martes, 20 de febreiro de 2024

 SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE
A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE



Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros galegos, é destacado por unha grande cantidade de variables (historia, cronoloxía, pautas estilísticas, canons de representación, plantexamento compositivo, tratamento das imaxes, discurso iconográfico, disxuntiva entre pragmatismo/credo – razón/dogma...) e tamén polas acostumadas accións de desleixo de cara a un elemento tan excepcionalmente singular (estado de conservación precario, nula valorización, irrespectuosos e incomprensibles usos: torreiro, podio para selfies, mesado para almorzos, barra de bar, urinario, esteo para escenarios, fito para amarrar cintas de balizamento...).
Mais hoxe nesta entrada sobre simboloxía non imos reparar nos aspectos sinalados anteriormente, senón nunha das chamativas variables representativas que teñen que ver co universo do símbolo, mito, rito, alegoría e por riba de todo, dogma.

Castelao na súa obra “As cruces de pedra na Galiza” considera que se trata dunha obra producida no século XIV, entre outras cousas porque na representación se manifesta o tránsito das concepcións dogmáticas ás dramáticas. Nese eido, e sen pretender en ningún dos casos quitarlle autoridade a tan egrexio investigador, en base ó estado actual do coñecemento vemos como o máis plausible é que puidera ter sido producido anteriormente (século XIII?) e que, no caso do cruceiro prima eminentemente o dogma fronte ó dramatismo.
Nesa última variable vemos como a cruz en pedra de Melide reproduce a dualidade dogmática da morte/resurrección. Así vemos no seu anverso a representación dun Calvario (coas consabidas acepcións de Paixón, drama, morte, plano terreal...) e no seu reverso asistimos á escenificación da Resurrección (Cristo resucitado, Salvador do mundo, Rei dos Ceos e da terra, Rei terreal-temporal/celestial, soberano da Xerusalén Terrestre e da Xerusalén Celeste...).

Así pois o discurso responde a concepcións meramente dogmáticas, de credo e de fe. Asistimos a un discurso no cal se nos está a dicir que tras a morte do Señor, para salvación do mundo, sucede o plano da resurrección. Tamén se nos está a narrar, en clave catecumenal, a extensión da verba do Noso Pai no “Teu é o reino, teu é o poder e a gloria, por sempre Señor” (en base ós parámetros que se nos están a transmitir na escena do Resucitado, do reverso do Cruceiro de Melide).
Mais, outra das acepcións en clave da linguaxe discursiva que se nos está a transmitir no compendio representativo, no que nada é casual, é a presencia dunha báscula, sobre o Crucificado, na intersección dos paos da cruz, onde decote se acostuma situar unha táboa, ou pergameo, a xeito de cartela co acrónimo INRI. Este elemento en ocasións foi interpretado como un xeito de flor de lis, buscando unha filiación do cruceiro de Melide ó Convento de Sancti Spiritus da Orde Terceira Regular Franciscana, en cuxo emblema aparecen representadas entre outros elementos tres flores de lis, por concesión do rei Luís IX de Francia, mais unha vez que se repara no propio deseño deste elemento se pode apreciar con claridade a representación dunha balanza cos seus acostumados pratiños pendurados, en composición simétrica e en equilibrio.
Ben é sabido, universalmente, que a balanza se trata dun símbolo da xustiza, en todas as súas variables. Dese xeito resulta familiar a imaxe de Anubis pesando as almas dos defuntos, ó igual que podemos ver nas representacións cristiás do Arcanxo San Miguel, balanza en man, pesando as almas no Día do Xuízo Final. Mais tamén nos podemos atopar con representacións do Cristo resucitado igualmente cunha balanza na que se pesan as almas e así, e de novo, nos atopamos cunha desas constantes dogmáticas representadas no Cruceiro de Melide, pola cal se nos está a amosar a primeira das claves da profesión da fe cristiá, aquela que reza “Dende alí ha vir xulgar a vivos e mortos e o seu Reino non terá fin”. Entendemos, por tanto que se nos está a narrar, en clave discursiva/catequésica outra das dimensións e dualidades de Cristo como Redentor, Salvador e Xuíz Supremo.

Así, e con todo, consideramos que o cruceiro ademais de ser unha xoia da arte galega, tamén é un formidable exemplo para comprender a linguaxe e o discurso dogmático tan propio da espiritualidade da Plena/Baixa Idade Media. Neste caso tan senlleiro estamos a asistir e a comprender o xeito de entender, e de representar os ciclos de Cristo nun intre no que as fórmulas de representación do Románico dan paso a novas concepcións, algo menos encorsetadas, xa propias dos intres máis temperás do Gótico. Resulta excepcional a simbiose entre os dous estilos existentes no Cruceiro de Melide. Co cal todo nos leva a falar dun sincretismo pretendido e buscado, resultando altamente chamativo como aparece plasmada a Crucifixión xa en clave gótica, mentres que a Resurrección aparece plasmada en clave románica, aspecto que non deixa de ser curioso.


Artigo elaborado por Xusrxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira

  SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros gale...