión de enseres de
plástico na década dos 60, que da lugar a desaparición de sellas, caldeiros,
funís, moldes... , que ata esa década se facían en folla de lata.
Debido á chegada da traída de augas a Melide, na mesma década dos 60, fai
que moitos destes latoeiros artesáns se troquen en fontaneiros dedicados á
instalación de tubaxes de chumbo, pois eran excelentes soldadores deste
material, polo que este novo oficio o desempeñaron con moita solvencia.
No Museo de Melide exhíbense ferramentas e obxectos da produción destes
últimos latoeiros doados xenerosamente polos herdeiros do latoeiro Luís Mejuto
(que doaron ferramentas e unha enorme colección de candís e farois) e por
Alfonso González (latoeiro finado quen doou en vida ferramentas e farois procesionais).
Hoxe imos lembrar a tres destes artesáns, en concreto a Luís Mejuto Mato e
Alfonso González Fernández (derradeiros
latoeiros de Melide) e a Emilio Mejuto Cordido, destacado latoeiro e promotor
da cultura musical e escénica do Melide dos anos 50-60. Con estas tres figuras
o Museo de Melide quere rendir homenaxe a todos e cada un dos latoeiros que
desenvolveron o seu oficio na nosa vila.
Ferramentas dos latoeiros Luís Mejuto Mato e Alfonso González Fernández no Museo da Terra de Melidedir leyenda |
Emilio Mejuto
Cordido.
Don Emilio Mejuto Cordido |
Este latoeiro artesán tiña o seu obradoiro na Rúa Nova, nunha casa que
facía esquina coa Rúa Travesa, e dito obradoiro funcionou moitos anos ata que a
finais dos 60 a familia emigra a Bos Aires
Emilio Mejuto aprenderá o seu oficio
con Alfonso González (fillo do latoeiro Antonio González procedente de
Portugal). Co señor Emilio traballaban os seus fillos.
A parte de ser un excelente latoeiro o señor Emilio foi una figura moi
destacada no panorama cultural dos anos 50 e 60 en Melide. No seu obradoiro e
na veciña xastrería de Secundino do Chocolateiro xestouse a mítica agrupación
coral “Aires de Melide”, que supuxo
todo un revulsivo cultural no Melide desas décadas no eido teatral e musical.
Don Emilio Mejuto e Don Xesús Gómez Salgado “o Fidalgo” foron os principais promotores de dita agrupación
coral. O primeiro foi un dos directores do coro e o segundo o foi do grupo de
teatro. Da dirección do coro tamén se encargou Don Emilio Otero Val e
circunstancialmente o coadxutor da parroquia Don Xosé, ademais do Padre
Pasionista Gumersindo R. Casas.
O señor Emilio sentía gran paixón pola música, sendo integrante da antiga
Banda de Melide, compositor, ademais de director do Coro “Aires de Melide” como xa se indicou.
Noutro artigo farase fincapé e louvanza a Xesús Gómez “o Fidalgo”,
carpinteiro de profesión e director escénico das obras de teatro da agrupación
“Aires de Melide”; a Antonio de
Castro carniceiro de profesión e artífice dos fermosos decorados das veladas
teatrais, posto que o seu traballo altruísta, e non por iso carente dunha alta
dose de calidade e profesionalidade, debe ser agradecido e recoñecido.
A partitura orixinal dunha das composicóns musicais da autoría de Emilio
Mejuto titulada “Xunto´os muíños de
Xacobo”, forma parte dos fondo do Museo da Terra de Melide (que foi doada
pola súa sobriña dona Luísa Agra).
Reproducimos a súa letra a continuación:
Xunto´os muíños de Xacobo
Pandeirada
Rapaciños de Melide
Vamos a pillar as troitas,
As tabernas de Furelos,
Co-as cirolas enxoitas.
Vinde rapazas, rapaces,
Mozas mozos e máis vellos,
A fuliada que empeza
Xunt´a ponte de Furelos.
O vintecinco Santiago,
Todos d´a aldea y-o pobo,
Imos ledos de ruada,
Xunt´os muíños de Xacobo,
O-son da nosa gaitiña
Todos bailan a muñeira,
Sacudindo as canelas
N´o medio d´a carballeira.
Mentres que outros non bailan
E brincan po´los ruleiros,
Outros andan moceando
A sombra d´os ameneiros.
Cantaban os paxariños
Apousados n´os carballos
Cantos doces, bunitiños
Pr´os mozos anemorados.
A rapazada tamén
Brincando com´os coellos,
Os niños po-las silveiras,
E por riba do´s penedos.
Agora que sodes mozos
Y-axiña seredes vellos,
Nunca máis s-esquecerá
O paisaxe de Furelos.
Luís Mejuto Mato
Luís Mejuto Mato no seu obradoiro da Rúa Principal. |
Este latoeiro finado no ano 2007 tiña o seu obradoiro na Rúa Principal
nº 21 de Melide, nun inmoble onde estivo instalada a primeira oficina de
teléfonos da vila. Este obradoiro era propiedade do seu sogro, David González, posteriormente seguiu Luís traballando nel. Con Luís aprendeu o oficio o seu fillo
Luís Mejuto González, e ambos acaban desenvolvendo o oficio de fontaneiros igual que fixeron outros latoeiros de Melide, para atender a demanda doméstica de suministración de auga de abastecemento.
Cando se xubila Luís Mejuto Mato, continúa a traballar como latoeiro por
afición, elaborando unha inxente produción de candís e farois feitos coas
técnicas artesáns, destacando pola súa variedade de tipos e formas e polo
emprego de materiais reciclados como soía ser habitual nos vellos obradoiros de
latoeiros (triscos e recortes de latas de aceite, frascos de xarope e cascos de
refrescos).
Bigornia do latoeiro Luís Mejuto, doado ó Museo de Melide. Actualmente forma parte da exposición permanente. |
No ano 2015 a súa viúva e fillos dóanlle ó Museo da Terra de Melide unha gran colección de candís e farois saídos das mans deste prolífico e esmerado artesán, ademais de diversas máquinas e ferramentas do oficio de latoeiro.
Alfonso González
Fernández
Alfonso González Fernández traballando no seu obradoiro. |
Este latoeiro finado no ano 2014 formaba parte dunha saga familiar de
latoeiros iniciada polo seu avó o latoeiro Antonio González procedente de
Portugal, os fillos deste foron Alfonso e Daniel González quen continuaron co
oficio nos seus obradoiros respectivos. No obradoiro de Alfonso, sito na Rúa de
Ovedo, traballaron xunto a el os seus fillos: Alfonso, Pedro Manolo e Tucho
González Fernández, ademais dos fillos deste último: Toñito, Miguel e Enrique.
No obradoiro da familia González, que pechou na década dos 70, ademais de
facer os produtos propios do oficio (candís, farois, caldeiros, sellas, moldes,
etc.) tamén elaboraban ovos para rodicios de muíño realizados en bronce, mediante
moldes de madeira impresos en barro, e unha vez extraído o molde de madeira
verquíanse os metais licuados (estaño e latón), sendo un proceso moi laborioso e
cansado que duraba horas.
Alfonso González Fernández dooulle ó Museo de Melide ferramentas e máquinas
do oficio, unha forxa para fundir metais e facer os ovos de muíño, moldes de
madeira (para os ovos) e farois de parede e procesionais elaborados no seu
obradoiro.
Forxa do taller de latoeiro da familia González, onde se fundía o metal para elaborar os ovos dos rodicios dos muíños. Doada ó Museo de Melide, forma parte da colección permanente. |
Farol elaborado por Alfonso González. Exposto no Museo da Terra de Melide. |
Bibliografía:
-
Broz Rei, Xosé Manuel: “Fotos de Melide (1904-1996)”. Boletín nº 10 do Museo
da Terra de Melide, ano 1997.
-
Broz Rei, Xosé Manuel: “Fotos de Melide continuación”. Boletín nº 11 do Museo
da Terra de Melide, ano 1998.
-
Broz Rei, Xosé Manuel: “Latoeiros e artesáns de Melide”. Boletín nº 17 do Museo
da Terra de Melide, ano 2004.
-
Broz Rei, Xosé Manuel: “A fragua do latoeiro”. Boletín nº 22 do Museo da
Terra de Melide, ano 2009.
-
Broz Rodríguez, Xurxo; Vázquez Neira, Cristina: “O cine e as veladas no
Melide de onte”. Boletín nº 28 do Museo da Terra de Melide, ano 2015.
-
Fuciños Gómez, Xosé Domingo: “Sociedades e cultura en Melide (1900-1985).
Boletín nº 3 do Museo da Terra de Melide, ano 1985.
-
Fuciños Gómez, Xosé Domingo: “Don Pastor Barral Camoiras i-a cultura
musical en Melide”. Boletín nº 1 do Museo da Terra de Melide, ano 1982.
Elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.