Este Burgo Novo medieval, rodeado dende o ano 1320 por unha cerca de
carácter fiscal e non defensiva, estruturouse en torno á Rúa Maior (a actual
Rúa Principal de Melide), que unía o Castelo coa Praza da Vila ou Praza do
Azougue (onde se empraza a actual Praza das Coles), e perperdicularmente a esta
rúa partían outras que enlazaban con rúas secundarias ou praciñas,
conferíndolle ó núcleo medieval de Melide o carácter intrincado e abigarrado
propio das vilas e cidades medievais.
Hoxe en día non se conserva ningunha casa medieval (a última que estaba
situada na Rúa Principal nº 49 derrubouse a finais da década dos 80), pero si a
estrutura e a configuración do trazado das rúas, e as novas edificacións
(algunhas incluso dos séculos XVIII e XIX), levantáronse sobre os solares das
antigas casas medievais, permitindo conservar a orixinal e primitiva
estruturación da vila baixomedieval.
Froito dese urbanismo aínda perviven en Melide calexas ou quellas (estreitas
vías de comunicación entre praciñas e rúas secundarias), así como calellas que
desembocan en praciñas sen saída, ademais de pequenos espazos que separan inmobles
e que non serven de lugar de paso, senón que foron concibidos para diversas
finalidades (desaugues de augas residuais previos á existencia da rede de
sumidoiros, para evitar a propagación de incendios entre vivendas lindantes ou
para darlle luz ás estancias dos sobrados).
Exemplos destes últimos son as seguintes fotos:
Pequeno oco entre casas situado entre a casa que fai esquina coa Praza das Coles e o nº 24 da Rúa Principal. |
Oco entre casas tapiado, na Rúa Principal á altura dos números 28 e 30. |
Oco entre casas tapiado na Rúa Principal. |
Oco tapiado entre o nº 19 e a casa de Pardo na Rúa San Pedro. |
Oco entre casas nº 3 e 4 da Rúa Travesa, que une a Rúa de Ovedo coa Praza das Coles. |
Oco entre casas para dar luz na Praza do Pozo Pequeno. |
Oco entre casas nunha Praciña sen saída na Praza das Ichoas. Este oco ten saída polo outro lado da calle. |
A saída do espazo entre as casas da Praciña que se amosa na foto anterior, situado no calexón da Petra. |
Todas esas rúas e pasaxes angostos e ocos entre vivendas son herdanza dese
pasado medieval que define o urbanismo actual do casco vello de Melide, cuxos
límites estaban comprendidos entre a Rúa de San Antón (polo norte), a Rúa do
Convento (polo leste), a Rúa das Ichoas (polo sur) e o Castelo de Melide (pola
banda oeste). Non quere dicir con iso que todas estas estreitas e intrincadas
rúas sexan de orixe medieval, pero posiblemente boa parte delas si, aínda que
tamén en época moderna- contemporánea se abren novas rúas e se pechan outras
(tal é o caso da Rúa Nova chamada así porque esta rúa non existía antes do ano
1866) ou cando no 1671, coincidindo coa edificación da Obra Pía de San Antón se
elimina un pasaxe existente entre o Hospital de Peregrinos de Sancti Spíritus e
as casas da familia do bispo Segade Bugueiro en cuxo solar se establece esa
fundación benéfica.
Respecto ó tipo de pasaxes angostos existe un bo número de nomes cos que se
lles identifica: quella ou quenlla, canella, calella, canellón, calexa,
congostra, currupia ou corrupia, ruela (de influxo portugués), calexón (de
adaptación do castelán) ou androna (de orixe catalá)...
Exemplos de Calexas nas Rúas Principal e San Pedro:
Calexón de Basilio entre a Rúa Principal e a Praza das Ichoas. |
Rúa para as Cavadas, entre a Rúa Principal e a Rúa San Antonio. |
Calexón do Pozo Pequeno. Entre a Rúa Principal e a Praza do Pozo Pequeno. |
Calexón da Petra (antigo Calexón de Abeledo) entre a Rúa Principal e a Rúa das Ichoas. Visto dende a Rúa Principal. |
Calexón da Petra (antigo Calexón de Abeledo) entre a Rúa Principal e a Rúa das Ichoas. Visto dende a Rúa das Ichoas. |
Calexón da Churrera entre a Rúa Principal e a Praza da Herba. Visto dende a Rúa Principal. |
Calexón da Churrera entre a Rúa Principal e a Rúa das Ichoas. Visto dende a Praza da Herba. |
Rúa Travesa entre a Rúa de San Pedro e a Rúa San Xoán. |
Existen dous traballos moi interesantes publicados en Boletíns do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, que falan do fenómeno das currupias, un de Don Manuel Taboada Roca (publicado no Boletín nº 5 do ano 1990), e outro de Manuel Silva García (publicado no Boletín nº 22 do ano 2009), ademais de traballos sobre urbanismo antigo de Melide da autoría de Xulio Álvarez García e de Xosé Manuel Broz Rei), que ilustran este tipo de fenómeno urbanístico tan significativo do Melide vello e doutros cascos antigos de vilas e cidades de orixe medieval.
Outros exemplos de Calexas no Casco Vello de Melide:
Rúa para as Cavadas. Entre a Rúa Principal e a Rúa de San Antonio. |
Calexa entre a Rúa Camiño de Sabián e a Rúa para as Cavadas. Situada detrás do albergue de Peregrinos da Xunta de Galicia e o Centro Social de Melide. |
Rúa das Ichoas (antiga Congostra da Barbacá) entre a Rúa do Castelo e a Praza das Ichoas. Vista dende a Rúa do Castelo. |
Rúa das Ichoas (antiga Congostra da Barbacá) entre a Rúa do Castelo e a Praza das Ichoas. Vista dende a Praza das Ichoas. |
Calexa na encrucillada da Praza das Ichoas. |
Rúa das Ichoas. Desemboca na Praza das Ichoas. |
Calexa situada entre a Rúa do Carme e a Codeseira. |
Calexa entre a Praza das Coles e a Praza do Pozo Pequeno. |
Parafraseando a Don Manuel Taboada Roca referíndose ó termo “corrupias” define a estas como: “unhas franxas ou espacios de terreo, moi estreitas, que separan dúas casas veciñas, apareadas a unha rúa, e que non sirven de paso para tales casas, pero si para o vertido de augas residuais e para dar luces ás fiestras dos cuartos do sobrado das casas. Somentes por esceución, algunhas “corrupias” sirven de paso para as casas que as limitan, ou para outras rúas ou prazas”. Vemos por tanto como o Conde de Borraxeiros aglutina baixo un mesmo termo “corrupia” dúas realidades diferenciadas, por un lado os espazos angostos situados entre vivendas lindantes, substitutivas de muros medianeiros, e que non servirían de lugar de paso, senón dos usos sinalados por el na primeira parte do parágrafo (ademais dun recurso útil para evitar a propagación de incendios), e por outro lado alude a calexas que serven de lugares de tránsito caracterizados pola súa estreitura.
Exemplos de calexas que desembocan en praciñas ou rúas sen saída:
Situada na Rúa das Ichoas. |
Situada na Rúa das Ichoas. |
Ambos casos contan cunha orixe claramente medieval, pero no caso concreto
dos ocos existentes entre vivendas (e que non serven de paso), debeu ser unha
modalidade aínda practicada nos séculos posteriores, xa que como pode verse nas
“Ordenanzas Municipales del Ayuntamiento
de la Villa de Mellid” publicadas no ano 1928 sendo alcalde en funcións Don
Ramón Romero Abeijón, no artigo 67º (do Capítulo II) refírese textualmente o
seguinte mandado: “Entre una y otra casa
de cada manzana no debe mediar más que el grueso de la pared medianera;
quedando absolutamente prohibido dejar entre aquellas, huecos o callejones”.
Dese xeito pretende poñerse fin á existencia de faixas sen edificar entre
inmobles lindeiros.
No artigo de Don Manuel Taboada Roca alude a algunhas “corrupias”
existentes no Melide da súa nenez; unha moi preto da Escola de Don Venancio
Somoza Codesido, disposta en sentido perpendicular á Rúa Nova na marxe
esquerda, e que se tapiou cun valado duns tres metros de altura. Fala doutra
“corrupia” que partía dun calexón que había enfronte a escola de Don Venancio e
de varias (que aínda se conservan hoxe) na Calle Abaixo ou Rúa Principal, a
ambos lados, estando por aquel entón todas elas tapiadas, excepto unha situada
na marxe esquerda que servía de tránsito, a coñecida como “calexón da Petra”
(que como apunto no artigo antes se chamaba de Abeledo).
Tamén no seu artigo refire como na primeira delas, a perpendicular á Rúa
Nova, contaba cunha lenda dun mozo que matara a outro por ciumes, xa que “gozaba da simpatías da dona que os dous
amaban. Por aquel crime din que as tapearan”.
Xa sen saír do noso concello poden verse así mesmo outras “estreituras” a modo
de calexas e tamén de ocos sen obrar entre vivendas na aldea de Santa María (na
marxe dereita indo cara a igrexa) e que desembocan en pequenas praciñas; ou
tamén nas fermosas aldeas do Leboreiro e Furelos, de clara e documentada
raigame medieval. De feito en Furelos chama a atención unha “currupia” moi
estreitiña e sinuosa situada ó carón do Centro de Información de peregrinos do
Concello de Melide, situado nunha casa recuperada e musealizada. Por ela pode
pasarse con certa dificultade, debido ó estreita que é, e que chega ata case a
marxe do río. Posiblemente a súa función orixinal respostaría a calquera das
premisas xa referidas anteriormente e non a de lugar de tránsito, posto que a
súa anchura non a fai favorable ó paso de persoas, e ademais non se da a
necesidade de ter que ser utilizada como tal, posto que xa existen carreiros
moi próximos que permiten un acceso cómodo e rápido á marxe do río.
Currupia na aldea de Furelos. |
Interior da currupia de Furelos. |
BIBLIOGRAFÍA:
- Álvarez García, Xulio: “Melide: a formación
urbana en cinco imaxes”. Publicado no Boletín nº5 do Museo da Terra de
Melide, ano 1990.
- Álvarez
García, Xulio: “Historia urbana de Melide: noticia do “Proyecto de reforma
interior y pavimentación de aceras” de 1929”. Publicado no boletín nº7 do Museo
da Terra de Melide, ano 1992.
- Broz
Rei, Xosé Manuel: “Melide Medieval”.
Publicado no Boletín nº 14 do Museo da Terra de Melide, ano 2001.
- Broz
Rei, Xosé Manuel: “O Melide vello”.
Publicado no boletín nº 16 do Museo da Terra de Melide, ano 2003.
- Broz
Rei, Xosé Manuel: Santispíritus de Melide. Publicado no ano 2004.
- Broz
Rei, Xosé Manuel: “A Vila de Melide”. Publicado no ano 2016.
- Broz
Rodríguez, Xurxo e Vázquez Neira, Cristina: “Ruta polo Melide histórico”, ano 2015.
-Silva
García, Manuel: “As “currupias” no
Concello de Melide”. Publicado no Boletín nº 22 do Museo da Terra de
Melide, ano 2009.
-Taboada
Roca, Manuel: “As “corrupias” da nosa
vila”, Publicado no boletín nº5 do Museo da Terra de Melide, ano 1990.
- “Melide: Patrimonio Histórico-Artístico”.
Guía realizada polo Museo da Terra de Melide, ano 2010.
- ”Ordenanzas Municipales del Ayuntamiento de
la Villa de Mellid, año de 1928”. Poden lerse no Boletín nº 22 do Museo da
Terra de Melide, ano 2009.
Elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira