domingo, 25 de decembro de 2016

Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide - Segunda parte

SEGUNDA PARTE - O Patrimonio arquitectónico

Arquitectura civil e popular

Unha vez abordado o patrimonio relixioso desaparecido, aínda que seguro que se nos pasaron por alto outros elementos perdidos, que sempre hai tempo para engadir, agora imos amosar algúns exemplos moi representativos do noso patrimonio civil e popular.

Trataremos neste capítulo de casas grandes, pazos, pontes antigas e cercas medievais e modernas. Non incluiremos todas as “desfeitas”, posto que o artigo sería interminable, cinguirémonos ás máis destacadas e ás que supuxeron unha perda importante da nosa memoria histórica colectiva. Centrarémonos moi especialmente naqueles dos que se conservan fotografías, xa que estas falan por sí soas, ilustrando a súa importancia e notoriedade.


Comezaremos por enumerar algúns inmobles destacados que xa non están connosco.

1.- PAZOS E CASAS

Casa de Pedrosa ou Pazo da vila de Melide:


Foto de José Fuciños Buján, ano 1929.
Pódense ver remarcados en cadros vermellos, os catro escudos da fachada da casa.

Foto do libro Terra de Melide, ano 1933

As dúas fotos antigas, das décadas dos anos 20 e 30 do século XX, xa falan por elas mesmas.

Este pazo urbano estaba situado no inicio da rúa San Pedro de Melide, enfronte á tamén desaparecida igrexa parroquial de San Pedro de Melide.

A orixe desta casa coñecida en época medieval como Domus Magna, remóntase ó século XII. Contaba con catro pedras armeiras na súa fachada (dous deles custódianse no Museo da Terra de Melide, e os outros dous están desaparecidos). Tamén pode verse nas fotos a fermosa portada en arco de medio punto moldurado.

Este edificio foi demolido na década dos anos 40 do século XX. ¿Imaxinádesvos canto presumiríamos hoxe del?

Casa de Sivil da vila de Melide:

Casa do século XVII situada ó carón da Casa de Pedrosa na rúa de San Pedro. Contaba cun escudo de armas na fachada (hoxe no pode verse no Museo da Terra de Melide).

Desta casa demolida tamén na década dos anos 40 do século XX, non conseguimos foto.

Esta casa foise desmoroando progresivamente ata irse arruinando. O comprador das ruínas, don Ramón Romero Romero, recuperou o escudo e recolocouno nun muro ó carón da súa casa. A súa herdeira Margarita Vilariño Romero cédello ó Museo da Terra de Melide.

Agora so queda facernos unha idea de cómo sería esta rúa coa igrexa de San Pedro enfronte os pazos de Sivil e Pedrosa. Un magnífico conxunto histórico-artístico perdido.


Debuxo de Xosé Manuel Broz no que recrea as desaparecidas igrexa de San Pedro e os pazos de Sivil e Pedrosa.



Pazo da Obra Pía de San Antón (Melide):


O pazo da Obra Pía convertido en concello de Melide no ano 1860, contaba con unha estrutura interior propia dunha edificación pacega. No Terra de Melide Don Armando Cotarelo Valledor, descríbeo desta maneira: “consta o Pazo de pranta baixa, onde existiron cortes, leñeiras, bodegas e máis dependenzas, e un outo pra aulas e vivendas cunha especie de crausto que bordea o patio, ampra cociña con forno, e outras pezas…”. Don Armando describe ese patio a modo de claustro, con unha señorial escaleira que desapareceron nos anos 60.

Curro do Pazo da Obra Pía de San Antón (Melide): Alhóndiga

Foto do arquivo de Jesús Rodríguez Zas

Nesta foto pode verse o cobertizo do curro do Pazo da Obra Pía, reconvertido en escola de nenas.

Foto de Fernando Somoza

Nesta foto pode verse a escola de nenos da Alhóndiga, situada no curro do Pazo da Obra Pía. A ventá con barrotes correspóndese co “cagarrón” ou calabozo municipal do Concello de Melide.

Na parte de atrás do edificio da Obra Pía de San Antón (actual Casa do Concello) atopábase o curro do Pazo, que se corresponde cun espazo pechado por un murallón con dúas portas abertas á rúa de San Antón. Neste curro estaban os alpendres para os cabalos e mulas.

Unha vez que cesa a actividade da Obra Pía, no século XIX, este curro convírtese en Alhóndiga ou mercado de froitos. Na zona dos pendellos, situados na parte de atrás do Pazo, instálase unha escola para nenas e na edificación traseira unha escola para nenos.

Estas testemuñas do curro do Pazo reconvertido en alhóndiga e as escolas públicas, desaparecen na década dos 60. A partir do desmantelamento desas vellas estruturas edifícase a Praza de Abastos, que funciona ata os anos 90.

Casa do Castelo:

Foto Xosé Manuel Broz, anos 80


Esta casa medieval estaba situada na rúa Principal de Melide (ou “Calle Abaixo”), enfronte ó Centro social da Terceira Idade.

Foi propiedade do Convento de Sancti Spíritus, tamén foi casa e mesón de Alonso de Romay no século XVII e no ano 1690 arréndase ó escultor e entallador Francisco de Castro Canseco, autor do retablo maior da igrexa do convento de Sancti Spiritus. Nesa casa tiña vivenda e obradoiro.

Este inmoble é testemuña do pasado baixomedieval da vila de Melide.

Esta magnífica construcción medieval con porta de arco de medio punto foi demolida na década dos anos 80 do século XX.

Casa de Roca de Priorada:

Foto do arquivo de Luís Fondevila Reboredo, anos 70.

Esta casa grande da familia Taboada Roca situábase na actual urbanización que leva o seu nome (onde se atopa a piscina climatizada municipal).

Como pode verse na foto trátase dunha edificación pacega disposta en dúas plantas con balcóns de forxa, esbelta cheminea e cun escudo de armas (procedente da desaparecida Casa de Sivil de Santo Tomé de Castro que se custodia hoxe no Museo da Terra de Melide).

Foi derrubada nos anos 80. O seu solar foi urbanizado posteriormente.

2.- DEPENDENCIAS CONVENTUAIS E MONÁSTICAS

Dependencias do Convento de Sancti Spíritus de Melide:


Incorporamos este elemento desaparecido nesta categoría e non na de arquitectura relixiosa, posto que a igrexa conventual aínda se mantén en pe, convertida en Igrexa Parroquial de Melide no ano 1842.

Foto de Xosé Manuel Broz Rei do libro “A Vila de Melide”.

Nesta foto podemos ver remarcado en vermello os encaixes ou mechinais nos que estaban inseridas as vigas dunha das cruxías do claustro (desaparecido).


Foto de Xosé Manuel Broz Rei

No interior da casa reitoral de Melide aínda se conserva esta porta medieval, en arco de medio punto, que daría acceso ó claustro do convento.

Foto de Xose Manuel Broz Rei

Nesta foto vemos remarcado no cadro vermello unha peza labrada que se corresponde cunha parte do escudo que presidía a portada principal do convento. Na actualidade está recolocada nunha portada na rúa San Antonio. Pode que as outras pedras tamén remarcadas procedan, igualmente, da fachada do convento.



Fotos de Iván Álvarez Merayo, arqueólogo.

No ano 2013 realízanse tres sondaxes arqueolóxicas no patio da casa reitoral de Melide. Nesas tres catas localizáronse restos correspondentes ó desaparecido claustro e convento. Na primeira foto pode verse parte dun pozo e tamén un pavimento de cal fraguada. Na segunda vese a cimentación dun muro. E na terceira vence unhas grandes lousas que servirían de alicerces doutro muro. O feito de atoparse restos nas tres sondaxes indica que en todo o patio se conservan restos arqueolóxicos do desaparecido convento.

Todas as fotos amosadas falan da existencia de estruturas arquitectónicas e arqueolóxicas vinculadas ó desaparecido convento de Sancti Spíritus de Melide. Este convento abandónase no ano 1835 por mor da Desamortización do ministro Mendizábal, durante a rexencia da Raíña Mª Cristina (viúda de Fernando VII e nai da futura raíña Isabel II). Como consecuencia da marcha dos frades do Convento prodúcese o abandono das dependencias claustrais. Sálvase a igrexa posto que no ano 1842 pasa a convertirse na nova parroquial, en detrimento da vella igrexa de San Pedro de Melide (que se mantén en pe ata o ano 1949).

Mosteiro de Santo Antoíño de Toques:

Incorporamos este elemento desaparecido nesta categoría e non na de arquitectura relixiosa, posto que a igrexa conventual aínda se mantén en pe, convertida en Igrexa Parroquial de Santa María de A Capela-Toques.

Foto de Xosé Manuel Broz Rei do libro “Santantoíño de Toques"

Nesta foto retocada por medios informáticos, poden verse as ruínas do mosteiro ou cenobio de Santantoíño de Toques. Nela vemos que as ruínas estaban libres da maleza que agora as ocultan.


Debuxo idealizado de Xosé Manuel Broz Rei, do libro “Santantoíño de Toques”, no que reconstrúe hipotéticamente a arquitectura do mosteiro. 

No século XI fúndase o mosteiro de Santantoíño de Toques sendo o primeiro abade Tanoi. No ano 1515 pasa a depender do mosteiro compostelán se San Paio de Antealtares e posteriormente da abadía de San Martiño Pinario, pasando o mosteiro de Toques a convertirse nun priorado dependente desa abadía.

Chegado o século XIX prodúcese a Desamortización ou exclaustración, quedando abandonado o antigo cenobio. A finais de século XIX instálase nas antigas dependencias monacais unha fábrica de puntas e arame coñecida como “Unión Gallega”, que aproveita parte das estructuras e tamén das canalizacións do río da Toca que pasa por debaixo do mosteiro, para aproveitamento hidráulico.

A principios do século XX a fábrica pecha quedando novamente abandonado o conxunto.

Na actualidade mantéñense parte dos muros do priorado e tamén restos da fábrica de puntas, en estado de ruínas. Igualmente se conserva a vella igrexa monacal, convertida en parroquial de Santa María de A Capela.

3.- MURALLAS E CERCAS

Muralla da vila de Melide:


Foto de David González datada no ano 1915.

Chegado o ano 1320 o rei Afonso XI de Castela concédelle os dereitos de castelaxe ó arcebispo de Santiago, frei Berenguel de Landoira. Este acontecemento supón o amurallamento, por medio dunha cerca, do Burgo Novo de Melide (correspondente á zona antiga de Melide). Chámaselle Burgo Novo posto que o Burgo Vello estaba asentado na zona dos Tagarros.

O dereito de Castelaxe consiste en amurallar unha vila ou cidade para poder establecer o cobro de impostos para entrar nelas. Sábese por documentación que a cerca de Melide contaba con catro portas cara ó exterior, ademais existían outras dúas de comunicación da muralla do Castelo co Burgo medieval.

Non se coñecen datas de desmantelamento da cerca, pero a súa desaparición viría motivada por actuacións urbanísticas e por edificación de inmobles no seu trazado.

Nesta foto de 1915 pode verse unha cerca, mais non existe a certeza de que se trate da medieval, erguida no 1320, posto que detrás da que se ve na foto estaba a horta da Casa de Pedrosa ou Pazo da vila, polo que pode tratarse tamén do peche da propiedade do pazo.

En todo caso a foto da testemuña do pasado “señorial” da vila de Melide. O hórreo e o ciprés falan da esencia pacega da casa de Pedrosa.

Cerca do nabal do Convento de Sancti Spíritus de Melide:


Foto de Xosé Manuel Broz

Ata fai moi poucos anos (cinco ou seis) aínda se conservaba ó carón da Casa da Cultura un tramo da cerca que pechaba o nabal (terras de labor) do Convento de Sancti Spíritus de Melide.

Descoñecemos quen a tirou e o porqué. Supoñemos que a eliminación do transformador eléctrico que tiña adosado, faría que desmantelaran unha parte, pero non entendemos porqué se tirou o resto.

Era testemuña da importancia que tivo o convento franciscano de Melide e do grande que era a súa propiedade.

Trátase da perda dun elemento patrimonial que non sabemos a quen molestaba.

Cerca do nabal do Hospital de peregrinos de Sancti Spíritus de Melide no camino das Cabadas:

Desta cerca ou amurallamento falaremos na 4º capítulo dedicado ós bens en perigo inminente de desaparición. Consérvanse algún tramos en relativo bo estado de conservación, en alternancia con outros bastante deteriorados, e con discontinuidades.

4.- PONTES

Ponte de Portochao no Rechinol:


Tratábase dunha ponte sobre o río Furelos de madeira sobre piares de pedra que hoxe non se conserva. Non disponemos de foto.

Ponte da Mera en Melide:


Foto do arquivo da familia Broz Rey do ano 1945?

Esta ponte medieval erguíase sobre o río da Martagona, no itinerario do Camiño Primitivo a Santiago. Tratábase dunha ponte dun so arco de doelas de granito, semellante á do Leboreiro en Melide ou a de Ribadiso en Arzúa.

Actualmente existe unha nova ponte construída en formigón na década dos anos 60. Tamén no mesmo itinerario do Camiño Primitivo ou de Ovedo houbo outra ponte antiga “A Ponte da Pedra” sobre o río Furelos (na divisoria entre os concellos de Melide e Toques). Esta ponte derrumbouse fai máis de 50 anos e no seu lugar construiuse outra na década dos 60.

Ponte de Ribadulla, Santiso:


Foto do arquivo de Begoña López Martínez

Esta é unha das pontes que desapareceron no concello de Santiso. Existiron outras, incluso medievais, que non se conservan e das que non temos foto, como a de Mourazos (construída no século IX que contaba cunha inscrición medieval da mesma época e que hoxe está baixo as augas do río), ou a da Cornella tamén chamada do Arcediano, do século XIII.

A ponte de Ribadulla, sobre o río Ulla, constaba de tres piares e dous estribos de arranque. A estrutura do taboleiro era de vigas e táboas. Tamén tiña varandas de madeira.

A ponte desaparece cando se constrúe o encoro de Portodemouros no ano 1967. Cando as augas do encoro están baixas aínda se ven as bases dos piares.


Ponte da Pena na parroqua de Santa María de Santiso:


Foto de Xosé Manuel Broz Rei do libro “Santiso na Terra de abeancos”

A Ponte da Pena sobre o Ulla é outra das pontes con piares e estribos de pedra e taboleiro de madeira, que había no concello de Santiso. Moitas delas foron substituídas por outras de formigón na década dos 60.

A Ponte da Pena constaba de dous estribos e dous piares de mampostería sobre os que se asentaban as vigas e táboas que conformaban o taboleiro.

Segundo Xosé Manuel Broz un dos piares derrubouse cunha enchenta e non se volveu a reconstruir.

Outras pontes que había do mesmo tipo foron as de Belmil (sobre o río Ulla), de Portodís e de San Paio (sobre o Furelos), a da Beseña (sobre o rego da Beseña) ou a dos Freires ou dos Frades (sobre o río Seco).

5 - FONTES

Fonte da Praza do Convento (Melide):


Foto do arquivo de Landín


Foto de José Fuciños Buján

Nestas dúas fotos da década dos anos 30 vemos a Fonte da Praza do Convento cuxo corpo central se atopa na actualidade no parque do Castelo, no acceso á Capela do Carme.

Nestas fotos tan nostálxicas podemos ver a Praza do convento con árbores, con pavimento de enlousado rústico e tamén se ve unha beirarrúa de pedra diante da Obra Pía.

Como pode verse, a fonte constaba dun altar de pedra adosado por detrás mirando cara á igrexa do Convento e tamén como había pivotes ou pinos de canteiría para apoiar as sellas da auga.

Hoxe non se conserva dito altar e os pinos foron substituídos décadas máis tarde pou uns bancos de pedra formando unha estrutura en “U”. Tamén se pode ver na foto como sobre o coroamento da fonte estaba inserida unha cruz de madeira das misións populares, probablemente dos P.P. Pasionistas.

Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

Bibliografía:

- Seminario de Estudos Galegos: “Terra de Melide”, ano 1933.

- Broz Rei, Xosé Manuel:
  • “A Terra de Melide”, ano 2001. 
  • “Santispíritus de Melide”, ano 2004. 
  • “Santantoíño de Toques”, ano 2011. 
  • “Santiso na Terra de Abeancos”, ano 2013. 
  • “A Vila de Melide”, ano 2016. 
- Gómez Vila, Javier: “Prospección arqueológica do Camiño Primitivo de santiago e da Vía Romana XIX nos Concellos de Toques e Melide”, publicado no boletín nº 8 do Museo da Terra de Melide, ano 1993.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...