luns, 20 de xullo de 2015

O menhir máis grande de Galicia

PEDRAFITA DO CASAL (PARROQUIA DE CAMPOS, MELIDE) 

“O MENHIR MÁIS GRANDE DE GALICIA”

Melide pode sentirse moi orgulloso do seu destacado patrimonio monumental, histórico e arqueolóxico, xa que neste concello contamos con elementos únicos de especial relevancia. Nesta ocasión ímonos referir a un deles, á pedrafita ou menhir do Casal, que pode tratarse do menhir de maiores dimensións do territorio galego.

Este exemplar tan monumental apareceu no ano 2012 realizando unhas obras de ensanchamento dunha pista de terra. E foi posta en valor e dignificada gracias á acción desinteresada dos propietarios da parcela na que apareceu. Nestas liñas queremos destacar e agradecer o xesto da familia de Sara Seijas Fuciños, que tivo a sensibilidade de recuperar e deixar á vista este magnífico menhir.






No ano 2012 colocárona na marxe dereita da pista asfaltada que desde a igrexa parroquial de Santa María de Campos leva á veciña parroquia de San Cosme, á altura do desvío que leva ata a aldea de O Casal.

Atópase no extremo leste da finca na que foi localizada casualmente e foi erguida, facendo de amparo dunha curva da pista asfaltada que cingue a parcela por ese extremo, para servir tanto de “quitamedos” como de contención lateral do vial, que se atopa proxectado sobre a leira.


Segundo informacións dos propietarios desa finca a pedra atopábase facendo de base dun valado situado na marxe dereita do camiño, sen asfaltar, que leva ata as casas do lugar, e que discorre no límite sur da propiedade. Comentan que cando procederon a desmontar un valado que servía de peche desa finca, para ensanchar a pista mediante unha retroescavadora, quedaron moi sorprendidos ó ver como pinzando unha pedra veuse abaixo un tramo duns 5 ou 6 metros de longo, posto que unha pedra de moi grandes dimensións (e que estaba deitada) facía de cimentación do valado. Polo tanto vemos como esta pedrafita xa fora reempregada moito tempo atrás como elemento de basamento de muro. Desa forma non é posible coñecer a ubicación orixinal deste sorprendente achado.

A pedra está realizada nun soporte de rocha de gneis ocelar (coñecida nesta zona como “ollo de sapo”), de considerable dureza, densidade e cohesión, resultando moi dificultoso o seu labrado. Presenta unha feitura amendoada alongada, coa base máis ancha que vai diminuindo progresivamente ata o vértice que é redondeado. A base segundo informacións dos propietarios presenta perfil semicircular convexo e sección en cuña. Os laterais debuxan un perfil lixeiramente arqueado (que lle outorgan simetría) e sección ovalada. As dúas caras, a pesar de presentar unha tendencia aplanada, debuxan un lixeiro alombamento central. A superficie é bastante rugosa, pola dificultade de pulir a rocha, e non se observan sucos nin outro tipo de gravuras antrópicas.

Pero o que máis chama a atención deste impresionante menhir son as súas dimensións, posto que acada unha altura próxima ós 5 metros. Na actualidade poden verse 3,30m., pero comentaron os propietarios que está enterrada ó redor de 1,50m. O grosor é variable, pero nunha medida tomada no tercio superior, a partir do nivel de pavimentación da pista, deu un resultado de 0,80m., pero é unha estimación moito menor da que pode acadar na parte inferior, na zona da base. O ancho máximo que se puido tomar, na zona da superficie do terreo, é de 1,73m., polo que na parte soterrada ten que aproximarse, polo menos, ós 2m. ou incluso máis.




Trátase pois, dun magnífico exemplo de megálito, de feitura inequivocamente amenhirada, pero de adscrición cultural indeterminada, pero que cadra moi ben na periodización neolítica (5.000 a.C. - 2.200 a.C.), en base á comparativa con outros exemplares de similares características.

Nunha primeira valoración realizada no ano 2012, por nós, apuntabamos que podería tratarse do chanto ou esteo dunha anta (dolmen), collendo como exemplo os enormes ortostatos, algún deles con feituras puntiagudas, que presentan os dolmens de Dombate en Cabana de Bergantiños ou os da Medoña de Abelleira en Lousada no concello de Xermade. As nosas conclusións, que nese momento non eran determinantes, leváronnos a posicionarnos máis cara a que se trataba dun chanto da cámara dun dolmen, aínda que xa mencionabamos a posibilidade de que se tratase dun menhir ou pedrafita. Finalmente, despois de darlle moitas voltas, comparar con outros exemplos e contrastar as informacións con outros investigadores, chegamos á conclusión final de que se corresponde cun monolito concebido para estar exento, e non formando parte dunha cámara dolménica, posto que aínda que hai chantos que presentan formas picudas e bastante simétricas, non soen presentar seccións tan redondeadas, senón máis angulosas.

Xa para concluir temos que incidir, sen reparos na súa feitura antrópica, é dicir, feita polo home, xa que este material tan duro de traballar non se moldea de xeito natural, así como tampouco a forma afusada que presenta a pedra, non pode orixinarse por medios naturais, é dicir a auga o vento e a erosión, non lle poden dar esa forma, tan regular en todas as súas caras. Polo tanto estamos ante un exemplar labrado, con non poucas dificultades, pola man do home, nun contexto cronocultural antigo (posiblemente prehistórico) e cunha funcionalidade indeterminada, pero que se resume nos seguintes puntos:

- Delimitadores territoriais (a modo de marcos).

- Sinalizadores de campos de mámoas.

- Función de elemento de culto, a modo de estela. Hai teorías que mesmo sinalan a posibilidade de tratarse de elementos de culto á fecundidade, pola súa feitura de tipo fálico.

- Outros exemplos, nos que non encadraría o menhir do Casal, son algúns que presentan un rebaixe ou concavidade no seu extremo superior, e que se lles identifica como observadores astronómicos, para verificar o posicionamento do sol e das estrelas.

Debemos pois congratularnos de contar cun elemento tan importante, no conxunto do patrimonio arqueolóxico da Terra de Melide.

Publicado no Boletín nº 25 do ano 2012, do Museo da Terra de Melide - Centro de Estudios Melidenses, no artigo: ¿Novos chantos megalíticos na Terra de Melide? Aproximación ó seu estudo e difusión. De Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez.

Recollido tamén en diferentes páxinas webs a través de datos e informacións adxuntadas polo Museo da Terra de Melide:
onosopatrimonio.blogspot.com
arqueotoponimia.blogspot.com
dolmensedemaisfamilia.blogspot.com
catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com

Artigo elaborado polo Museo da Terra de Melide

NA PROCURA DA MARCA “CRUCEIROS GÓTICOS DE GALICIA”: (1ª parte) Fotografía publicada no "Terra de Melide" do Seminario de Estudos ...