martes, 24 de xaneiro de 2017

Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide - Cuarta parte




CUARTA PARTE: O Patrimonio en perigo.

Nesta cuarta, e última, parte imos recoller unha serie de elementos do noso patrimonio monumental que por unhas circunstancias, ou por outras, corren perigo de desaparecer ou de sofrir danos importantes.

Seguro que nos esquecemos de moitos exemplos, pero estes que aquí se incorporan son unha mostra dese patrimonio vulnerable, á par de único. Cando estamos a falar de elementos culturais de índole material, debemos incidir nunha realidade manifesta que é que son elementos únicos e irrepetibles, posto que non hai dous iguais e que cada un deles vai acompañado dun “anaquiño” da nosa historia, formando parte da arquitectura do noso legado cultural.

Non imos entrar en profundidade nas causas que levan a este deterioro progresivo ou irreversible, unicamente pretendemos amosar que o patrimonio cultural é un ben moi sensible e en moitas ocasións inxustificadamente perecedoiro. Con algúns elementos cos que convivimos actualmente, en estado de abandono ou precariade, non somos capaces de asegurar que xeracións vindeiras (e non moi lonxanas) poidan disfrutar deles.



A continuación imos facer unha relación dalgunhas desas notables realidades, que aínda se podería revertir a súa situación.


1- ARQUITECTURA RELIXIOSA:

Nesta categoría contamos con varios exemplos de arquitectura en estado precario. Tamén imos analizar a situación de perigo que amenazan a algún dos nosos destacados cruceiros.

En canto ás igrexas compre indicar que mal que ben a situación actual, das que se manteñen en pe, non é de todo mala posto que seguen a desempeñar o seu cometido de templos parroquiais, o que axuda a que se leve a cabo algún traballo de mantemento. En moitos casos os elementos máis afectados destas igrexas son compoñentes do seu mobiliario (retablos, imaxes,…) ou tamén o estado de conservación daquelas que contan con pinturas murais (tal é o caso das pinturas do claustro do Convento de Sancti Spiritus ou as da cabeceira da igrexa de Ordes, situadas detrás do retablo.)


Foto de Xosé Manuel Broz. Ano 2005

Estado das pinturas murais datadas no século XVI, situadas detrás do retablo do século XVII, da igrexa parroquial de Santa María de Ordes (Toques).

Igrexa vella de Santa María de Vimianzo (Santiso):

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide, autor Xurxo Broz Rodríguez. Ano 2016

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide, autor Xurxo Broz Rodríguez. Ano 2016


Esta vella igrexa parroquial situada en Vimianzo quedou en desuso e abandono fai un anos, cando se edificou unha nova na entrada da aldea.

Na actualidade o seu estado é semiruinoso. Chove no interior da nave posto que ten moitas tellas movidas, o que está a apodrecer o armazón de madeira da cuberta. Na sancristía, situada detrás do presbiterio, xa medran árbores e silvas, que tamén comezan a invadir o interior da igrexa. Nos muros xa se formaron fendas e estase a perder o recebo das paredes. No interior xa non ten altar nin mobiliario (retablo, imaxes,…) que foron trasladados á igrexa actual.

A troneira da espadana xa non ten campá.

Capela da Nosa Señora de Loreto da Casa do Ribeiro (Visantoña- Santiso):

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide, autor Cristina Vázquez Neira. Ano 2016.
Exterior da Capela (non se lle pode sacar unha foto de conxunto por causa da abundante maleza que a oculta).

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide, autor Cristina Vázquez Neira. Ano 2016.
Interior da Capela.

Desta capela privada xa falamos na 1º entrega desta serie, na que abordabamos o patrimonio eclesiástico desaparecido. Esta capela non está completamente arruinada, pero nun avanzado estado de ruína, como pode verse nas fotos. Xa non ten cuberta, caeulle a espadana e o retablo está nun estado irrecuperable.

Neste capítulo non imos redundar máis nela, posto que xa foi tratada, pero si que incluimos máis adiante o estado ruinoso da propia Casa do Ribeiro, propietaria desta capela.

Capela da Casa de Pardo (Roiriz- Melide):

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide, autor Xurxo Broz Rodríguez. Ano 2016.
Exterior da Capela.

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide, autor Cristina Vázquez Neira. Ano 2016.
Interior da Capela.

Desta outra capela, tamén privada, propiedade en orixe da Casa de Pardo de Roiriz xa falamos na 1º entrega desta serie (na que abordabamos o patrimonio eclesiástico desaparecido). Ó igual que a Capela da Casa do Ribeiro (Santiso), esta outra non está arruinada na súa totalidade, pero tamén vai camiño delo.

Neste caso tamén perdeu a cuberta, e no seu interior e nos muros colonizouse de abondosa maleza. O retablo, como pode verse na segunda foto, está desmoroado en un estado practicamente irrecuperable.

Tamén neste último capítulo abordaremos o estado da Casa de Pardo de Roiriz, que nestes últimos meses perdeu parte do tellado.

Cruceiro do Leboreiro (Melide):

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide, autor Xurxo Broz Rodríguez. Ano 2016.

Este cruceiro, do século XVII, sufriu importantes danos ó estar situado nunha praza ou encrucillada de camiños, pola que discorre o tráfico rodado. Esto xa ten provocado que se viñese abaixo nalgunha ocasión, polo que tiveron que reintegrarlle partes fracturadas.

Tampouco conserva o seu pedestal troncopiramidal orixinal, nin o pousadoiro ou altar que tiña ó carón.

Trátase dun exemplo de cruceiro situado nun ámbito perigoso para a súa integridade, posto que ó circular vehículos e maquinaria agrícola á par del, pode acabar provocando futuros danos, ¡ogallá que non se de o caso!.

Cruceiro de Visantoña (Santiso):

Foto de Abeancos.gal. Autor Xurxo Broz Rodríguez. Ano 2016.

Este cruceiro, do século XVIII, sitúase nunha encrucillada de pistas no lugar de Seoane, na parroquia de Visantoña.

Trátase dun fermoso cruceiro barroco, á par de “itinerante”, posto que cambiou varias veces de emprazamento. Na actualidade sitúase nun espazo moi pouco apropiado, xa que circulan vehículos ó seu carón e o tráfico nese punto é bastante intenso. Este feito xa ten ocasionado importantes danos, que teñen afectado á súa integridade, sendo necesario reintegrar algunhas pezas.

Para evitar que os vehículos se lle aproximen, colocáronselle uns pivotes como se pode ver na foto. Iso axuda a separarse un pouco del, pero non impide novos atropelos.

Cruceiro de Melide:

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide, autor Xurxo Broz Rodríguez.
O Cruceiro de Melide durante as festas do San Roque de 2016.

O cruceiro de Melide, do século XIV, considerado por Castelao como o máis antigo de Galicia, tamén ten o seu “sambenito”.

Cando chegan as festas do San Roque a súa integridade e a súa dignidade sempre están nunha situación de gran precariedade.

Imos facer unha relación dalgunhas das afeccións das que fomos testemuñas directas:

- Cando se montan os escenarios das grandes orquestras, moi voluminosos eles, ás veces case lle rozan, quedando algún ano a escasos metros del. Houbo un ano que quedou a unha distancia que non superaba o metro. Eses escenarios van montados en trailers, que teñen que facer un sinfín de manobras complicadas para adaptalos ó ancho da estrada. Non queremos imaxinar que preto debeu quedar o remolque ou a cabina do trailer nalgunha das manobras. ¿Imaxinémonos o que pasaría se lle chega a impactar e derrubar?. Moito mellor é que non, mais non é para nada imposible.

- Nalgún concerto, creemos que foi no Andy y Lucas, chegaron a montar un camerino con lonas, no que o cruceiro quedou no interior formando parte da intendencia do espectáculo. E tamén o temos visto con cintas de balizar atadas ó seu fuste.

- Neste último San Roque temos visto como os mozos facían botellón ó seu carón, cando houbo actuacións, utilizando a plataforma como barra de bar e tamén como se facían fotos e selfies apoiadas nel varias persoas. Tampouco houbo reticencias a ser utilizado como servizo público, non faltando mozos que miccionaban nel.

Os autores deste artigo tomámonos a “lixeireza” no San Roque de 2016 de coller prestadas unhas vallas de protección e colocalas ó seu redor, para amparalo e evitar que se levaran a cabo algunhas desas accións claramente nocivas.

Todo iso podería resolverse sinxelamente colocándolle unha discreta e pouco ostentosa valla de protección perimetral, de xeito permanente. Pero queremos deixar claro que esta proposta non é máis que unha mera opinión dos autores deste traballo.


2- ARQUITECTURA CIVIL:

Pazo de Santa María (Melide):

Foto de abeancos.gal. Autor Jorge Lama. Ano 2016.

O Pazo ou Casa Grande de Santa María correspóndese cunha edificación noble de mediados do século XVII. Nela destácase o patín con escalinata e estilizadas columniñas apoiadas sobre peitoril cego. Tamén conta cun escudo da familia Somoza datado a principios do século XX.

O estado do edificio é de manifesto abandono. Na súa fachada medran hedras e silvas. Pero o peor é que está a perder o tellado, posto que xa se ven espazos sen tella e sen armazón.

Trátase dun pazo moi próximo á vila de Melide que non é demasiado coñecido, a pesar de estar situado xusto detrás da igrexa románica de Santa María.


Casa de Roiriz (Zas de Rei-Melide):

Foto abeancos.gal. Autor Jorge Lama, xullo 2016.

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide. Autor Xurxo Broz Rodríguez, decembro 2016.

Esta Casa Grande, refeita no século XIX, aproveitando elementos dunha edificación pacega anterior, destaca pola súa alta cheminea cunha cabeza humana labrada, situada na súa base, e que fai de respiradeiro, e tamén polo escudo do Seixas e dos Varela.

Na primeria foto de xullo de 2016, aínda se podía ver o tellado completo, pero recentemente (en agosto 2016) perdeu unha boa parte da cuberta da edificación anexa que da ó patio (como se ve na segunda foto), nesta construción anexa había un forno. Vemos pois como en poucos meses se pode producir o colapso e desmoroamento dun tellado dunha edificación en desuso, sendo o primeiro paso dunha ruína anunciada.



Casa de Souto (Melide):

Foto de abeancos.gal. Autor Jorge Lama. Ano 2016.


Este histórico inmoble situado na Rúa Principal de Melide foi propiedade do Convento de Sancti Spiritus de Melide e funcionou como casa reitoral da desaparecida igrexa de San Pedro. Conta con dous escudos, un do Convento de Sancti Spiritus e outro da linaxe dos Moscoso (datado no século XVI).

Na actualidade a casa mantense en pe e tamén en bastante bo estado, o perigo radica en que o inmoble está en venda e non sabemos se nun futuro será conservado integramente.

Melide non conta cun Plan Especial de reforma interior, polo que non está garantida a súa preservación plena.


Casa do Notario (Melide):

Foto de abeancos.gal. Autor Jorge Lama. Ano 2016.

Este fermoso inmoble situado na Rúa do Progreso de Melide, trátase dunha edificación de finais do século XIX, con elementos decorativos de estética modernista de principios do século XX.

Hoxe mantense en pe, en relativo bo estado de conservación, máis na actualidade está en venda como solar edificable de baixo e catro alturas. Iso fai deducir que non se conservará a vella edificación, alomenos no que respecta á configuración interior.

Trátase dun modelo único, en Melide, de edificación de corte burgués que procura unha harmonía estética na súa fachada.


Casa Grande do Ribeiro (aldea do Ribeiro, Visantoña- Santiso):

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide. Autor Cristina Vázquez Neira. Ano 2016.
Exterior da Casa Grande do Ribeiro

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide. Autor Cristina Vázquez Neira. Ano 2016.
Vista do patín da entrada.
As orixes da Casa do Ribeiro remóntanse alomenos ó século XVI. Foi casa de cregos e procuradores da xurisdicción de Abeancos.

Esta casa atópase na actualidade en estado de abandono e semiruína. Está perdendo a cuberta e encóntrase practicamente oculta pola maleza e arborado. Aínda con todo as paredes atópanse en pe ó igual que a monumental cheminea coroada por un pináculo.

Na entrada conta cun patín en estado de ruína.

Desta casa tamén é propiedade a Capela de Nosa Señora de Loreto, que tamén se a topa en estado ruinoso (e da que falamos máis arriba).


Casa de Belmil (Santiso):

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide. Autor Xurxo Broz Rodríguez. Ano 2016.


Foto arquivo do Museo da Terra de Melide. Autor Xurxo Broz Rodríguez. Ano 2016.
Lateral da casa onde se aprecia o derrube total do tellado e dun dos muros da edificación.

Esta casa do século XVI foi Casa da Audiencia da Xurisdicción de Abeancos. Nela destácase unha porta con lintel, con deseño en arco conopial e un escudo dos Baamonde e Aguiar.

Esta casa sufriu algunhas reformas bastante desafortunadas (como verse na reconstrución da parede da fachada empregando bloques de formigón).

Unha parte da, en orixe, propiedade única atópase en avanzado estado de ruína, sen cuberta e sen pisos, co interior invadido por maleza e arborado.

Portada do Pazo de Liñares (Santiso):

Foto do Terra de Melide, páxina 13. Ano 1933.



Foto de abeancos.gal. Autor Jorge Lama. Ano 2016.


Esta portada do século XVII que precede ó Pazo destaca pola súa monumentalidade. Na foto do “Terra de Melide” do ano 1933 podía verse en perfecto estado de conservación e estabilidade. Na actualidade vemos que sufre danos estruturais importantes, que poden derivar nun colapso e desmoroamento.

Vense como están desplazados algúns dos sillares da parte inferior das xambas, probablemente provocados polo paso de vehículos e maquinaria agrícola.

Sobre o arco da porta vemos bastantes sillares desplomados e separados. O mesmo sucede coa cornixa que serve de asento do frontón de remate.

Polo tanto o estado da portada pode dicirse que é de “equilibrio inestable”.

¡Ogallá que se siga mantendo en pe!


Casa de Goiás (Vilouriz -Toques):

Foto de abeancos.gal. Autor Jorge Lama. Ano 2016.


Esta singular edificación do século XVI destaca pola súa porta con mochetas, pola cornixa decorada con bolas ou perlas e tamén polo seu escudo, situado o carón da ventá do piso superior.

Esta casa tivo moita historia, porque se di que foi cárcere, hospital e tamén concello. Na actualidade non conserva o tellado nin tampouco os pisos de madeira interiores, polo que o seu estado de conservación é moi deficiente.


Casa de Prieto (Paradela-Toques):

Foto arquivo do Museo da Terra de Melide. Autor Xurxo Broz Rodríguez. Ano 2016.



Esta casa posiblemente datada no século XVI correspóndese cun magnífico exemplo de arquitectura a medio camiño entre popular e fidalga.

Destaca sobre todo pola súa porta de canteiría con mochetas e lintel figurado, cun repertorio decorativo cargado de simbolismo, á par de enigmático (cunha cruz grega flanqueada por un bóvido e por un crecente de lúa, tres estrelas de oito puntas e unha pentalfa cunha cruz no seu interior).

Esta casa atópase en estado ruinoso, de feito estanse a separar o muro da fachada principal dun dos muros laterais, o que pode acabar producindo o derrube da fachada.

Probablemente as perdas parciais do tellado, que xa comezan a aparecer, favorecerían este importante dano estrutural, que se non se corrixe acabará por producir o derrube do esquinal do inmoble.


3- OUTROS ELEMENTOS:

Nesta categoría incluímos algún exemplo de arquitecturas cuxo estado de conservación é ruinoso, e que polo tanto pode correr risco de acabar nunha situación irrecuperable.

Son exemplos de construcións senlleiras, que a pesar da súa importancia, pasan case que desapercibidas.


Fábrica de curtidos de Furelos (Melide):

Foto abeancos.gal. Autor Jorge Lama. Ano 2016.


Este edificio é o máis destacado exemplo de arquitectura industrial da Terra de Melide. Estivo en funcionamento entre os anos 1817 e 1960. Edificouse para levar a cabo o curtido de peles empregando casca de carballo moída (da que obtiñan o tanino necesario para o proceso de curtido e tinguido).

Hoxe o seu estado é de completo abandono e ruína. Está a perder a cuberta de maneira progresiva e estanse producindo danos severos en armazóns, pisos e paredes.


Muralla do Nabal do Hospital de Sancti Spíritus de Melide:

Foto de abeancos.gal. Autor Jorge Lama. Ano 2016.


No camiño das Cabadas, en Melide, aínda se manteñen en pe varios e longos treitos da cerca que bordeaba o nabal (terras de labor) do Hospital de Peregrinos de Sancti Spiritus.

Co paso do tempo, e por diversas obras, fóronse perdendo tramos da mesma.

Na foto pode verse un desprendemento de pedras do aparello, á altura da intersección coa Rúa México. Este desprendemento e caída de pedras aconteceu o pasado mes de agosto de 2016.


Ponte de Busel (Ribadulla – Santiso):

Foto de Xosé Manuel Broz Rei.


Esta ponte de aspecto medieval é unha das pontes máis bonitas e descoñecidas da Terra de Melide. Atopámola na desembocadura do rego da Beseña no encoro de Portodemouros. Iso fai que a ponte esté mergullida polas augas do encoro boa parte do ano (nos meses nos que se incrementa o caudal do encoro).

Aínda que parece de fábrica medieval, en realidade se trata dunha ponte construída na década de 1930 por Mingos do Gaiteiro, veciño da aldea de Pezobre.

Esta ponte perdeu os seus peitorís ou varandas, pero o problema principal é que se está a desmoroar o macizado do estribo da beira leste, dano que pode acabar producindo un derrube da ponte, posto que se trata dun elemento sustentante danado.

4- XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS:

Dentro desta categoría compre indicar que o noso rico patrimonio arqueolóxico, especialmente as mámoas e os castros, están a sufrir diversos e importantes danos por mor dos cada vez máis frecuentes traballos de tala de madeira e repoboación forestal.

En moitas ocasións non so se produce unha remoción intensa de terra para repoboar, senón que se abren camiños novos para acceder á madeira, e tamén se fan algúns desmontes que alteran as condicións destes xacementos.

Nos últimos anos roturáronse varios castros e mámoas na comarca, para plantarlles eucaliptos. No caso dos castros ata se chegaron a roturar mecanicamente murallas e parapetos, e no das mámoas roturáronse e rebaixáronse algunhas.

Aínda fai pouco tempo tivemos noticia dunha desfeita producida no parapeto que pecha o antecastro do Castro de Serantes (Santiso). O motivo parece deberse a un desmonte efectuado para plantación de eucaliptos.

Neste artigo non queremos incidir moito no patrimonio arqueolóxico en perigo ou deaparecido, posto que do desaparecido xa se trata na 3ª parte desta entrega. Ó mesmo tempo tampouco somos quen de predecir cales xacementos van ser obxecto de traballos forestais, ou doutro tipo, que alteren á súa integridade. Dito doutro xeito, o patrimonio arqueolóxico é potencialmente susceptible de sofrir danos futuros, a pesar de contar cun amplo articulado legal que o ampara.

Autores: Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira


Bibliografía:

- Páxina web abeancos.gal

- Seminario de Estudos Galegos: “Terra de Melide”, ano 1933.

- Broz Rei, Xosé Manuel:

            - “Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide”,  publicado no boletín nº 18 do Museo                da Terra de Melide, ano 2005.

            - “A Terra de Melide”, ano 2001.

            - “Santispíritus de Melide”, ano 2004.

            - “Santantoíño de Toques”, ano 2011.

            - “Santiso na Terra de Abeancos”, ano 2013.

            - “A Vila de Melide”, ano 2016.

- Núñez López, Jose: “A casa do Ribeiro de Visantoña”, publicado no boletín nº 16 do Museo da Terra de Melide, ano 2003.


ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...