MODERNISMO EN MELIDE: CASA DO NOTARIO
E en Melide temos un
magnífico exemplo dese período conservado ata o de agora: a CASA DO
NOTARIO,
sita na rúa do Progreso nº 30. Un soberbio exemplo de arquitectura do
Modernismo que se ve reflexado neses elementos que adornan a fachada: galerias
e balcóns de ferro fundido con tracerías, guirnaldas, copóns, molduras
sinuosas...
Molduras tamén en xambas e linteis semellando guirnaldas de flores. E destaca por riba de todos o medallón da 'Gorgona', esa cara espectante situada no centro mesmo da fachada e ollándonos dende a súa dimensión de criatura mitolóxica.
Foi propiedade do notario
Ángel Gorostiaga Goitisolo, de aí o nome da casa.
Este edificio, que
debería ser protexido, sitúa a Melide no eixe do Modernismo galego. Acompañábao
a Casa de Dona Inés (lamentablemente hoxe desaparecida), situada ó lado do
edificio do Banco Pastor. Semellantes exemplos podemos atopalos en Vigo, onde o
Modernismo luciu en todo o seu explendor ó igual que en Ferrol, na Coruña, en
Santiago, ou en Sada, onde se conserva o magnífico edificio da 'Terraza'.
Melide, pobo rico en
historia, esquecida, pero onde podemos atopar exemplos do devir do tempo e da
arte. Coidemos o noso patrimonio e sintámonos fachendosos de observalo,
ensinalo e protexelo.
A CASA DO NOTARIO A
PRINCIPIOS DO SÉCULO XX
Tanto os balcóns como as galerías están realizadas en ferro fundido e con profusa decoración de corte romanticista (guirnaldas, cráteras, torneados e calados...).
A decoración complétase mediante o emprego de molduras realizadas mediante vaciado (a molde), presente nos linteis das portas tanto na planta baixa, coma nos balcóns do piso superior, consistente en guirnaldas de flores que se prolongan no coroamento das xambas.
Outro motivo da decoración de estética claramente modernista, é un medallón situado no centro da fachada, na planta superior, no que se representa unha cabeza de muller de caracteres propios do clasicismo grecorromano.
Tamén amosamos fotos da Casa de Dona Inés, coa singular fiestra en estilo Art Decó, tan característica. Lamentablemente esta casa só podemos observala en fotos, ó igual que a vella Capela de San Roque que tamén 'posa na foto'. Esa imaxe é o testamento que nos queda dese fermoso, idílico e irrecuperable rincón da vila de Melide.
Pero afortunadamente
aínda conservamos a Casa do Notario, e que sexa para sempre.
Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez




