domingo, 2 de xuño de 2019


SIMBOLOXÍA SOLAR, ESTELAR, LUNAR E FLORAL NA ARTE, E NAS ARTES POPULARES DA TERRA DE MELIDE: REPRESENTACIÓNS DE ROSETAS HEXAPÉTALAS, TETRAFOLIAS, RADIAIS, ESVÁSTICAS, CRECENTES E MINGUANTES DE LÚA E ROSETAS FLORAIS CON PÉTALOS E ESTIGMA.





Neste traballo imos tratar da simboloxía astral ás veces concibida como representación floral esquemática presente no patrimonio artístico e etnográfico da comarca Terra de Melide, deixando para outras ocasións o mostrario zoomorfo (bestiario), e as diferentes decoracións de temática vexetal e tamén os motivos xeométricos e de entrelazos, que tamén están presentes nesta área xeográfica tan concreta.
Aínda que existen moitos máis exemplos dos que aquí tratamos, son todos eles unha mostra máis ou menos axeitada para amosar o compendio de elementos simbólicos de carácter fundamentalmente astral, que se poden ver nas arquitecturas relixiosas do medievo e tamén presentes nas artes populares tanto no plano arquitectónico como no meramente funcional.


A orixe destas representacións de carácter simbólico está fondamente recollida nas fontes bibliográficas, pero polo xeral apúntase a que se retrotraerían a substratos indoeuropeos prerromanos, posto que son símbolos que están presentes nas culturas célticas e castrexas, como é o caso da Cultura Castrexa do noroeste peninsular, moi recorrente na Galicia meridional e no norte de Portugal, o mesmo que tamén se manifesta nas culturas protohistóricas indíxenas dos pobos da Meseta.
Tanto na Cultura Castrexa como na Galaico-Romana (cultura de cohabitación indíxena/romana que se desenvolve nos momentos do cambio de Era), son moi habituais as representacións esquemáticas e simbólicas solares e estelares: trisqueis, tetrasqueis, esvásticas e rosetas (fundamentalmente de seis follas denominadas  hexapétalas ou hexafolias). Na Terra de Melide non contamos con representacións dese tipo de estadios tan temperás, pero si que as documentamos dende os estilos prerrománicos (fundamentalmente de raigame Visigótica), reproducidas na decoración da Igrexa de San Antoíño de Toques.
Como non dispoñemos de exemplos deste tipo no noso territorio máis inmediato imos amosar dous exemplos de estelas funerarias de adscrición galaico-romana que reflexan, en combinación con outros motivos, rosetas hexapétalas e demais símbolos de interpretación astral. Estamos a falar das estelas de Mazarelos (Oza dos Ríos) e a de Vigo, que non son máis que dous exemplos de escultura funeraria que conxugan esa dualidade entre o compoñente indíxena castrexo e os cultos do panteón romano.

Estela de Vigo  funeraria galaico-romana, depositada no Museo Quiñones de León. 
Presenta unha media lúa que serve de berce dunha roseta hexafolia ou hexapétala. 
Foto extraída da páxina web do museo.

              Estela funeraria romana de Mazarelos (Oza dos Ríos) réplica. Depositada no Museo das Mariñas de Betanzos. 
                                              Nela reprodúcense motivos de círculos concéntricos e rosetas hexapétalas.
                                                                                    Foto extraída de wikipedia


Respecto ós motivos dos que xa temos evidencias nos tempos medievais e que se asimilan e reproducen ata a saciedade na cultura popular galega, cunha dobre finalidade tanto decorativa como protectora (profiláctica/apotropaica), que soe ir asociada nas sociedades tradicionais con elementos simbólicos cristiáns, como cruces e esquematizacións de custodias-relicarios ou virís. Nese eido soen asociarse as rosetas e rodas solares con motivos astrais de carácter protector positivo, que poden ir conxugadas con representacións de fases lunares que serven como talismán de protección de males como o “lunario”, “nacidas” e tamén de diversos males que nas culturas tradicionais se vinculan cos ciclos da lúa, que se asocian con enfermidades vinculadas coa lactación dos nenos e mesmo tamén de ser a orixe de mamites nos animais domésticos.
Con todo descoñecemos cal sería o motivo fundamental da representación destes elementos simbólicos nas arquitecturas prerrománicas e románicas tan espalladas pola xeografía galega, posto que estes mesmos motivos reproducidos nas artes populares son basicamente idénticos, aínda que é moi probable que os plasmaran a modo de talismáns ou elementos de  probable función máxica protectora.
As primeiras representacións deste tipo de símbolos na Terra de Melide identificadas ata ó momento témolas na igrexa do cenobio bieito de San Antoíño de Toques, que aínda que está datada no século XI, presenta elementos moi significados coas arquitecturas hispano-visigóticas e mozárabes, o que indica que poden ser elementos reempregados dunha edificación anterior ó ano 1067  (cando se fai a doazón do rei García ó Abade Tanoi, para a fundación do complexo monástico). Dese xeito estariamos a falar dunha cronoloxía moito máis temperá encadrada cronoloxicamente nos séculos altomedievais. Así pois atopamos simboloxía de rosetas, estrelas e radiais na imposta da ábsida, e nos capiteis do arco triunfal da igrexa, así como a presenza dunha roda radial nun sillar acaroado a un dos capiteis do mesmo.

 Debuxo do muro sur da ábsida de San Antoíño de Toques. Sobre os arquiños lombardos disponse unha imposta corrida con  
                         decoración de follas e unha peza con representación de dous tetrafolios en aspa pareados
                                                                                         Debuxo de X. M. Broz

Debuxos dos capiteis do arco triunfal de San Antoíño de Toques con representacións de estrelas, rosetas e unha gran esvástica flamíxera ou radial curva
Debuxos e fotos de X. M. Broz

                                                         Capiteis do arco triunfal de San Antoíño de Toques 
                                         con decoración de radial curva po esvástica flamíxera, rosetas e estrelas.  
                                                                                      Debuxo de Broz

Detalles decorativos das decoracións de estrelas no capitel.
Fotod de X. M. Broz

Roda radial nun sillar adosado ó arco triunfal da igrexa de San Antoíño de Toques.
Fotos de X. M. Broz



Xa nos tempos plenos do románico, a finais do século XII e comezos do XIII, tamén vemos mostras deste tipo de motivos nas arquitecturas das igrexas de San Martiño de Moldes (Melide) atribuída á escola do mestre Pelagio, que se dataría a finais do século XII, ou tamén a de San Estevo de Pezobrés (Santiso) que pode situarse a comezos do século XIII. No primeiro exemplo advírtese a presenza de rosetas cun círculo central, que pode entenderse que máis ben poden ser representacións florais con pétalos e estigma central, aínda que tampouco pode descartarse a súa significación solar. No segundo dos casos, na igrexa de Pezobrés, é moi significativa a representación dun tetrafolio inserido nun cadrado no tímpano da portada oeste, no frontis (que mesmo pode ser un ideograma da cruz en aspa de San Andrés)  .


Fachada oeste de San Martiño de Moldes. 
No hastial represéntase un motivo de círculos concéntricos e unha roseta deseis follas

Representación dunha roseta pentapétala ou pentafolia con estigma central, 
nunha pedra situada na base do lenzo sur da igrexa de San Martiño de Moldes

Roseta de cinco follas con estigma central situada ó carón da portada sur da igrexa de San Martiño de Moldes

Roseta representada nun sillar da fachada oeste da igrexa de San Martiño de Moldes. 
Correspóndese cunha roseta de seis follas con estigma central.

Debuxo da portada oeste da igrexa de San Martiño de Moldes. 
No trabatel da vella porta de madeira representábase un tetrafolio calado. 
Debuxo de X. M. Broz

                                    Portada oeste de San Estevo de Pezobrés con representación de cruz ou roseta tetrafoliada.

Portada oeste de San Estevo de Pezobrés con representación de cruz ou roseta tetrafoliada.
Debuxo de X. M. Broz

                                                  Detalle da chambrana, arquivoltas  e tímpano da fachada oeste 
                                   da igrexa de San Estvo de Pezobrés con unha representación dun tetrafolio es aspa.
                                                                                   Debuxo de X. M. Broz.


E xa nun momento máis tardío, que se vincula cos comezos do século XIV nos que se conxugan elementos do Románico e do Gótico, na edificación transitiva protogótica da Igrexa Parroquial de San Vicenzo de Vitiriz, advírtese a presencia de tetrafolios na rosca do rosetón do testeiro e tamén en tres dos canzorros que se sitúan baixo o aleiro do tellado, que poden tratarse tanto de simboloxías astrais coma florais, sen poder decantarse claramente por calquera desas variables conceptuais, por ser unha esquematización de motivos.

Rosetón do testeiro sobre a ábsida da igrexa de Vitiriz con decoración de tetrafolios na rosca exterior.

Rosetón  de Vitiriz con decoración de tetrafolios na rosca exterior.
Debuxo de X. M. Broz

Canzorro do muro sur da igrexa de San Vicenzo de Vitiriz coa representación en altorrelevo dun tetrafolio en aspa.
Debuxo de X. M. Broz


      Canzorro do muro sur da igrexa de San Vicenzo de Vitiriz coa representación en baixorrelevo dun tetrafolio en aspa.
                                                                                  Debuxo de X. M. Broz


Outros exemplos de cronoloxía máis recente, encadrada nos séculos da Idade Moderna, atopámolos en senllas edificacións civís situadas no Concello de Toques, tanto nun brasón dun inmoble en Montelén, coma nun moi rechamante lintel dunha vivenda da aldea de Paradela, sinalando que ambas se sitúan na mesma parroquia de San Paio de Paradela.
É especialmente rechamante o segundo exemplo, posto que na portada da casa de Prieto chama motísimo a atención a representación de diversas cruces nos sillares que compoñen as xambas das portas, e o magnífico lintel no que se fai unha composición con elementos simbólicos de clara función profiláctica, protectora ou escorrentadora de males, no que comparten escenario unha media lúa invertida, tres estrelas de  oito puntas, un pentagrama, pentalfa ou pentáculo “cristianizado” (ó presentar unha cruz gravada no campo central), ademais dunha gran cruz latina de dobre trazo e da representación dun bóvido.


Escudo da casa de Pandelo de Montelén no que se reproduce un crecente de lúa entre dúas estrelas de seis puntas.
Debuxo de X. M. Broz

Lintel da casa de Prieto en Paradela (Toques), entre outros motivos simbólicos aparecen unha media lúa, tres estrelas de 8 puntas e unha pentalfa con cruz no campo central.



A finais do século XIX podemos atopar estas mesmas representacións de rosetas, estrelas e círculos solares gravadas en laudas funerarias que atopamos en camposantos da Terra de Melide, e que xa foron recollidas por Vicente Risco no “Terra de Melide”, o que nos indica o uso indistinto de elementos sagrados e relixiosos con outros considerados máis profanos.
Estes motivos foron empregados durante os séculos XIX e principios-mediados do XX nas artes populares, xa que se poden atopar rosetas tetrapétalas e hexapétalas, medias lúas, discos solares e estrelas en moitos obxectos de uso cotiá como en camas, arcóns, huchas, farois, xugos,... así como cruces de diversas formas en xambas e linteis de portas e ventás de casas e sobre todo muíños, co mesmo uso profiláctico ou protector que tiñan séculos antes.


Debuxo de laudas funerarias da Terra de Melide realizado por Vicente Risco, 
nunha delas reprodúcense rosetas radiais e rosetas hexapétalas.

Laudas funerarias de camposantos do Concello de Santiso datadas a finais do século XIXcon representación de diversos motivos (entre eles distínguense rosetas hexafolias ou hexapétalas).

Xugo do Museo da Terra de Melide. No camallón central represéntase a recurrente roseta hexapétala.

Debuxo de tres xugos con rosas hexapétalas ou  hexafolias. 
Autor Vicente Risco

Debuxo dun xugo con representación de tetrafolia ou tetrapétala en aspa. 
Autor Vicente Risco

          
Arcón de madeira de castiñeiro do Museo da Terra de Melide. 
                                                  Represéntase unha gran roseta tetrapétala ou tetrafolia inserida nun círculo.


Farol procesional do Museo da Terra de Melide (do obradoiro do latoeiro Alfonso González). 
Na decoración reprodúcese unha roseta hexapétala

                                    Farol do Museo da Terra de Melide realizado polo latoeiro Luís Mejuto. 
                                    Na cambota represéntanse rosetas ou estrelas de seis puntas a modo de decoración.



Podemos concluír que existe unha utilización reiterativa da simboloxía astral, presente na nosa cultura dende a Protohistoria, e que foi empregada tanto en arquitecturas de carácter sagrado (igrexas, laudas funerarias), en manifestacións da artesanía popular de uso cotiá (xugos, farois,...), como en construcións civís de carácter privado (linteis e xambas de portas de casas e muíños), tendo unha motivación de carácter protector herdado.


Bibliografía:


- Álvarez Peña, Alberto: "Simbología mágico-tradicional", ano 2002.

-Broz Rei, Xosé Manuel: “O románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago”. Publicado no Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”, ano 2011.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”, ano 2013.

- Liste Fernández, Araceli: “Funcionalidad y estética en le Museo Etnográfico Liste”, ano 1991.

- Lorenzo Fernández, Xaquín (Xocas): “Etnografía”, publicada en “Historia de Galicia”, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, Vol I e Vol. II. Editorial Nós, ano 1962.

- Risco, Vicente: “Estudo etnográfico da Terra de Melide”, capítulo IV do “Terra de Melide”, publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.


- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: “Como entendernos coas pedras”, publicado no blog do Museo da Terra de Melide: museomelide@blogspot.com, ano 2016.

                                             Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...