mércores, 4 de agosto de 2021

 PORTADA DE SAN PEDRO E A SÚA VINCULACIÓN XACOBEA


Máis alá de falsos mitos e lendas urbanas que o único que conseguen é deturpar a imaxe dun monumento e por extensión da propia vila, queremos amosar hoxe a delicada e estudada decoración da portada da antiga parroquial de San Pedro de Melide (actualmente recolocada na Capela de San Roque). Fachada que todo o mundo admira, contempla e fotografía.
Trátase dun magnífico exemplo de Románico tardío, edificado en torno ó ano 1265, no que podemos atopar elementos que a relacionan co fenómeno xacobeo. Esta igrexa, en orixe, estaba ubicada na actual Rúa de San Pedro (de aí o nome da rúa), á altura dos nº 5 e 7, e a súa principal fachada, a norte, a que hoxe se conserva en San Roque, estaba orientada cara a entrada do Camiño Francés a Santiago, e pola que os peregrinos pasaban dende o século XIII ata o ano 1949 cando foi derrubada por completo. Compre indicar que como parroquial de Melide ata o ano 1842, seguramente a maioría de peregrinos que pasaban ou pernoctaban en Melide acudía alí ós oficios relixiosos, atravesando polo tanto esa portada.

A súa vinculación xacobea podemos vela nunha das súas arquivoltas, concretamente na deseñada en zig-zag, xa que nela aparecen gravadas cunchas de vieira como clara representación iconográfica dun dos emblemas da peregrinación. Aprécianse ata seis cunchas de vieira, algunhas delas mellor conservadas que outras, aínda que segundo infira na luz nelas pódense observar con maior ou menor nitidez. Exemplo e modelo da igrexa vinculada ó Camiño.
Pero o repertorio decorativo desta portada non se cingue exclusivamente a esa decoración de veneras, aínda que esta é a única vinculación xacobea visible na fachada, senón que nos amosa un amplo rexistro de elementos figurativos, como follas, flores (noutra das arquivoltas a modo de puntas de diamante, tal e como se define en termos artísticos), arquiños, follas que semellan ás, e incluso podemos observar a figura dun dragón representando de modo alegórico a loita do ben contra o mal. Ou sexa, no máis puro estilo románico de amosar a doutrina a través da figuración.
Na actualidade milleiros de peregrinos se fotografan e fan selfies diante desta portada, sen saber que o están a facer ante unha fachada que lles está indicando que foi edificada para acoller e sinalar o paso dos peregrinos dende a Idade Media, obviando, e sen ver a vinculación que ten co fenómeno das peregrinacións, portando ademais moitos dos peregrinos, cunchas de vieira colgadas do seu colo ou das súas mochilas. Non obstante toman a foto crendo que o fan diante dunha falsa lenda urbana que a vincula cun billete en circulación e que todo o mundo sabe (ou debería saber) que non representa ningún edificio concreto de Europa, senón que representa o estilo artístico imperante nos séculos centrais da Idade Media (así como os outros billetes que amosan a evolución da arquitectura europea dende a arte Romana ata as vangardas do século XX, mediante modelos deseñados polo autor das imaxes cos elementos máis característicos de cada estilo).
A portada de San Roque é un claro exemplo de Románico tardío que sobresae por si mesma e destaca pola súas liñas depuradas e o seu repertorio decorativo delicado e traballado mediante a concepción iconográfica de ensinar a través da imaxe, tan característico do Románico.

 


 

 


 


 


 



 

 


 

 


 

 


 

 


 






Texto e fotos: Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...