mércores, 21 de maio de 2025

PERIPLO POLOS MUSEOS COMARCAIS DE GALICIA (3ª entrada): MUSEO ETNOGRÁFICO LISTE DE OSEIRA (O PRIMEIRO MUSEO ETNOGRÁFICO DE GALICIA).


Nesta nova entrada sobre os museos das comarcas galegas imos reparar nun espectacular museo, de titularidade privada, que aínda non tratándose dun museo comarcal como tal (senón dun inmenso compendio de pezas procedentes do conxunto das comarcas galegas) si que se trata dunha das maiores coleccións etnográficas do país.
Na xeografía galega existen interesantes coleccións, moi completas e diversas, que amosan a singularidade etnográfica do pobo galego, algunhas delas espectaculares en canto a contidos como poden ser as do Museo “Casa do patrón”, na parroquia de Doade (Lalín); o compostelán Museo “Sotelo Blanco” que recolle numerosas pezas procedentes da comarca da Terra de Caldelas; os museos eumeses etnográficos “Da Capela” e o “Monte Caxado”, entre outros, dos que xa falaremos no seu momento.
Mais hoxe imos facer unha parada, desas de estadía e mesa, para centrar a ollada na máis antiga colección etnográfica existente no país, sendo sen lugar a dúbidas unha mostra impresionante da cultura pretérita popular, no que se destaca o fenómeno rural e agrario.
Resulta case unha epopea facer unha síntese dunha colección tan ampla coma vistosa polo que, para centrarnos, dicir que a ninguén deixa indiferente, pola enorme cantidade de pezas expostas, tantas que resulta case imposible enxergar tanta particularidade.
A xeito de resume sobre a súa historia dicir que foi fundado no ano 1972, grazas ó esforzo inxente dos seus propietarios (o matrimonio conformado polo mestre Olimpio Liste Regueiro e Josefina Fernández Mosquera). Sinalar que no acto inaugural participou o recoñecido director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xesús Ferro Couselo.
O Museo sitúase nun inmoble histórico do século XVIII, propiedade no seu momento da veciña abadía de Santa María la Real de Oseira. Neste edificio complementario ubicouse nos seus primeiros tempos un hospicio para hospedaxe de peregrinos e viaxeiros. Unha vez exclaustrado o Mosteiro de Oseira un dos seus 80 monxes, Frei Pedro Pérez López, asume as funcións parroquiais de Oseira, ocupando estas dependencias do Mosteiro como vivenda. Anos máis tarde o edificio asume funcións de escola pública ata o ano 1970 cando é adquirido polo matrimonio promotor do Museo.
Despois dun intervalo de once anos nos que, por circunstancias, o Museo pecha as súas portas ó público, finalmente hai dous anos reabre grazas á xentileza da propietaria Araceli Liste Fernández (filla do matrimonio fundador) e a un convenio entre o Concello de Cea e a Deputación Provincial de Ourense.
Respecto á propietaria actual compre enfatizar que é autora dun amplo e documentado manual, que baixo o título “Funcionalidad y estética en el Museo Etnográfico Liste”, se traduce nun dos ensaios imprescindibles á hora de afondar no pasado etnográfico do pobo galego. Non en van xunto co inxente traballo de Xaquín Lourenzo “Xocas” en “Historia de Galicia” ou Vicente Risco no “Terra de Melide” son unhas das nosas “biblias” de consulta do saber da cultura material etnográfica galega.
Na actualidade non resulta posible visitar as estancias da planta alta do inmoble, dedicadas a usos de vivenda do frade exclaustrado (o que acaba por ser o crego da parroquia) e, posteriormente, da mestra da vella escola.
Mais, nas dúas estancias da planta baixa (outrora cabaleiriza e cortes) se pode admirar a inmensidade de fondos da colección etnográfica, ó igual que noutras dúas salas dun anexo que complementan o espazo expositivo.
Na mostra etnográfica vemos moi amplamente representado o mundo agrario, de labor e colleita; a produción téxtil tradicional do liño e da lá; o canteiro; o ferreiro; o poceiro/ mineiro; o telleiro; a moenda, pesos e medidas; o zoqueiro; o zapateiro; o carpinteiro; o capador; o matachín; o albeitar; o fogueteiro; a caza; a pesca tradicional; o xoieiro; a vella imprenta...Ademais da crenza, a relixiosidade, e o saber do pobo.
Son tantas, e tan espectaculares as coleccións e as pezas expostas, que resulta imposible facer unha síntese. Mais, con todo, sinalar que a colección conta cun total de 116 xugos; varios carros; unha grande mostra de espadelas e mazos para o liño; unha amplísima mostra de bolillos para o encaixe; unha moi completa e destacada colección de romanas; un tear de tecelá con todos os seus elementos; dúas chamativas tullas de troncos baleirados de grandes dimensións; unha grandísima mostra de apeiros de labranza (legóns, eixadas, sachas, picañas e
ranqueiros, forcas e forquiñas, anciños, fouces, fouciños e podóns...), pero se algo chama moitísimo a atención e o grandísimo e espectacular arado besadoiro de tradición medieval, procedente de Mondariz (o Condado, Pontevedra), do que se conserva aproximadamente un terzo do total. Así pois na mostra exposta amósanse catro xugadas para oito bois (dun total de once que tería orixinalmente, para vinte dous bois).
Sobre este arado podemos ver unha explicación detallada nunha das cartelas explicativas do Museo, na que se explica que se trata probablemente do arado máis longo do mundo, cunhas dimensións que superaban os 35 metros de lonxitude, para o que era preciso o traballo colectivo dunhas setenta persoas. No mesmo panel se fala doutros de grandes dimensións existentes en Francia e incluso no Vietnam, aínda que non tan grandes. Tamén se concreta que este tipo de arado deixa de traballar en Galicia a finais do século XIX, mentres que no norte de Portugal se segue a traballar con el a comezos do século XX.
Nas coleccións do Museo Liste tamén hai cabida á presenza de obxectos de moito menor porte, pero
de notoria singularidade, debido á rareza e escaseza de determinados enseres, ós que no manual de Araceli Liste se lles da por acomodar baixo o epígrafe de “obxectos entre cartesianos e máxicos”, sendo aqueles “útiles de trabajo que se escapan a las formas tradicionales de objetos más comunes , se puede hallar un campo lleno de esoterismo cerrado y feroz, cuyas claves son la mayor parte de las veces difíciles de descubrir...”.
Tamén, no mesmo espectro do universo das ideas, da maxia, da superstición e do simbolismo, tanto no Museo Liste de Oseira, coma no libro “Funcionalidad y estética en el Museo Liste” nos podemos mergullir na enorme pluralidade do elemento protector/apotropaico que acompaña á decoración dos camallós dos xugos, asistindo a unha profusión decorativa/simbólica que a ninguén deixa indiferente, e que recorrentemente ten como base a decoración existente nas arquitecturas románicas de Galicia.
En suma, estamos a falar dunha colección etnográfica que a ninguén lle resultará indiferente, debido tanto á súa enormidade como tamén pola percepción do inxente traballo de recompilación de obxectos tradicionais, sen pasar por alto o cuantioso custe que lle supuxo ós propietarios fundadores para conformar unha colección tan completa, diversa e tan exponencialmente representativa da cultura popular do país.
Nesta entrada, paralelamente queremos facer unha semblanza agradecida a Olimpio Liste, con quen tanto o Museo de Melide leva tratado, en moitas xuntanzas e reunións do Consello Galego de Museos, querendo incidir no aspecto máis humano de Olimpio, caracterizado pola xenerosidade, afabilidade e trato e conversa amena. Sinalar que no Museo de Melide temos o orgullo de contar con tres apeiros do agro, que nos foron doados por el mesmo, e que tanto agradecemos e valoramos: unha fouciña de segar; unha fouce de enmangue tubular, de mango curto; e unha picaraña ou ranqueiro de tres gallas.
Destacar igualmente a amabilidade, as atencións e a conversa amena amosada por Mª Carmen Fernández de la Fuente responsable do Museo e da atención ao público, que moi xentilmente atendeu a nosa petición e solventounos todas cantas dúbidas lle plantexamos.

Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira


GALERÍA FOTOGRÁFICA
























PERIPLO POLOS MUSEOS COMARCAIS DE GALICIA (3ª entrada): MUSEO ETNOGRÁFICO LISTE DE OSEIRA (O...