luns, 22 de xaneiro de 2024

 

Penas míticas e sacras da Terra de Melide”
"A PENA GRANDE DE SAN MARTIÑO DE OLEIROS”



A Pena Grande de Oleiros correspóndese cun dos xacementos arqueolóxicos máis singulares de toda a Terra de Melide. Sitúase nun rechán da vertente noroccidental do Monte do Picón, definido por un conxunto de penedías ou afloramentos naturais de rocha en disposición oval, formando unha especie de recinto ou anel, que se complementou cun sistema defensivo artificial, actualmente moi desfigurado. Este xacemento goza dun amplo dominio visual ó estar proxectado cara ó val do Río Furelos no seu curso medio.

Debuxo do "Terra de Melide" (páx 51),
onde podemos ver a planta deste
xacemento arqueolóxico, debuxada por Cuevillas
.

No Terra de Melide (Seminario de Estudios Galegos, 1933, páx. 49), Florentino López Cuevillas da conta das estruturas defensivas que complementan as propias defensas naturais que conforman as penas aflorantes, que se traducen nun complexo sistema de muralla, parapetos e foxos intercalados, distribuídos en bancadas. Cuevillas refire a existencia dunha muralla de 2 mt. de ancho realizada con grandes pedras a modo de aparello ciclópeo, sucedida por dous parapetos construídos con amalgama de terra e pedras, que acadan unha altura de 2 mt. de alto, seguido dun foxo de 3 mt .de ancho colamatado nalgunhas partes e que nalgúns sitios sobresae da liña que conforman os parapetos citados. Amosamos a continuación a completa información que aporta e que resulta moi proveitosa para entender a realidade do xacemento da Pena Grande e mailas circunstancias do achado da punta de xaveliña de Tipo Palmela. A descrición nos di literalmente: “outro achádego intresante, sobre todo pol-o seu xacimento, é o de unha punta de bronce do Tipo Palmela, aparecida nos termos da parroquia de Oleiros.

Non lonxe do lugar, e do Castro de iste nome, hai un monte chamado do Castelo, que ten non moi desviadas do amplo lombo que o coroa, dúas irtas penedías que se coñecen ca denominación da Pena Grande.

Non sabemos porque razóns, anque supomos que algunha lienda ou o propio Libro de San Cipriano deberon de andar no asunto, os veciños de Oleiros diron en precurar naquil lugar, alá pol-o mes de San Xohán de iste ano de 1929, o cobizado tesouro dos tempos da mourindade. Escavaron ó redor das penedas, asoellando, asegún nos dixeron, un vaso enteiro e testos cerámicos, un dos cales craramente castrexo tivemos ocasión de ollar, e fixándose por último nunha fenda aberta entre dúas das penedas que se carean pra o poniente, fixeron cun rapaz de doce anos, afuronara por ela e penetrara no interior. A cova do tesouro non era pol-o visto moi cómoda e o rapaz despois de remexerse de un lado pra outro meio enguruñado, voltou pra fora traguendo a punta de flecha e contando, con posibre fantasía de neno, que a atopara prendida por un aramio que se amarraba con anelciños e dous pregos, na parede vertical da roca na que estaba encaixada dentro de unha casiña, labrada na propia roca.

Foto do calendario de mesa do Museo da Terra de Melide,
correspondente ó mes de agosto de 2023.

Foi parar iste obxecto a mans de D. Alfredo Álvarez que nol-o amostrou no seu domicilio de Melide, e dias despois visitamos o lugar do achádego, provocando a nosa visita un recrudecimento nas faenas escavadoras, que iban de aquela xa un pouco devecidas.

Cando fitamos a punta de flecha tiña perdido por compreto a pátina por efecto do forte raspado á que fora sometida nunha pedra de afiar, i-estaba tan rañada a súa superficie que non-os foi posibre dexergar nela os vestixios dos rebaixes laterás que quizais tivo. O tamaño da punta, feita en bronce sen ningunha dúbida, e de cen mm. de longo por 21 de ancho máiximo, afectando unha forma estreita i-elegante.

Vista áerea do Xacemento da Pena Grande.
Foto de abeancos.gal
 (elemento nº 128 do catálogo dixital do patrimonio da bisbarra
)

Esaminamos o lugar do achádego con certa presa pra non escitar ca nosa curiosidade o afán destrutor das xentes de Oleiros. Descreberémolo agora, deixando pra máis adiante o estudo dos curiosos problemas que pranteia.

Entre os dous grupos de penedas de que denantes falamos, e que caen á pino sobre o chán do monte cunha altura que varía entre os catro, e os oito metros, queda unha pequena plataforma que mede dez metros do norte ó sul e doce do leste ó oeste. Ista plataforma presenta, principalmente pol-os lados en que as penedías non-a amparan e protexen un curioso dispositivo de muralla, parapetos e foso, que se ordean en escadeira do xeito seguinte:

A rentes do chán da plataforma óllase descoberta pol-a banda do leste e nunha lonxitude de 5 metros, unha muralla de 2 metros de ancha, feita con pedras grandes que forman un aparello case ciclópeo. Ista muralla á xurgar pol-o anaco descoberto, que ten forma curva, e pol-a cantidade de cachotes grandes que inzan pol-a área do recinto, debía arrodear a plataforma en toda a súa volta. Seguen despois cara abaixo e soio pol-o leste, suleste e sul, dosu parapetos costruídos con terra e pedras e que meden 2 metros de alto, sendo a obra máis esterior un foso de 3 metros, meio atoado nalgúns sitios, e que así e todo sobresai deica o norleste e suloeste, da liña dos parapetos.

Como denantes dixemos, a fenda que dá paso á pequena cova onde se achou a punta de flecha, sitúase ó poniente e no fondo da penedía que pecha por aquil lado o recinto cercado”.

Como xa se indicou, hoxe resulta difícil de distinguir tal sistema defensivo, debido a tres factores fundamentalmente: por un lado a causa de reiterados procesos de destrución dos mesmos, producidos pola teima dunha "procura de tesouros" que tivo lugar na década dos anos 30 do século XX, que mesmo chamou a atención de Cuevillas e dos seus colaboradores, que consideraron que non debían amosar moito interese por este xacemento, para non motivar máis desfeitas por parte dos veciños do lugar. Por outra banda este xacemento tamén debeu ser canteira de aprovisionamento de aparello para facer os valados que abundan no entorno; e tamén resultou moi desfavorable a realización dunha enorme corta de minado na súa banda exterior norte, para unha futura captación de augas para abastecemento da parroquia, que finalmente resultou infrutuosa (dita corta pode verse perfectamente na actualidade ).

O máis singular desta acrópole arqueolóxica é que no ano 1929, realizáronse escavacións furtivas nela achándose materiais cerámicos, entre eles un vaso completo, e tamén unha punta de xaveliña tipo Palmela, realizada en bronce que foi a parar a mans de Don Alfredo Álvarez, un dos precursores dos estudios arqueolóxicos desta bisbarra, xunto ó médico e erudito Don Eduardo Álvarez Carballido.

As circunstancias deste achado relatadas arriba da man de Cuevillas deron como resultado a aparición dunha punta da Idade do Bronce como el mesmo refire. Este tipo de Punta Palmela en realidade correspóndense máis como puntas de xaveliñas arroxadizas ou pequenas lanzas, que como puntas de frecha, e acostuman a aparecer no Campaniforme Tardío. Tamén no Concello de Toques apareceu outra similar, de xeito fortuíto no ano 1998 abrindo un camiño forestal, na vertente setentrional do Monte da Pena Grande, onde se sitúa o conxunto de penedías coñecidas como A Pena Arada, próximo á aldea de Buxán, na parroquia de Paradela, e segundo Gonzalo Meijide Cameselle, a cronoloxía situaríase nos primeiros estadios do Bronce Inicial, en torno ó 1800 a.C. (actualmente exposta no Museo da Terra de Melide), mentres que á localizada no ano 1929 en Oleiros perdéuselle a pista e descoñécese o seu paradoiro.

Resulta moi complexo determinar a natureza arqueolóxica do xacemento da Pena Grande de Oleiros, pero fai pensar nunha especie de acrópole ou fortificación natural complementada por un sistema defensivo artificial, que a xulgar polo tipo de achados retrotráenos a estadios moi anteriores á Cultura Castrexa, que se desenvolve mil anos máis tarde. Por tanto vese que se trata dun asentamento provisto dun enorme interese que non foi estudado a conciencia, e que resultou enormemente alterado por actuacións varias moi desafortunadas e irresponsables.

 



Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

  SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros gale...