O CAMIÑO DE SANTIAGO POR MELIDE: UN ERRO DE SINALIZACIÓN
Un erro por moito que se repita non se converte en verdade, e o trazado do Camiño de Santiago en Melide está documentado dende a Idade Media. Ben é certo que o trazado actual discorre atravesando o Castelo, motivado quizais pola estrutura urbana actual da vila, onde dito xacemento arqueolóxico forma parte na actualidade do tecido urbano como parque público e cemiterio municipal, pero temos que velo en perspectiva histórica e comprender que na Idade Media, e no momento de maior auxe do Camiño, ese emprazamento era propiedade privada, iso si, do arcebispado de Santiago, pero onde tiña situada unha fortaleza amurallada e defendida por un baluarte que impedía o paso e que pechaba toda a propiedade.
![]() |
| Plano de Melide do século XVII conservado no AHUS |
Compre agora
facer un exercicio de imaxinación e visualizar o alto do Castelo cunha
fortaleza rodeada de muralla, accedéndose a ela a través de dúas portas (a
"porta da Vila" e a "porta do Azougue") que
comunicaban dito castelo coa rúa principal, mais estas portas eran de acceso
restrinxido e privado, como acontece con todas as portas que pechan as
propiedades privadas.
Polo tanto, e
tal e como os mapas e a documentación da época nos refiren, podemos ver que a
saída natural de Melide cara ó oeste, é dicir, cara a Santiago era o Camiño de
Sabián, ruta que bordeaba o monte do Castro (O Castelo actual), e que se
dirixía directamente cara a Santa María. Existen numerosas referencias
documentais que nolo amosan:
Unha delas é
un plano de Melide do século XVIII que se conserva no Arquivo Histórico
Universitario de Santiago (AHUS leg. 956), onde vemos o trazado da rúa
Principal, do Camiño das Cabadas e do Camiño de Sabián onde se especifica deste
último “Camino que sale de Mellid a Santiago”.
![]() |
| Trazado século XIV |
![]() |
| Trazado século XIII |
Tamén no Tumbo
de Sobrado podemos ler unha referencia á Porta das Cabadas (situada á altura do
actual Albergue da Xunta de Galicia, fronte ao Camiño das Cabadas) e na que se
menciona dito Camiño de Santiago. Nesta relevantisima fonte documental refírese
como se atopaba a rúa San Antonio no ano 1509 do seguinte xeito “En 27 de
febrero ano de 1509...Fr. Fulgencio de Cueller, Abad... aforaron a Gonçalo de
Mellide y a Catalina López su muger y a dos voces q. sean hijo y nieto
legítimos la ntra. casa q. se dice das balanças sita en Mellide y con las
cortiñas la una en la puerta zaguera de las dhas casas y otras dos q. están de
fuera de la villa pegadas al muro cerca de la puerta de las Cabadas y pasa por
medio de ambas a dos el camino francés”. (dato inequívoco que sitúa o
Camiño pola Rúa de san Antón, continuando por Sabián).
Os peregrinos
que chegaban a Melide dende calquera dos dous camiños (Francés dende Furelos,
ou Primitivo dende Toques), tiñan a posibilidade de entrar na vila por calquera
das portas que daba acceso á mesma, ou ben continuar camiño sen acceder ao
pobo. Pero todos, para continuar o Camiño tiñan que facelo por Sabián,
tratándose este da saída de Melide. A actual estrada N-547 é froito das obras
de ampliación e creación de estradas efectuadas durante o reinado de Isabel II
no ano 1861, polo que tampouco existía dita vía ata mediados-finais do século
XIX. E por suposto, tampouco o facían polo actual trazado que atravesa o
Castelo, xa que como queda dito, tratábase dunha propiedade privada e en ningún
momento foi saída natural da vila. De feito é doado cavilar que a saída cómoda
e eficaz non sería subindo un monte e baixándoo despois, tendo como hai, un
camiño recto e doado de atravesar, como é o de Sabián. Incluso podería caber a
posibilidade de que alguén continuase camiño pola Congostra da Barbacá
(tal e como vemos sinalizado no plano de X.M. Broz), que seguiría pola banda
sur de Melide, máis ou menos seguindo o trazado do que posteriormente (século
XIX) converteuse na estrada N-547. Pero en todos estes casos, nunca atravesaría
o Castelo.
Trazado século XIX
Por iso, un erro, por moitas veces que se repita non se converte en verdade, e aínda que ben é certo que os peregrinos poden continuar ruta por onde mellor lles pareza, si debería quedar constancia (a xeito de indicativo, cartaz, sinalización no chan ou en altura) de por onde ía o Camiño orixinalmente en Melide, e porque non ía polo Castelo.
Axuntamos nas
imaxes os planos elaborados por Xosé Manuel Broz para os seus libros “A vila
de Melide “ e “Melidaos” onde exemplifica perfectamente o trazado
orixinal do Camiño nesta vila case milenaria, así como o plano do AHUS
onde tamén se ve como xa no século XVIII trazaron esta ruta por Sabián.
Texto elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez




