mércores, 25 de setembro de 2019


SANTO CRISTO DE FURELOS E CRISTO DA IGREXA DA ORDE TERCEIRA DA CORUÑA. RASGOS EN COMÚN EN DIFERENTES ESCENAS


Santo Cristo de Furelos, no momento de ser desencravado da Cruz.


Nesta ocasión imos falar someramente das representacións de Cristo cun brazo descravado. Aínda que este tipo de representacións non son tan frecuentes como as da Crucifixión e dos Calvarios ás que estamos acostumados, existen bastantes exemplos desta escena que forma parte do ciclo da Paixón, en concreto nun episodio comprendido entre a Crucifixión e o Descendemento, que non é outro que o Desencravo da Cruz.


Iconográficamente este tipo de convencionalismo nas representacións probablemente non garde verosimilitude histórica, debido a que soe representarse a Xesús Cristo con cravos nas súas mans, cando en realidade os condenados eran fixados á cruz polos pulsos, e tamén cravados á cruz no chan, e polo tanto o máis verídico é que unha vez falecidos o desencravo se efectuase de novo coa cruz deitada, ou canto menos co traveseiro baixado do poste vertical.
A magnífica representación do Cristo de Furelos, obra do escultor Manuel Cagide, está dotado dun notable realismo e tamén dunha enorme carga dramática, o que fai que sexa considerado unha obra mestra da Imaxinería Contemporánea galega, e que dende o Museo de Melide entendemos debe ser debidamente considerado e non deturpado con falsos mitos claramente interesados.
Nos últimos anos inventouse unha lenda urbana sobre este Santo Cristo que nada ten que ver coa escena do episodio da Paixón da que realmente se trata (que non é outra que representar a un Cristo defunto, no intre de ser desencravado, previamente ó Descendemento ). Pois ben, a lenda urbana fala dun Cristo misericordioso e indulxente, coa man tendida para axudar a levantar a aflixidos, doentes e para dar consolo e alento ós peregrinos que ven fraquear as súas forzas físicas e que teñen decaído o estado de ánimo. Obviamente as representacións dos Cristos desencravados nunca pretenden asimilarse cos Cristos da Misericordia e do Perdón, a quen si se lles pode asociar con ese tipo de caridade.
Outra representación que recorda, no formal, este tipo de escena de Cristo co brazo descravado é a do “Abrazo de San Francisco a Cristo Crucificado” ou tamén denominada “Abrazo de Cristo a San Francisco”, onde temos unha maxestosa talla na Igrexa da Orde Terceira da Cidade da Coruña, e da que descoñecemos a súa autoría.
Deste tipo de representación mística existen bastantes exemplos tanto en imaxinería como en lenzos, sendo moi destacables as realizadas polos mestres Francisco Ribalta e Bartolomé Esteban Murillo para o Convento dos Capuchinos de Sevilla.
Aínda que estas representacións aseméllanse ós Cristos cun brazo desencravado (xeralmente co dereito), nada teñen que ver en canto á temática, posto que unhas reflicten unha escena do episodio da Paixón, mentres que as outras non deixan de ser representacións místicas que simbolizan a renuncia de San Francisco de Asís ós bens materiais mundanos e tamén vinculadas cos episodios de Éxtase Mística, recollidos por San Buenaventura, que lle acontecen ó Santo de Asís dous anos antes do seu pasamento en 1226. Francisco de Asís é un dos estigmatizados máis sinalados, posto que a diferenza doutros, este recibe os cinco estigmas ou chagas da Paixón de Cristo, os das mans (que en realidade deberían ser nos pulsos), dos pes e do costado.
O que diferenza á imaxe do Cristo da Capela da Orde Terceira da Coruña, doutros que tratan a mesma temática é que foi representado vivo, cos ollos abertos, cando en realidade unha vez que o centurión Longinos lle atravesa o costado cunha lanza, o Crucificado xa estaba finado.
O tema dos estigmas de Cristo e de San Francisco pasaron a converterse no principal sinal de identidade das tres Ordes Franciscanas e de todas as súas ramas, sendo reproducido no emblema da Primeira Orde (no que aparecen cruzados os brazos chagados de Cristo e San Francisco) e no da Orde Terceira onde se sintetizan as cinco chagas ou estigmas.
Noutras ocasións habemos amosar outros Cristos co brazo descravado existentes ó longo da xeografía peninsular, pero nesta ocasión quixemos amosar un exemplo próximo con analoxías no formal pero con evidentes diferenzas na temática.




Santo Cristo de Furelos, no momento de ser desencravado da Cruz.

"Abrazo de San Francisco a Cristo". 
Pode verse este episodio místico na Capela da Orde Terceira na Coruña.



                                                                               Texto elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...