A ORDE TERCEIRA REGULAR FRANCISCANA DA PENITENCIA (TOR) EN MELIDE 189 ANOS MÁIS TARDE.
Esta semana pasada (o martes 30 de xullo do 2024) coincidiron en Melide dous grupos de frades de diferentes Institutos de Vida Consagrada masculinos. Un deles chamou a nosa atención, posto que ataviados cun hábito negro e cordón branco á cintura, so podían tratarse de relixiosos dalgunha rama franciscana que emprega o hábito desa cor. Dese xeito poderían tratarse de frades da Primeira Orde (rama dos Conventuais) ou da Terceira Orde Regular Franciscana da Penitencia, coñecidos tamén como “Terceróns”, “Terciarios” ou “Terceiros”. A priori resulta difícil diferenciar de cal desas dúas variables se trataba, toda vez que as diferencias da indumentaria so respostan a pequenas cuestións de matiz, mais unha vez entablada conversa cun deles, nos confirma que se trata de frades da Orde Terceira (TOR) procedentes de Madrid e Mallorca.
O máis salientable
é que se trata de relixiosos da mesma orde que estiveron presentes no Convento
de Sancti Spiritus de Melide, dende o ano 1372 ata o 1835, cando se exclaustran
por mor da Lei de Desamortización do ministro Juan Álvarez de Mendizábal (integrante
do Consello de Ministros do período de Rexencia de Mª Cristina de Borbón-Dos
Sicilias, viúva de Fernando VII e nai de Isabel II). Unha vez que se suprime a
fundación de Melide, varios dos 33 frades que por aquel entón había na
comunidade, acaban por marchar ata o Convento da Orde Terceira de Santa
Catalina de Montefaro (Concello de Ares).
Estamos a falar dun
contexto moi convulso dende o eido político, no cal a sociedade do momento se
atopaba moi polarizada debido a cuestións que acaban derivando na Primeira
Guerra Carlista. Compre indicar que os frades terciarios de Melide, ó igual que
os cistercienses de Santa María de Sobrado e, polo xeral do común do clero
regular, acostumaban abrazar o ideario carlista, polo que foron obxecto de
represalias por parte do bando liberal (o do goberno). Sinalar que un dos
frades do Convento de Melide, Frei Saturnino Enríquez encabezaba unha partida
carlista (Batallón la Constancia) que operaba pola zona de Boimorto e
Vilasantar, e que mesmo acaba acadando certa sona de sanguinario.
![]() |
Museo de Melide |
![]() |
Escudo retablo da Virxe da Soedade |
Como xa se indicou
ó principio do texto, varios integrantes da Orde Terceira Franciscana
procedentes de Madrid e Mallorca, fixeron parada en Melide e quedaron
totalmente sorprendidos cando se atoparon no retablo da Virxe da Soidade
(outrora retablo para a Virxe da Mercede), o escudo da súa orde (o das cinco
chagas ensanguentadas, con báculo central, e tres flores de lis). Tamén
mediante a conversa cun deles se lles fixo saber que nun dos inmobles da rúa
Principal (na casa de Souto) hai un escudo en pedra que denota a propiedade do
Convento de Melide (bordeado polo condón franciscano conta coa representación
da pomba coas ás abertas -imaxe recorrente do Espírito Santo-, complementado
polos atributos da Orde Terceira anteriormente citados).
![]() |
Escudo na Casa de Souto |
En orixe todas as
ordes e ramas franciscanas utilizaban un hábito de cor gris cinza pero no
capítulo de Asís do ano 1895 reunifícanse distintas familias da Primeira Orde,
dando lugar a asimilación de tonalidades en cor marrón. Así dese xeito, os da
rama dos Menores adoptan a cor marrón; os Capuchinos a cor pardo castaña; e a
diferencia, os Conventuais e os da Orde Terceira acaban por adoitar o hábito
negro que na actualidade acaba por volver ó gris nas provincias dos continentes
americano, asiático e africano así como en Australia e nalgunhas provincias
europeas. Na Provincia Española da Inmaculada Concepción da T.OR pervive o
hábito en cor negra (na mesma existen comunidades terciarias en Barcelona,
Madrid, Mallorca, Quintanar de la Orden (Toledo), e en Gandía (Valencia).
Na imaxe que
acompañamos a esta entrada vemos ó frade da orde terceira (TOR), co hábito
negro propio das comunidades da Provincia, e ó fondo, na fornela existente
sobre a portada principal da igrexa de Melide, a imaxe do santo fundador San
Francisco de Asís, ataviado co hábito da rama dos Menores en tonalidade gris cinza
(cor estendida a todas as variables franciscanas ata mediados do século XVIII).
Certamente tanto na
familia franciscana como noutras ordes relixiosas, ás veces a vertebración das
mesmas (debidas a cumprimento da observancia, reformas e adopción de novas
correntes) resultan difíciles de comprender. No caso da Orde Franciscana, sen
pretender adentrarnos en novas correntes que adoitan a espiritualidade
franciscana (que acaban por dar lugar á constitución de novas congregacións),
ou doutras hai tempo extintas, como a da reforma de San Pedro de Alcántara
(“alcantarinos”), a súa vertebración máis recorrente resúmese en tres ordes
fundamentais:
- - Primeira Orde, que consta de tres
ramas: Franciscanos Observantes Menores (O.F.M), Capuchinos (OF.M.CAP) e
Conventuais (OFM.CONV).
- - Segunda Orde (feminina): Orde das
Clarisas (O.S.C.).
- - Terceira Orde dividida en dúas
ramas: unha seglar (Orde Franciscana Seglar, OFS), e outra observante e
claustral, que é a Orde Terceira Regular da Penitencia de San Francisco (T.O.R),
a que rexentaba o Convento de Melide ao igual que outras fundacións en Galicia
como Montefaro (Ares), Convento de San Martiño de Vilalourente, “Convento dos
Picos” (Mondoñedo), ou tamén en Compostela como tal é o caso de Santa María a
Nova e Santa Cristina da Pena (convento e tamén hospital), promovidas estas
últimas por Frei Afonso de Melide, quen tamén é o responsable do establecemento
da Orde Terceira en Melide.