martes, 26 de maio de 2026

PERIPLO POLOS MUSEOS COMARCAIS E LOCAIS DE GALICIA (4ª ENTRADA):
FUNDACIÓN MUSEO ETNOGRÁFICO “MONTE CAXADO”,
AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ (A CORUÑA).



Hoxe, nesta cuarta xeira na procura da pluralidade e riqueza museística do país, diriximos os nosos pes ata a histórica comarca do Eume, concretamente ata a vila de fundación medieval e señorío do cabaleiro García Rodríguez de Valcarce por privilexio do monarca Henrique II de Trastámara.
Anteriormente, o periplo polos museos do país iniciouse na comarca da Limia (Ourense), na do Condado (Pontevedra) e na do Carballiño (Ourense). Así pois, toca ir reparando nalgúns dos museos das provincias de A Coruña e de Lugo, pero non necesariamente por orde.
Nesta ocasión imos centrar a entrada nun fantástico Museo de contido fundamentalmente etnográfico, aínda que tamén nos leva ó pasado histórico dos tempos contemporáneos da vila das Pontes e da súa comarca.

Este museo bota a andar no curso escolar 1985/1986, no seo do Colexio Público Monte Caxado, por iniciativa do mestre José María López Ferro (fundador e director do Museo ata o presente), sendo inaugurado oficialmente no ano 1987. No ano 2015 constitúese en fundación e, no 2019 abre as súas portas nun inmoble no corazón do casco antigo da vila, concretamente na Praza da Igrexa, facendo esquina coa Rúa Real (o principal eixo viario da trama urbana do recinto histórico).
A visita a este Museo tan interesante pode completarse cun percorrido pola zona vella que nunca nos vai deixar de sorprender. O casco antigo, de fundación medieval, non presenta un estado de conservación demasiado axeitado, o cal non impide extraer a conclusión de atoparnos ante un escenario dotado de edificacións senlleiras, de destacado interese histórico e tamén cunha vertebración urbanística que nos lembra en grande medida á configuración do burgo medieval de Melide. Ambas tramas urbanas presentan un plano rectangular, de topografía achairada, definido por
tres rúas paralelas, comunicadas por prazas, calexas e con presenza de recantos. Tamén hai coincidencia en diversas constantes pretéritas: existencia dun castelo desaparecido, cinguidos ambos por unha cerca medieval (na actualidade esmorecidas); e tamén con fundacións hospitalarias no seu seo. A principal diferenza radica en que no caso pontés a trama urbana é indisoluble do seu curso fluvial (río Eume), o que deu lugar ó establecemento das súas históricas pontes medievais e contemporánea.
No tocante á edificación que acolle ó museo dende o ano 2019, sinalar diversos aspectos: óptima adecuación dos espazos respecto á vertebración das seccións; moi boa accesibilidade e moi agradable confort lumínico. Do mesmo xeito destacar o cómodo que resulta visitalo toda vez que os espazos, a disposición das salas e o discurso expositivo fan que non supoña un esforzo establecer unha dialéctica entre as coleccións e o público.
No plano das coleccións, á par de estar moi axeitadamente clasificadas, distribuídas e expostas, nos permiten facer unha diagnose ampla e concienciuda do que son as realidades costumistas de outrora.
No percorrido podemos coñecer o mundo da escola rural; dos xogos populares e xoguetes; dos
medios de aseo persoal; do mundo do agro (de roturación, laboreo e colleita, tamén da sega, da malla... do arrieiro máis do carro).
Denantes de acceder ás coleccións da planta superior do inmoble podemos facernos unha idea moi
ampla e exhaustiva ó redor do mundo da emigración, do indiano e das sociedades recreativas, asistenciais e educativas vencelladas á impronta da comarca do Eume en Cuba. Dese xeito podemos ver todo un amplo compendio de obxectos relacionados cos movementos migratorios; dos que alá fixeron fortuna, ou se cadra non tanto; e tamén grazas ó amplo material documental e fotográfico, poder mergullarnos no mundo das sociedades de ultramar, chamándonos moito a atención o nexo entre as colectividades da área do Eume coas do veciño noso de Agolada (Pontevedra), xa que non resultaba raro o ter que agruparse para poder rexistrarse e constituírse no eido legal.
De camiño cara a planta alta, nas propias escaleiras, podemos ver obxectos que non deixan indiferentes ó visitante, como é unha esfera do antigo sistema do reloxo da torre do templo parroquial, situada na mesma Praza da Igrexa, e tamén as seccións dedicadas ó mundo da caza, da pesca fluvial no Eume e nos seus tributarios; o oficio do serrachín e tamén o do forneiro.
Unha vez que se accede á planta de arriba nos atopamos cunha grande pluralidade de seccións que atinxen ó mundo dos oficios; do vestir; da mantenza e das crenzas e da relixiosidade popular. Aínda que na mesma planta superior a diversidade de contidos é alta, non resulta desapercibida a adecuada colocación e ordenación dos fondos. Así pois, imos ser quen de coñecer os oficios do vestir (tecelá, costureira, xastre); o carpinteiro e ebanista; o zapateiro e o zoqueiro (dos zocos e zocas); o latoeiro e o fontaneiro; ou tamén o oficio industrial do mineiro que xa nos está a indicar que a práctica extractiva nas Pontes ¡xa ven de vello! (denantes da existencia da central).
No eido da casa tamén podemos comprender o plano da relixiosidade e da crenza, da superstición e do imaxinario popular. Igualmente seremos quen de enxergar, polo miúdo, en que consiste o mundo doméstico pretérito (a lareira maila cociña; os enseres domésticos; as oleirías tradicionais e as louzas; os sistemas de iluminación de farol, candil e quinqué...; os lenzos e cobertores das camas; os berces e andadores dos nenos. E, nun museo tan completo, tampouco podía faltar a exposición dunha ampla mostra do traxe tradicional, na que se amosan os diferentes xeitos de vestir tanto de diario como dos domingos e día de festa.
Sinalar como ben nos explica o director do Museo, que a meirande parte dos contidos proceden do propio termo das Pontes; da área comarcal do Eume; e tamén das bisbarras lindeiras. Mais, con todo, podemos atoparnos con obxectos procedentes doutras áreas xeográficas galegas, por exemplo un tocado ou “mandil de mostra” procedente da comarca da Limia, ou mesmo tamén de outras comunidades autónomas como poden ser unhas astas de touro, trocadas en aceiteiras procedentes de Almansa (Albacete).
Vemos pois que o museo Monte Caxado non ten desperdicio en canto ó axeitado das súas instalacións ou pola riqueza e pluralidade das súas coleccións. Destacar, asemade, que se trata dun auténtico Museo e non dunha colección propiamente dita, toda vez que o museo publica (a serie de Cadernos do Museo), investiga, e dixitaliza todo canto documento e material fotográfico chega ó seu arquivo. E igualmente é de destacar o inxente traballo de información e comunicación en redes sociais, en cuxo Facebook podemos atoparnos cun inxente caudal de información referida ó patrimonio cultural do Concello; ó casco antigo da vila; ás coleccións; documentos; fotografías doutrora; e tamén de diversas series referidas ó devir da vila así como do fenómeno da emigración e das fundacións indianas.
Xa por último destacar a enorme dedicación e compromiso do seu director e a amabilidade, cordialidade e bo trato dispensado durante a visita do Museo da Terra de Melide ó seu homólogo da histórica vila de García Rodríguez.
O Museo de Melide recomenda unha visita á comarca do Eume para coñecer o Museo Monte Caxado e tamén para facer un percorrido polo veciño Museo etnográfico de A Capela. Unha viaxe que paga a pena!.


GALERÍA FOTOGRÁFICA




























































PERIPLO POLOS MUSEOS COMARCAIS E LOCAIS DE GALICIA (4ª ENTRADA): FUNDACIÓN MUSEO ETNOGRÁFICO “MONTE CAXADO”, AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ ...