sábado, 13 de xuño de 2015

Comenzan as visitas guiadas por Melide

Ruta polo Melide historico

O vindeiro domingo 14 de xuño, retomamos as visitas guiadas polo casco vello de Melide, onde poderemos coñecer parte da historia da vila a través dos seus monumentos e urbanismo.



O punto de encontro é a porta do Museo. Dende aí nos trasladaremos á Igrexa Parroquial, antigo Convento franciscano da Orde Terceira. Dentro da Igrexa poderemos coñecer as súas fases de construción dende o século XIV ata o XVIII, así como o seu abandono no século XIX e a conversión en igrexa parroquial de Melide. Tamén neste lugar aprenderemos algo sobre o pasado histórico medieval da vila, e os seus personaxes máis influentes dese período.


Ó saír da parroquial coñeceremos a saberemos algo máis sobre o antigo hospital de peregrinos, do que quedan restos visibles na fachada do actual Museo de Melide.

De aquí nos trasladaremos á Capela de San Antón, antigo Pazo da Obra Pía de Mateo Segade Bugueiro. Neste lugar falaremos do século XVII e da evolución dos edificios da Praza do Convento.


Despois iniciaremos o percorrido polas rúas do casco vello, seguindo o trazado da antiga cerca medieval que rodeaba a vila. Pararemos no lugar onde se atopaban cada unha das portas de entrada ó burgo medieval, falando de diferentes episodios ou elementos patrimoniais que estarían situados preto delas.

Faremos parada en varias rúas e prazas que foron escenario de episodios históricos (A Moa, a Rúa Principal, a Praza das Coles e a Rúa de San Pedro).


Finalizaremos a nosa ruta, trasladándonos fora do casco vello, dirixíndonos ata a Capela de San Roque, onde daremos unha pequena explicación do Cruceiro, considerado o máis antigo de Galicia e da fachada da Capela, pertencente á antiga igrexa parroquial de San Pedro de Melide.

Visitantes: 2 € por persoa (a segunda e posteriores veces gratuíta)

Os socios do Museo + 1 acompañante: Gratis

Menores de 16 anos: Gratis

Na visita entrégase un libriño que resume a historia de Melide e que serve de guía para a Ruta. É imprescindible traelo nas visitas posto que no percorrido recorreremos frecuentemente ás súas páxinas.

Monumentos e edificios da vila de Melide, coas súas épocas de construción e estilo

Século
Monumento
Estilo artístico
XIII
Portada da Capela de San Roque (antiga portada da igrexa de San Pedro)
Románico do Camiño de Santiago
XIV
Cruceiro de San Roque

Capela da Virxe da Soedade do convento de Sancti Spíritus (antiga capela do Santo Cristo)
Gótico

Gótico
XV
Capela Maior do Convento de Sancti Spíritus
Gótico Final coñecido como florido, flamíxero ou Isabelino
XVI
Portada do antigo Hospital de peregrinos

Pinturas situadas detrás do retablo da Capela Maior do convento de Sancti Spíritus

Cerca do nabal do Hospital
Tardo Gótico/Renacemento

Gótico
hispano-flamenco/Renacemento
XVII
Obra Pía de San Antón e Retablo da Capela

Retablo da Capela Maior do Convento de Sancti Spíritus
Barroco


Barroco
XVIII
Capela do Carme

Nave, Torre e Fachadas do convento de Sancti Spíritus

Retablos laterais do Convento de Sancti Spíritus
Barroco

Barroco Compostelán ou de placas

Rococó/Neoclásico
XVIII/XIX
Cruceiro do Carme

XIX
Casa de Calvo (na Moa)

Casa de Pardo (na Rúa de San Pedro)

XX
Casa do Notario da Rúa do Progreso

Edifico do Banco Pastor

Casa de Bastián (Rúa Principal)

Cine Capitol
Modernismo


Eclecticismo

Racionalismo


Racionalismo


Artigo elaborado polo Museo da Terra de Melide

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...