domingo, 17 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS 2020


Neste día grande das Letras Galegas, queremos homenaxear á figura do profesor e lingüista ferrolán, Ricardo Carvalho Calero, a quen está dedicado tan especial celebración, e lembrar tamén ós autores melidaos que xa non están con nós.

Facemos neste artigo un compendio de dous traballos xa publicados noutra ocasión no blog. Nun deles falábamos dos autores que xa levaban máis de dez anos finados (emulando un dos requisitos principais dos homenaxeados no Día das Letras Galegas), máis parecíanos de xustiza lembrar a aqueloutros investigadores e escritores que faleceron non fai tanto tempo, e que de igual modo que os seus precursores merecían igualmente formar parte desa listaxe de “Ilustres das Letras Melidás”.


Neste artigo, polo tanto, queremos renderlles unha máis que sentida e merecida homenaxe, a todas esas persoas, que fixeron da arte de escribir, e de facelo ademais na nosa lingua, unha maneira de expresión, un xeito de contar e de describir o que sabían e o que sentían, (por desgraza na nosa listaxe só temos unha muller, por outra banda cunha traxectoria vital e artística de inconmensurable valía). Temos que sinalar que un dos máis grandes investigadores no eido da historia e da arte da nosa comarca, Don Eduardo Álvarez Carballido, así como  frei Guillermo Vázquez Núñez,  historiador da Orde Mercedaria, falecido á inicios da Guerra Civil, non escribían en galego (circunstancias que descoñecemos pero podemos comprender), pero ambos, xa non só, por ser veciños ilustres, e historiadores de gran valía, foron membros da Real Academia Galega, polo que sobradamente teñen merecido formar parte desta lista no Día das Letras Galegas.
Incluímos así mesmo na lista, persoeiros foráneos da nosa bisbarra, pero que parte da súa obra investigadora tivo que ver coa nosa comarca, publicando numerosos artigos da historia destas terras. Así como outros que tampouco naceron aquí, pero que fixeron de Melide o seu lugar de residencia, vivindo aquí e mesmo formando familia.
Sen máis a continuación, presentamos ós nosos persoeiros das Letras.

DON EDUARDO ÁLVAREZ CARBALLIDO:

Eduardo Álvarez Carballido
Nado en San Martiño de Oroso (A Coruña) no 1843 e finado en Melide en 1913 (de feito o seu panteón pode verse no Cemiterio do Castelo).
Xa de cativo a súa familia trasládase a Melide onde se escolariza nunha escola pública da vila, e continúa os seus estudos no Instituto de Lugo. Licénciase en Medicina y Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1874. Exerceu a súa actividade profesional como médico en Melide e na súa comarca.

Tivo a súa residencia na rúa do Progreso nº 11 de Melide, onde creou un Museo privado con importantes fondos documentais, históricos e arqueolóxicos da Terra de Melide, que por desgraza non se conservan, xa que foron vendidos polos seus herdeiros.

Intelectual e estudoso de temas de contido histórico, arqueolóxico e artístico. Pola súa traxectoria como investigador foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega no ano 1906, data da fundación da Institución.

Autor de numerosos traballos publicados nas revistas Galicia Diplomática, Galicia Histórica e no Boletín da Academia, como poden ser: “Un Hospital de peregrinos en Galicia”, “Memorandum histórico: la villa de Mellid y su comarca”, “Gallegos ilustres: el Arzobispo de Méjico D. Mateo Segade Bugueiro”, “Antiguas pinturas en la Iglesia de Sancti Espiritus en Mellid”, “Pambre”, “Santa María de Libureiro”, “Una lápida sepulcral”, “Los sartegos de Trasmonte”, “Tradición de la Cova d’Serpe”, “Pinturas murales halladas en Santa María de Mellid”, “Escultura en Galicia: los gaiteros”, “Protohistoria”, “Monasterios olvidados: A Capela I y II”, “En los Condes: episodio de la Reconquista”, “San Salvador de Villar de Donas”, “Grobas”, “Restos de un collar de la época Neolítica”,…

Pode consultarse a súa biografía nos boletíns nº 3 e nº 22 do Museo da Terra de Melide.
Ten dedicada unha rúa en Melide, onde se ubica o C.E.I.P. nº 1.

BIBLIOGRAFÍA:
- Fuciños Gómez, Xosé Domingo: "D. Eduardo Álvarez Carballido". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide 1904-1996". Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
- "Publicación de traballos do historiador melidense Eduardo Álvarez Carballido". Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009.



 FREI GUILLERMO VÁZQUEZ NÚÑEZ:

Frei Guillermo Vázquez Núñez
  
Nado en Catasol, parroquia de Santa María de Melide en 1884 e falecido en Madrid en 1936.
Ilustre frade e sacerdote da Orde da Merced, iniciando o noviciado no Convento da Magdalena de Sarria, e facendo os votos sinxelos no Mosteiro de Poio. Desenvolveu diversos cargos na Orde, despois da súa ordenación sacerdotal en Lugo no ano 1908, entre eles “Padre Provincial de la Provincia de Castilla” (1914-1918), Comendador do Mosteiro de Poio (elixido no ano 1924), ademais do nomeamento de “Historiador de la Orden Mercedaria en la Provincia de Castilla”.

A nivel académico compre sinalar que estuda a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, onde se licenza no ano 1911 e doutora no 1917. Posto que foi amante da súa terra galega, á quen lle dedicou tamén os seus estudios, no ano 1927 foi elixido como correspondente da Real Academia Galega, con tan so 43 anos.

Destaca pola súa extensa obra publicada sobre a historia da Orde da Merced, e tamén pola autoría de toda clase de artigos fundamentalmente de temática relixiosa e histórica.
O 24 de agosto de 1936, a inicios da Guerra Civil, morre asasinado en Madrid, ós 52 anos de idade, por este motivo está actualmente en proceso de beatificación xunto con outros mártires da Orde Mercedaria, como o tamén melidao Ramón Lago Parrado.

Pode consultarse a súa biografía nos boletíns nº 3 e nº 25 do Museo da Terra de Melide.
Non ten rúa dedicada en Melide, pero dada a súa relevancia intelectual e pola súa vinculación como correspondente da Real Academia Galega, é sobradamente merecedor dunha rúa no seu concello natal.

BIBLIOGRAFÍA:
- Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: "Frai Guillermo Vázquez Núñez". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O melidán Guillermo Vázquez Núñez, padre Mercedario". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.

DON EMILIO PEREIRO QUIROGA:

Emilio Pereiro Quiroga
Nado en Furelos en 1873 e falecido en Melide no 1941. Fillo do mestre de Furelos Don Andrés Pereiro. No ano 1910 contrae matrimonio, en Culleredo, coa tamén poetisa Dona Juana Teresa Juega López (a quen tamén recollemos neste artigo).

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, desempeñou o cargo de Secretario Municipal do Excmo. Concello de Arzúa no ano 1926 e ó pouco, por circunstancias, chega a ser alcalde dese concello veciño, tan só durante un ano e dous meses. A pesar do escaso tempo como alcalde de Arzúa, desenvolve un papel moi destacado, tanto a nivel político como cultural, de feito foi durante o seu mandato, cando se escoita por primeira vez nun acto institucional o Himno Galego en Arzúa, no ano 1926.

A nivel literario compre destacar que entre os anos 1904 e 1906 publica poemas en castelán e un en galego, na “Revista Gallega” da Coruña e noutras revistas do pais. Tamén publica outro poema en galego na revista “Follas Novas” da Habana. No ano 1907 publica poemas, principalmente en castelán na prestixiosa revista de Galo Salinas.
O seu poemario custodiado na Real Academia Galega, consta de 33 textos, nos que se inclúen 22 versos e 11 prosas. Dentro da obra en galego, figuran dous poemas (un dedicado a Curros Enríquez), ademais de dous contos en prosa (“O conto” e “Cencia infusa”).

Entre as súas creacións recóllense os seguintes títulos, moitos deles escritos en Melide:
En verso: “Íntimas”, “Jesucristo y su doctrina”, “Te conozco”, “Joli”, “O tempo será testigo”, El ruiseñor y el cerdo”, “Modernisterias”, “Cantares”, “La confidencia”, “Triste recuerdo”, “Verano”, “Simil”, “Invierno”, “Nostalgias”, “Lazos de amor”, “Muertos del mar”, “Cantares”, “A.D. Manuel Curros Enríquez na súa vesita a Mellide”, “Olas del alma”, “Viernes Santo”, “La redención”, “A la señorita Carmen Juega López” (poesía dedicada á súa cuñada), “A la señorita Juana Teresa Juega” (poesía dedicada á súa muller).
En prosa: “Cencia infusa”, “La maldición”, “ “Hielo”, “Dos eclipses”, “Reflexiones”, “Conmemoración de difuntos”, “Verso y prosa”, “Odisea de una gota de agua”, “El traje negro”, “La virgen de piedra. Historia y tradición”, “O conto”, “Dos poetas que se casan”.

Pode consultarse algo da súa biografía e da súa creación literaria no boletín nº 14 do Museo da Terra de Melide.
Non ten rúa dedicada en Melide.

BIBLIOGRAFÍA:
- Monterroso Devesa Juega, José María: "Poesía e prosa de Emilio Pereiro Quiroga". Boletín nº 14 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2001.
- Cascón Armando: " Pereiro Quiroga, o alcalde ilustrado arzuán". www.terrasdesantiago.com, ano 2008. 

-http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/casa-banos-primitiva-y-tragedia/20160402231738279448.html

DON AMADOR RODRÍGUEZ MARTÍNEZ:

Amador Rodríguez Martínez
Nado en Melide en 1910 e falecido tamén en Melide en 1946, contando tan só con 36 anos de idade. Era fillo de José Rodríguez Ureña e de Elisa Martínez Sobrado, que rexentaron o ultramarinos “Aceiteiro”, na Ronda da Coruña.

Foi ordenado sacerdote, e exerceu o seu ministerio na vila de Melide, de feito aínda se conservan fotografías e algunha estrofa dun “Auto dos Reis Magos” escrito por el, e que foi representado na desaparecida parroquial de San Pedro, nunha desas estrofas que tiñan que recitar os nenos, dicían:

“Eu son un pobre galego
que de Melide chegou agora
e de regalo che traigo
melindres da Melchora”

Advírtese nesa estrofa o uso do galego en verso e o carácter costumista da composición, o que denota a personalidade do autor.
É de destacar, por tanto, a faceta galeguista de Amador Rodríguez, e tamén as súas inquedanzas pola investigación do folclore tradicional popular. Nesa liña é preciso facer notar a súa indispensable colaboración co Seminario de Estudios Galegos na realización do “Terra de Melide” editado no ano 1933, cando contaba tan só con 23 anos de idade. É xunto con Vicente Risco o autor do capítulo titulado “Folklore de Melide”.

No prólogo da reedición do “Terra de Melide” do ano 1978, Xosé Filgueira Valverde (homenaxeado nas Letras Galegas do 2015), refírese a Amador Rodríguez, nos seguintes termos:
“Amador Rodríguez Martínez, axiña malogrado, foi colaborador áxil, polo coñecimento dereito da poesía tradicioal, das crenzas, dos costumes, da mitoloxía, lendas e feitizos e da cencia do pobo sobre o ceo, os elementos, a saúde e a vida.”

Ten unha rúa dedicada en Melide, onde se sitúan o Supermercado Gómez e a Floristería Tarrío.
BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide, 1904-1996". Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.



DON ANTONIO TABOADA ROCA:

Antonio Taboada Roca
Nado en Melide en 1889, faleceu en Madrid en 1978, aínda que está enterrado no cemiterio do Castelo.

Licenciado en Farmacia no ano 1919 pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerceu como farmacéutico en Melide, na súa casa da Rúa Progreso, ata a súa xubilación, e a partir do ano 1932 desempeña a maiores o cargo de Inspector Farmacéutico Municipal.

Foi un eminente erudito e investigador melidao especializado en estudos históricos, historiográficos e fundamentalmente xenealóxicos. Foi, ademais por méritos propios, membro das máis destacadas institucións académicas de Galicia: correspondente da Real Academia Galega e numerario do Seminario de Estudios Galegos, así como correspondente das Academias e Institutos Xenealóxicos de Brasil, Chile, México e Perú.
Tal foi a súa inxente obra especializada en estudios xenealóxicos, que foi considerado por Don Antón Fraguas Fraguas “o mellor xenealoxista de toda España”.

A súa obra é case innumerable, polo que so citamos unha parte dos seus traballos: “El Pazo de Villar de Ferreiros”, “El Pazo de Santa Marina de Casa de Amarante”, “A nascenza do Xeneral La Carrera” (publicado na Revista Nós), “La Curia eclesiástica de la ciudad de Santiago a mediados del siglo XVIII”, “La villa de Arzúa y su comarca”, “Lembranzas sobre genealogías de Marinos Ilustes”, “El linaje de los Mera”, “Estampas compostelanas del siglo XVII”, “La fundación de Don Pedro Jaspe de Montenegro y sus familiares”, “Nuestros hilados y tejidos rurales”, “Un documento feaciente de Juan Gómez Tonel”, “Mellid, escenario de las Capitulaciones del Reino de Galicia en tiempos de las Comunidades”, “La Cofradía de Santa Catalina y los curtidores y zapateros de la villa de Mellid”, “Padrón de la villa de Mellid y su jurisdicción”, “Casa de Salgueirón, Solar de los Roca”, “Mellidenses ilustres: Don Joaquín Gundín”, “La ascendencia paterna del Excmo. Sr. Don Francisco Javier Sánchez Cantón”, “La Casa Consistorial de Mellid”, “El coto de San Juan de Furelos”,… entre outros moitos.
Pero quizais o máis destacable sexa o feito de ser coautor do “Terra de Melide” no ano 1933, xa que el é o responsable único do capitulo que leva por título “Notas Históricas”, onde se recollen as principais linaxes da Terra de Abeancos.

Posuía unha ampla biblioteca e arquivo persoal, no que atesouraba gran cantidade de documentos e legaxos. Por circunstancias, este importante legado documental foi trasladado e almacenado no Castelo de Pambre, e hoxe inexplicablemente ninguén sabe nada do seu paradoiro, polo que a súa perda supón un dano irreparable para a nosa cultura.
Pode consultarse a súa biografía nos boletíns nº 3 e nº 27 do Museo da Terra de Melide.

Ten unha rúa dedicada en Melide, onde se sitúan a Librería Victorio e a Cafetería Avenida.

BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
- Hermida Rodríguez, Antonio: "D. Antón Taboada Roca". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O arquivo Taboada Roca"Boletín nº 27 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2014.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Arquivos fotográficos de Melide". Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.



DONA JUANA TERESA JUEGA LÓPEZ “ Teresa Juega de Pereiro”:

Juana Teresa Juega López

Nada en Laxe en 1885, faleceu en Melide no 1979, estando enterrada no cemiterio do Castelo.

A súa infancia discorre en Uruguai ata ós 13 anos. No ano 1898 a familia regresa da emigración e instálase na Coruña onde o seu pai, médico de profesión, adquire a casa de baños “La Primitiva”.

Con tan só 19 anos, Juana Teresa comeza a colaborar coa prensa no diario “El Eco de Galicia”, dado que xa se espertara nela a súa inquedanza literaria. A principios de 1904 escribe un libro poético titulado “Alma que llora” que, de publicarse, os beneficios irían destinados a unha institución benéfica fundada por María Barbeito. O libro tiña pensado publicarse a principios de 1908 pero aconteceu un suceso dramático, Juana por aquel entón tiña un mozo que era militar, ademais dun home machista e ciumento que estaba acomplexado pola moi superior capacidade intelectual de Juana. Cando o mozo lee na prensa o anuncio da publicación do libro entra en cólera e movido por un arrebato de tolemia mesmo chega a asestarlle dous tiros na cara cun revólver, deixándoa malferida e suicidándose posteriormente.

Juana, unha vez que se recupera física e emocionalmente daquel desafortunado suceso, continúa escribindo poemas, entre eles “Á morte”, o seu primeiro poema en galego.

Dous anos máis tarde, en 1910, casa en Culleredo co avogado melidao Don Emilio Pereiro Quiroga, tamén inclinado pola creación poética. A partir de entón o matrimonio establece a súa residencia en Melide.

Entre as súas composicións consérvanse unhas 70 obras (unha en prosa e as demais en verso), e entre os poemas ó redor dunha ducia están escritos en galego, como poden ser: “Á morte”, “Non chores”, “Gaita gallega”, “Galicia… arriba”, “Ilusiós”, “Bágoas”, “Meigallo”, “Saeta gallega”, ou “A Xosé”.
Publícase unha recompilación dos seus poemas e a súa biografía no boletín nº 13 do Museo da Terra de Melide.

Non ten rúa dedicada en Melide.

BIBLIOGRAFÍA:
- Monterroso Devesa, José María: "Obra poética de Teresa Juega". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
- Monterroso Devesa-Juega, José María: "Nótula sobre o apelido Juega. Unha ponla Valle-Inclán en Melide: Teresa Juega de Pereiro". Boletín nº 26 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2013.
-http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/casa-banos-primitiva-y-tragedia/20160402231738279448.html
-http://laescaleradeiakob.blogspot.com.es/2015/01/crimen-pasional-en-la-casa-de-banos.html
- http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/64/idNoticia-565193/


DON NILO CEA RODRÍGUEZ:

Nilo Cea Rodríguez
Nado en Melide no 1911, faleceu en Melide no 1992.

Fillo de Don Domingo Antonio Cea Costoya, mestre de Melide e de Dona Leonor Rodríguez da Casa de Traspedra, veu ó mundo en Melide nunha casa da Ronda da Coruña. Parte da súa vida discorre na veciña vila de Arzúa, onde aínda lle quedan irmás.

Foi mestre de ensino público na escola de Furelos, dende que rematou a carreira ata que se xubilou no ano 1972.
Ademais dun mestre exemplar pola súa sorprendente faceta pedagóxica, foi un excepcional conversador e contador de contos e artista multidisciplinar. Cultivaba a poesía e a prosa (contos de nenos e de escola así como narracións costumistas), sempre en lingua galega. Ademais amosou un destacado talento como debuxante, caricaturista e tallista en madeira, deixándonos unha obra chea de expresividade e fonda esencia da realidade tradicional galega.

Entre as súas obras destacamos os contos de escola titulados “A Escola, o escolante e máis os rapaces da aldea” (en prosa), “Contos recolleitos e contos discurridos postos en verso” (poemas), e “Contos do Mariano” (en prosa). O seu estilo literario está influenciado pola estética cultivada polos membros da Xeración Nós, a quen tanto admiraba e cos que incluso intercambiou correspondencia.

Unha parte importante da súa obra literaria está publicada e pode consultarse nos boletíns nº 11, nº 12, nº 13, nº 14 e nº 15 do Museo da Terra de Melide. E parte da súa obra en madeira (tallas), amósanse nunha das salas do Museo (gracias a xenerosidade da súa viúva Dona Matilde Sánchez Reboredo).

A súa obra é dunha calidade tan sobresaínte que o Museo da Terra de Melide pretende sacala do inxusto anonimato e por iso quere divulgar o seu legado e convertelo en patrimonio, non só de Melide, senón de todos os galegos; polo que no ano 2014 envíaselle unha copia da súa obra literaria á Real Academia Galega e ó Consello da Cultura Galega, para incorporala ós seus fondos bibliográficos.

Ten unha rúa dedicada en Melide, no Barrio de Don Vicente.

BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Lembranza de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.
- Porto Roca, Ermitas: "O meu amigo Nilo". Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.
- Broz Rei, Xosé Manuel:  "A obra poética de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999.
- Broz Rei, Xosé Manuel: " A obra narrativa de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As caricaturas de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 15 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2002.
  

DON JOSÉ MANUEL RODRÍGUEZ PAMPÍN:

José Manuel Rodríguez Pampín
Nado en Melide en 1940, faleceu en Melide no 1997.

Este sacerdote e profesor melidao foi un convencido galeguista que, entre outras cousas, promoveu a tradución da Biblia ó galego e a reedición do ano 1978 do “Terra de Melide” do Seminario de Estudios Galegos, ademais de ser un firme defensor da liturxia en galego.

Fai os seus estudos eclesiásticos no Seminario de Santiago de Compostela e na Universidade Pontificia de Comillas, e foi profesor de relixión en varios IES, entre eles o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela.
No ano 1990 foi merecedor, xunto con José Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, do Premio Nacional de Tradución polos seus traballos de tradución á nosa lingua da “Biblia”, da “Biblia dos Nenos” de A.M. Cocagnac e Rosemary Haughton, e do “Evanxeo dos nenos” de Harold Wistone.

Publicou traballos da súa autoría nos boletíns “Encrucillada” e “Grial”. Entre as súas obras destacamos: “Nova conciencia na Igrexa galega” (con prólogo do destacado bispo galeguista da Diócese Mindoniense Monseñor Araújo), “Pro e contra da liturxia en galego: historia dunha polémica” (conxuntamente con Manuel Caamaño); e tamén de tres obras teatrais publicadas na Revista Grial e que levan por título: “Creón, Creón”, “Ifixenia non quere morrer” e “Alcestes, traxedia en dous actos e sete cadros”.

No prólogo que Xosé Filgueira Valverde fai da segunda edición do “Terra de Melide” do ano 1978, dedícase un paragrafo ós promotores da reedición, e cita en exclusiva o empeño de Xosé Manuel Rodríguez Pampín en sacar adiante esa reedición.

Ten unha rúa dedicada en Melide ó carón do C.E.I.P. Pastor Barral.

Dende o Museo de Melide animámosvos a celebrar o Día das Letras Galegas co orgullo que nos produce ter unha lingua propia, que serviu de medio de expresión da man dos nosos máis egrexios autores, tamén na nosa vila.

BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
-Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xosé_Manuel_Rodríguez_Pampín
- DIALNET: Obra de Xosé Manuel Rodríguez Pampín.
- http://elprogreso.galiciae.com/noticia/81558/melide-dedica-una-calle-al-cura-rodriguez-pampin



ANTONIO FELPETO GARCÍA

Antonio Felpeto García
Neste caso trátase dun autor e investigador escasamente coñecido nesta bisbarra, pois era alleo a ela ó non ter vínculos  naturais con estas terras do interior, pero consideramos que debe ser incluído nesta homenaxe posto que foi un activo colaborador no Boletín do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, aportando interesantes artigos para coñecer o pasado histórico do Convento de Sancti Spíritus de Melide.
¿Que dicir de Don Antonio Felpeto? Que foi unha personalidade inqueda no eido da cultura da Comarca Eumesa e Ferrolá, que por unha sorte do destino chegou a Melide procurando a vinculación entre o Convento de Santa Catalina de Montefaro (Concello de Ares) e o de Sancti Spíritus de Melide. Dese xeito entrou en contacto co Museo de Melide e a partir do ano 1992 ser colaborador habitual da institución incorporando interesantísimos artigos sobre a temática franciscana.
Don Antonio nace en Cervás (Concello de Ares) o 11 de febreiro de 1920, cursa estudos de bacharelato en Ferrol e de Maxisterio na Coruña, onde obtén o título de “Maestro Nacional” o ano 1942.

Exerce a súa profesión de mestre en escolas de Boiro, Ares, Quiroga, Ferrol, As Somozas, San Sadurdiño e Mugardos, en cuxo colexio público se xubila no ano 1985. En todas elas destaca por ser un activo emprendedor de actividades didácticas adiantadas ó seu tempo, organizando obras de teatro, excursións e viaxes de estudos, realizando Beléns polo Nadal e tamén desenvolvendo e artellando grupos de traballo sobre a historia da zona, lingua e cultura, grazas  ó que os seus alumnos gañaron moitos premios en concursos a nivel estatal.
Pero neste artigo queremos destacar a súa incansable inquedanza investigadora en diversos eidos e tamén por ser unha persoa xenerosa e altruísta e aberto a colaborar en toda clase de actividade cultural.
Foi un dos creadores da “Revista de la Merced de Chanteiro” na que se investiga sobre os votos dos Concellos de Ferrolterra coa Ermida da Mercede e coa Ermida de Chamorro. Tamén incorpora interesantísimos artigos de temática histórica na “Revista de la Semana Santa mugardesa” e tamén en “Semana Santa del Concello de Ares”. Tamén agrega artigos a La Voz de Galicia, el Ideal Gallego e na “Revista General de Marina”.
No boletín do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide realiza os seguintes traballos:

-          Boletín nº 7 (ano 1992) “Los Conventos Franciscanos de la Tercera Orden de Melide y Montefaro en las Guerras Carlistas”.
-          Boletín nº 8 (ano 1993) “Los Hospitales de los Terceros Franciscanos en el Camino de Santiago en la Provincia de León”.
-          Boletín nº 9 (ano 1995) “Un terceiro franciscano de Melide” e “O escudo da Terceira Orde Franciscana”.
-          Boletín nº 10 (ano 1997) “Os selos dos Franciscanos Terceiros Regulares”.
-          Boletín nº 11 (ano 1998) “Os Terceiros Regulares de San Francisco, un capítulo conflictivo en Melide”.

Felpeto deixa de contribuír co Boletín do Museo con motivo do seu pasamento o 24 de marzo de 1999, deixando un grato recordo polo seu trato e bonhomía, ademais de polo seu bo facer.
Como anécdotas queremos indicar que foi Don Antonio o que grazas ás súas investigacións puxo en coñecemento a existencia da lenda do cabaleiro santo Lanzarote de la Tour de Auvegerne, quen segundo a Crónica  da Casa de Boullion falece no Hospital de Peregrinos de Melide na súa peregrinaxe ata a tumba do Apóstolo.
Outra anécdota que queremos resaltar é que debido a casualidades do destino, unha neta súa acabou traballando en Melide como profesora do IES.

BIBLIOGRAFÍA:
-          Felpeto Lagoa, Matilde: “Lembranza de Don Antonio Felpeto García. Historiador da Comarca Eumesa”. Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, xullo 1999.
-          Broz Rei, Xosé Manuel: “Homenaxe a Antonio Felpeto García”. Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, xullo 1999.


ANTONIO HERMIDA RODRÍGUEZ

Antonio Hermida Rdríguez

 Coñecido en Melide como Toni Hermida ou tamén como Toni Sotelo. Nado en Melide o 5 de maio de 1940.  Foi avogado á par de historiador que exerceu a súa profesión como letrado no seu despacho da casa familiar situada na Rúa da Moa. Interesouse polo estudo da Historia Medieval e Moderna de Melide, chegando a realizar un intenso traballo investigador pescudando nos arquivos, dese xeito acadou un exhaustivo coñecemento sobre o pasado histórico da súa vila, que se traduciu en numerosos artigos publicados nos libros das festas do San Roque e nos boletíns do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide. Hermida tamén foi coautor, xunto a Mingos Fuciños e Xosé Manuel Broz, da entrada sobre Melide da “Gran Enciclopedia Gallega” (Tomo 29).
Foi colaborador en diversas actividades desenvolvidas polo Museo da Terra de Melide a finais da década dos 70 e durante a dos 80.
Entre os seus ben documentados artigos de investigación histórica medieval podemos destacar os seguintes, entre outros:

-          “Mellid hace mil años”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1981.
-           “Los Ulloa y Mellid, siglo XV”, publicado no Boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1982.
-          “Escorzo mellidense de la Casa de Altamira”, publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
-           “Primeros cien años del Mellid de la Nueva Puebla (1212-1316)”, publicado no Libro das Festas do San Roque do ano 1984.
-           “Notas biográficas sobre Don Antón Taboada Roca”, publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
-          “Acotaciones a los fueros de Mellid”, publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
-          “Amurallamiento del Burgo de Mellid”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1985.

A maiores destes títulos foi autor de máis traballos publicados en diversas revistas, nos que se evidencia a súa erudición e mestría no manexo das fontes.
Antonio Hermida deixounos un 3 de decembro do ano 2005. Está soterrado no cemiterio do Castelo, na primeira rúa á esquerda, onde están ubicados os nichos máis antigos do camposanto.

Non ten rúa dedicada en Melide.
  

DON MANUEL TABOADA ROCA “CONDE DE BORRAXEIROS” E “FILLO PREDILEUTO DE MELIDE”

Manuel Taboada Roca

 Nado en Melide o 17 de xaneiro de 1904. Era irmán de Don Antonio Taboada Roca, ilustre farmacéutico e historiador de Melide (a quen se fixo lembranza no artigo “Persoeiros das Letras melidás”).
Un resumo da biografía de Don Manuel aparece recollido na entrada da Galipedia (Wikipedia en galego), expresada nos seguintes termos:
“… foi un xurista galego, Conde de Borraxeiros desde o 1 de outubro de 1958. …Doutor en Dereito pola Universidade Central de Madrid (1926), foi maxistrado do Tribunal Supremo do Corpo de Maxistrados de Traballo. Dirixiu a revista Foro Gallego(1950-1960) e realizou estudos biográficos, xenealóxicos e históricos. Foi académico da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e da Real Academia Española de Jurisprudencia y Legislación, correspondente da Real Academia Galega, e membro do Instituto Luis de Salazar y Castro do Consejo Superior de Investigaciones Científicas.”
Don Manuel foi autor de diversos ensaios, entre os que compre destacar, entre outros títulos da súa autoría sobre aspectos xurídicos:

-          “Los títulos nobiliarios y su regulación legislativa en España”. Ediciones Hidalguía, Madrid, 1960.
-          “Las probanzas de hidalguía antes y después de 1836”. Ediciones Hidalguía, Madrid, 1981.
-          “Las sucesiones nobiliarias y su regulación legislativa después de la Constitución”. Ediciones Hidalguía, Madrid, 1982.

Mais tamén acostumaba a elaborar, ó igual que o seu irmán don Antonio, artigos sobre a Historia de Melide para os libros das Festas do San Roque e do Carme, como: “La Capilla de Nuestra Señora del Carmen”, publicado no Libro das Festas do Carme do ano 1989. Ese mesmo artigo volveuse a publicar no Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide.
Tamén foi autor da Presentación do primeiro e segundo boletíns do Centro de  Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide do ano 1982 e 1983, e dos seguintes artigos:

-          “O Castelo de Melide”. Publicado no boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
-          “As corrupias  da nosa vila”. Publicado no boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

Don Manuel finou en Madrid o 3 de marzo de 2006, sendo soterrado no nicho familiar no cemiterio do Castelo de Melide, onde tamén repousan os restos do seu irmán Don Antonio Taboada Roca.

O Conde de Borraxeiros non ten rúa dedicada en Melide.

BIBLIOGRAFÍA:
-          “Manuel Taboda roca”, publicado na Galipedia.



 MANUEL MEJUTO SESTO

Manuel Mejuto Sesto

 Nado en Vimianzo (Concello de Santiso) o día 4 de maio de 1933.
Cursou estudos eclesiásticos no Seminario Diocesano de Mondoñedo, e foi ordenado sacerdote no ano 1957 na mesma Diocese mindoniense. Desenvolveu a súa actividade pastoral en diversas parroquias rurais da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, en Nimes (Francia) e tamén na cidade de Ferrol e nas Pontes de García Rodríguez, entre outras.
Ademais de exercer o ministerio pastoral entregouse a outra das súas paixóns, a de mergullarse nos arquivos consultando vellos pergameos e cartafoles nos que se recollía abondosa documentación relativa á historia das dioceses mindoniense e compostelá.
Tal era a súa devoción polas fontes antigas que adoitaba pasar horas interminables nas salas de consulta dos diferentes arquivos diocesanos. Dedicouse á consulta de toda a documentación existente nos mesmos sobre o Convento de Sancti Spíritus, mergullándose na consulta de Libros de Fábrica, Libros Becerros e Libros de Defuntos entre outros, buscando documentación sobre a historia da Igrexa Mindoniense en xeral e sobre os Arciprestados de Melide e de Abeancos.
A partir do ano 2004 faise colaborador habitual do Boletín do Centro de Estudios Melidenses ata o ano 2008, cando se produce o seu pasamento. Don Manuel Mejuto acostumaba a realizar traballos moi ben documentados e sobre todo moi ben redactados, resultando moi amena a súa lectura.
Os artigos da súa autoría publicados no boletín do Museo da Terra de Melide foron os seguintes:

-          “María del Carmen Pereiro Calvo. Madre Purísima: unha extraordinaria filla da nosa terra”. Publicado no Boletín nº 17 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2004.
-          “Don Ricardo Sánchez Varela”. Publicado no Boletín nº18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005.
-          “Mil anos de pertenencia a unha igrexa (primeira parte)”. Publicado no Boletín nº19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
-          “Mil anos de pertenencia a una iglesia (segunda parte). Las relaciones de Melide con la Iglesia Mindoniese”. Publicado no Boletín nº20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.

A tenor da súa faceta como escritor e investigador, foi autor de varios libros de temática relixiosa, pero imos destacar un titulado “Madre Purísima de Jesús. María del Carmen Pereiro Calvo”, publicado polo Instituto Teolóxico Compostelán no ano 2005. Nese libro aborda a traxectoria vital desa relixiosa concepcionista, filla de Melide.
Tamén prestou servizo relixioso na súa parroquia natal de Santa María de Vimianzo no Concello de Santiso, onde promoveu a edificación do novo templo parroquial.
Manuel Mejuto Sesto falece o día 12 de setembro do ano 2008, deixando orfas as páxinas do boletín do Museo onde tiña previsto incorporar novos traballos que quedaron no tinteiro.


BIBLIOGRAFÍA:
-          Broz Rei, Xosé Manuel: “Manuel Mejuto Sesto”, publicado no Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008.
-          García Amor, Uxío: “Manuel Mejuto Sesto”, publicado en galegos.galiciadigital.com.
-          García Cendán, Bernardo: “Manuel Mejuto Sesto, na lembranza”, publicado na Revista Encrucillada, nº 160, ano 2008.



XOSÉ DOMINGOS CIDRE BASTIÁN FUCIÑOS GÓMEZ “MINGOS FUCIÑOS” OU “MINGOS DE PITA”
Mingos Fuciños

 Nado en Melide no mes de novembro do ano 1949, no seo dunha familia ilustre.
Mingos Fuciños foi, segue sendo e continuará a ser unha das figuras máis sobranceiras da cultura de Melide, posto que na súa ampla traxectoria foron moitas as facetas nas que desenvolveu o seu dinamismo e entrega a prol de causas culturais.
Resulta moi complicado facer un resumo de tan completa andaiana como investigador, músico e dinamizador cultural, polo que só imos facer unha sintética relación de proxectos nos que se comprometeu activamente, ademais de facer un repaso da súa produción escrita.
Mingos destacou por ser un excelente gaiteiro, alumno aventaxado de Gabriel Mato Varela “Garceiras”, que como tal foi un dos fundadores da Asociación de Gaiteiros de Galicia, compoñente e lider da agrupación Froito Novo, fundador do grupo de gaiteiros O Castro de Toques, da agrupación Axóuxere (dedicada á recuperación da música tradicional da Terra de Melide e á formación de gaiteiros, percusionistas e bailaríns tradicionais), ademais de colaborar con moitas formacións de gaiteiros da contorna como por exemplo Bico da Balouta de Agolada ou Gaiteiros do Balado de Toques.
Foi ademais fundador e presidente da Asociación cultural Terra de Melide, para a investigación e posta en valor da cultura da Terra de Melide.
A Mingos tamén se lle debe a creación do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, no ano 1978, xa que foi cofundador do Museo xunto a Xosé Manuel Broz Rei e ós irmáns Xulio e Benedito Álvarez García.
Tamén foi membro da Coral Polifónica de Melide e colaborador coa agrupación coral melidá nas edicións da Semana da Música da Terra de Melide, aportando información e soportes documentais e fotográficos.
No eido da política local Mingos chegou a ser Tenente de Alcalde de Melide pola formación Unidade dos Veciños sendo alcalde Manuel Ángel Rey Rodríguez, entre os anos 1987 e 1991.  Tamén foi concelleiro polo BNG durante varias lexisturas.
Mais como persoa enormemente inqueda por todo o que tiña que ver coa dinámica cultural tamén se caracterizou por ser un prolífico articulista, fundamentalmente referidos á historia do Melide do século XX. Entre a súa grande proxección nese eido compre indicar que foi coautor xunto a Antonio Hermida Rodríguez e Xosé Manuel Broz Rei, da entrada sobre Melide na “Gran Enciclopedia Gallega” (Tomo 29).
Entre outros moitos artigos pódense citar os seguintes traballos:

-          “Tradición musical na bisbarra Terra de Melide”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1980.
-          “Traballos sobor de Melide e bisbarra publicados no boletín da Real Academia Galega”, editado por Trisquele, Terra de Melide e Froito Novo, ano 1981.
-          “Lembranza do coro galego “Aires de Melide”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1981.
-          “Don Pastor Barral Camoiras i-a cultura musical en Melide”, publicado no boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1982.
-          “Encol dos coros melidáns”, publicado no boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
-          “O Melide do Ticino”, publicado no boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
-          “Don Eduardo Álvarez Carballido”, publicado no boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
-          “O Convento dos Padres Pasionistas de Melide”, publicado no boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
-          “Alcaldes titulares de Melide. Relación cronolóxica 1900-1995”, publicado no boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
-          “Semblanza de Inocencio Fuciños Quintas, fundador da “Electra Melide” e outras importantes iniciativas para o desenvolvemento de Melide e Bisbarra”, publicado no boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1997.

Estes e outros interesantes artigos da súa autoría sempre tiñan como escenario Melide e a súa bisbarra, como se destaca nas constantes achegas de artigos ó xornal Cerne editado por Asetem (Asociación de empresarios da Terra de Melide), que resulta necesario recompilar e publicar nun volume conxunto.
Mingos de Pita faleceu o 5 de setembro do ano 2017 causando unha grande consternación social polo seu constante activismo social e cultural.

Como galeguista de pro que foi ó longo de toda a súa vida o seu epitafio lembra as verbas dedicadas por Curros Enríquez a Rosalía de Castro:
“Na fronte unha estrela, no bico un cantar”.

Non ten, polo de agora, rúa dedicada en Melide pero de seguro que ha chegar a tela a curto prazo.

Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.