sábado, 24 de decembro de 2016

Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide - Parte 1


Neste artigo imos facer unha semblanza, moi sentida, do patrimonio histórico-artístico da nosa comarca, que por diversos motivos xa non podemos enorgullecernos deles, posto que esmoreceron inxustificadamente, sen casi decatarnos de canto proveito lles sacaríamos na actualidade. Cando vaiamos vendo as fotos dalgúns deles, ¿non nos imos preguntar que mal facían para ser “executados”?

Con este artigo preténdese concienciar da necesidade de protexer e preservar o noso legado cultural, posto que a súa perda non aportou nada positivo e nin tan siquiera axudou a entender que non podemos permitirnos o luxo de ir perdendo patrimonio practicamente un día si e outro tamén.

Na mesma liña imos amosar algúns exemplos actuais de esmorecemento, desidia e descoñecemento do valor que agochan os nosos elementos patrimoniais. Non queremos, nin debemos permitir que corran a mesma sorte dos anteriores. Por desgraza non son os únicos, senón que son algúns exemplos que amosan ese estado de extenuación.

Non imos redundar, en exceso, nas causas da súa desaparición posto que cada quen somos capaces de sacar as nosas conclusións. Nese senso trátase so, dun listado incompleto de bens que hoxe deberían acompañarnos no noso presente. Imos enumerar varios elementos desaparecidos, e outros en perigo de desaparecer senón se fai nada ó respecto. Así pois, é un artigo incompleto que poderemos ir completando noutras entregas. Admítense, dese xeito, novas aportacións que iremos publicando paseniñamente noutros artigos.
Este artigo pola súa extensión desglosámolo en varias partes, na primeria abordaremos o patrimonio relixioso, na segunda o patrimonio arquitectónico (civil), na terceira o patrimonio arqueolóxico e na cuarta e última o patrimonio en perigo serio de desaparecer (¡que por desgraza non é pouco!).

PRIMEIRA PARTE - O Patrimonio Relixioso

Igrexa de San Xoán de San Cibrao (Melide):

Casa reitoral de San Xoán de San Cibrao (no lugar de A Torre)
Autor: Xaquín Ferrer Cruz

No lugar de A Torre, na parroquia de San Xoán de San Cibrao aínda se conserva en pe a vella casa reitoral, que aínda pode verse na foto (a da cheminea monumental). Ó carón da casa reitoral estaría situada a desaparecida igrexa parroquial e o camposanto. Coñécese que no ano 1891 a igrexa desaparece e constrúese unha nova igrexa nas Cazallas, para atender ás parroquias de San Cibrao e Santo Tomé de Castro (que tamén tería igrexa, pero desta descoñécese a antiga ubicación).

Igrexa de Santiago de Baltar (Melide):

Solar onde se ubicaba a antiga igrexa de Santiago de Baltar
Arquivo do Museo da Terra de Melide. Autor Cristina Vázquez Neira.

Esta igrexa estaba situada na aldea de Eixe de Lamas ou Eirexe de Lamas, na que se ubica a vella escola de Baltar. No solar aínda pode verse un basamento dunha cruz ou cruceiro de forma cadrangular. A igrexa desaparece en torno ó ano 1926, cando se edifica a nova igrexa actual na aldea de Baltar, fronte á carballeira onde se atopa o cruceiro parroquial do século XVII.

Igrexa de Santa María de Grobas (Melide):

Carballeira onde estaba situada a vella igrexa de Santa María de Grobas.
Foto autor: Xaquín Ferrer Cruz.

Na aldea de Grobas de Arriba localizábase a vella igrexa de Santa María de Grobas. Na foto pode verse unha carballeira que ocupa o lugar onde se ubicaba dita igrexa e o camposanto. Aínda pode verse un valado, que pecha a parcela, que podería corresponderse co peche do adro. A escasos metros desta carballeira atópase a Fonte de San Ramón, con propiedades propiciatorias para garantir un bo parto.

A igrexa ó igual que a antiga de Baltar, esmoreceu por mor da edificación no ano 1926 da actual sé parroquial en Baltar (que presta servizo eclesiástico ás dúas parroquias).

Igrexa parroquial de San Pedro de Melide:


Foto de José Fuciños Buján anos 30 Postal de Ediciones Arribas ano 1945



Foto do “Terra de Melide” do ano 1933 Foto de Chao Castro ano 1919

No ano 1949 prodúcese o desmantelamento da vella igrexa parroquial de Melide do século XIII. Situábase na mazá comprendida entre as actuais rúas de San Pedro e de San Xoán. Nese mesmo espazo estaba situado o vello camposanto, que deixou de funcionar como tal no ano 1843.

Desta magnífica igrexa consérvase a portada románica na actual Capela de San Roque, ademais de tres sartegos funerarios (mal dignificados) procedentes da nave e das capelas laterais de San Luís e de San Miguel.

As fotos falan por sí soas.

Antiga Capela de San Roque (Melide):

Foto de José Fuciños Buján anos 30


Foto de José Fuciños Buján, anos 30
Esta capela situábase no Campo de San Roque. Para facernos unha idea estaba no espazo ocupado pola beirarrúa diante da sucursal de Abanca. Tratábase dunha igrexa de Idade Moderna reconstruída no ano 1722. Anteriormente a esta houbo unha igrexa anterior dedicada a San Sebastián.

A vella capela de San Roque demólese na década dos anos 40 do século XX. O seu retablo consérvase na cabeceira da actual Capela de San Roque, edificada no ano 1949.

Vemos nas fotos que se trata dunha arquitectura humilde, non por iso carente de valor histórico e patrimonial.

Convento dos P.P. Pasionistas (Melide):

Foto de Arquivo de Landín




Fotos de Xosé Manuel Broz Rei do libro “A vila de Melide”
Este convento edificouse entre 1909 e 1920 en estilo neogótico. A igrexa inaugúrase o 19 de abril de 1912 e conságrase baixo a advocación da Nosa Señora das Dores. Contaba cun magnífico retablo neogótico da autoría do imaxineiro Maximino Magariños.
A igrexa e o convento demólense no ano 1998 para a construción da residencia da 3ª Idade.

Cruceiro do Convento (Melide):

Foto de José Fuciños Buján, ano 1915.

Este cruceiro estaba situado na “leira da Cruz”, no cruce entre as estradas de A Coruña e a de Toques, no solar no que se localiza actualmente a casa do doutor Don Eladio García. A casa foi edificada no ano 1941, procedéndose ó traslado do cruceiro, pero descoñécese o paradoiro do mesmo.

No Terra de Melide (ano 1933) falan deste cruceiro nos seguintes termos: “ten crús sinxela sobre fuste octogonal. Sendo o único que mereza mención, o letreiro do fuste: ESTA FIXO F. VASCO DE PN: 1549” (interpretouse que foi realizado por Frei Vasco de Pino no ano 1549).

Capela de Roiriz (Zas de Rei, Melide):

Foto do retablo da capela de Roiriz,
Autor Xosé Manuel Broz Rei, ano 1982.


Estado actual do interior da Capela de Roiriz en decembro de 2016
Foto Arquivo do Museo da Terra de Melide. Autor Xurxo Broz Rodríguez

Vista actual (decembro de 2016) do estado da Capela de Roiriz
Foto Arquivo do Museo da Terra de Melide. Autor Xurxo Broz Rodríguez

Esta capela foi construída no ano 1779 por Don Ventura Varela Sotomayor (Señor da Casa de Roiriz). Presenta planta rectangular, cunha porta e unha ventá. Tiña un retablo de estilo neoclásico como pode verse na foto, en cuxo camarín central había unha imaxe de vestir da Virxe do Carme (este retablo está practicamente irrecuperable).

Esta capela no ano 1993 aínda se mantiña en bo estado, pero segundo Xosé Manuel Broz naquel ano xa levaba tempo abandonada. A Capela na actualidade atópase en avanzado estado de ruína (perdeu a cuberta, a espadana e o interior está invadido de vexetación). Incorporamos esta capela á lista de patrimonio desaparecido, posto que o seu estado de abandono e deterioro é máximo e case se podería dicir que irreversible.


Capela de San Cidre (Toques)


Ruínas da antiga capela de San Cidre, ano 2016 
Foto extraída de abeancos.gal Autor : Jorge Lama

Foto do interior da vella capela de San Cidre
Autor Xosé Manuel Broz Rei
No alto do monte de San Cidre existía unha pequena capela dedicada a ese santo, erguida sobre unha mámoa. Na actualidade so se conservan as primeiras fiadas dos muros, sobre os que recolocaron o cruceiro (de inicios do século XX). Os muros apenas se poden ver hoxe en día, por estar cubertos de toxo.

No Museo da Terra de Melide consérvase a pía de auga bendita que había no interior da ermida.
Non fai moitos anos ergueuse unha nova capela a escasos 35 metros


Igrexa de San Estevo de Pezobrés (Santiso):

Vista actual da igrexa de San Estevo de Pezobrés, no actual emprazamento na aldea de San Benito.
Foto de abeancos.gal. Autor : Jorge Lama

Esta igrexa románica foi traslada no século XVIII ou XIX desde a aldea de Pezobrés ó seu actual emprazamento en San Benito. Como consecuencia deste traslado sufriu importantes alteracións na súa arquitectura: posible elevación da nave, perda da ábsida orixinal e a inapropiada ubicación do Agnus Dei, situado actualmente sobre a espadana.

Os veciños máis maiores da aldea de Pezobrés teñen unha idea vaga do lugar no que se localizaba a vella igrexa, ó carón dun inmoble actualmente en ruínas, e que comentan que tiñan escoitado que se trataba da antiga reitoral.

Posible ubicación da antiga Igrexa Parroquial de San Estevo de Pezobrés no lugar de Pezobrés.


Esta posible localización determinouse despois das conversas cos veciños, de maior idade, desta aldea. Teñen escoitado que a casa en ruínas fora a reitoral.

Foto arquivo Museo da Terra de Melide. Autor Cristina Vázquez Neira


Antiga Igrexa de San Vicenzo de Ribadulla (Santiso):

Antiga igrexa de Ribadulla, ano 1963.
Foto do arquivo de Begoña López Martínez
Antiga igrexa de Ribadulla, ano 1963.
Foto do arquivo de Begoña López Martínez

Ubicación orixinal da antiga igrexa de Ribadulla. Poden verse escombros e nichos de formigón. 
Foto arquivo Museo da Terra de Melide. Autor Cristina Vázquez Neira


Detalle das ruínas da desaparecida igrexa.
Foto arquivo Museo da Terra de Melide. Autor Cristina Vázquez Neira

A antiga igrexa de Ribadulla do século XVIII, foi demolida no ano 1967 cando se constrúe o encoro de Portodemouros. En vez de procederse ó seu traslado optaron por facer unha igrexa nova de estilo contemporaneo (carente de valor estético); o mesmo aconteceu coas igrexas de San Miguel de Brocos en Agolada e de San Pedro de viños en Arzúa.

Na actualidade cando as augas do encoro están baixas pode verse o solar no que estaba situada a igrexa parroquial (aínda se ven as pedras da cimentación da igrexa), e tamén se poden ver uns nichos realizados en cemento e ladrillo.


Antiga igrexa de San Paio de Niñodaguia (Santiso):



Fotos da ubicación exacta da antiga e desaparecida Igrexa Parroquial de San Paio de Niñodaguia, no lugar de San Paio.
Fotos arquivo Museo da Terra de Melide. Autor Cristina Vázquez Neira


A vella igrexa situábase orixinalmente en San Paio, pero no ano 1927 lévase a cabo a súa demolición e reempréganse os materiais para construír unha nova en Portocelo.

Os veciños dan conta de que a vella igrexa estaba moi arruinada e era cativa, polo que procederon ó traslado ata Portocelo, considerando que ese novo emprazamento estaría nun lugar máis céntrico.

Sábese da vella igrexa que no ano 1561 era anexa do Convento de Sancti Spíritus de Melide, e que se reconstruiu de novo no ano 1792.


Igrexa de Santa María de Barazón (Santiso):

A vella igrexa estaba situada noutro lugar, e construiuse unha nova no ano 1881 no Castro, de feito érguese sobre o asentamento castrexo (practicamente destruído).


Igrexa de San Cosme de Beigondo (Santiso):

A vella igrexa parroquial de Beigondo atopábase noutro lugar algo afastado da aldea, polo que no 1904 foi edificada a nova no solar actual.


Capela de Nosa Señora de Loreto (Casa do Ribeiro - Visantoña, Santiso):


Capela de Loreto,anos 80
Autor Xosé Manuel Broz Rei

Capela de Loreto,anos 80
Autor Xosé Manuel Broz Rei

Estado actual da Capela da Nosa Señora de Loreto no Ribeiro (Visantoña-Santiso).
Foto arquivo Museo da Terra de Melide. Autor Cristina Vázquez Neira

Estado do interior da Capela da Nosa Señora de Loreto. 
Fotos arquivo Museo da Terra de Melide. Autor Cristina Vázquez Neira


Esta capela pertencía a Casa do Ribeiro de Visantoña. Foi edificada no ano 1765 polo crego Don Domingo Antonio Concheiro Bolaño. A capela contaba cun retablo de madeira sen policromar e un frontal de altar do século XVIII. Tivo culto ata os anos 40 do século XX. Actualmente está en ruínas, perdeu a cuberta, a espadana está derrubada no interior e está invadida pola maleza.

Incorporamos esta capela á lista de patrimonio desaparecido, posto que o seu estado de abandono e deterioro é máximo e case se podería dicir que irreversible.


Igrexa vella de Santa María de Vimianzo (Santiso):

Esta antiga igrexa parroquial atópase en estado de abandono e ruína, pero aínda sería recuperable. Falaremos dela na 4º parte desta serie na que trataremos do patrimonio en perigo.

Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

Bibliografía:

- Seminario de Estudos Galegos: “Terra de Melide”, ano 1933.

- Broz Rei, Xosé Manuel:

- “A Terra de Melide”, ano 2001.

- “Santantoíño de Toques”, ano 2011.

- “Santiso na Terra de Abeancos”, ano 2013.

- “A Vila de Melide”, ano 2016.

  SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros gale...