martes, 29 de marzo de 2022

 

AS MINAS DE AUGA E OS MINEIROS

Mina de auga en Catasol-Melide. 
Neste caso non nestá completa xa que a boca está cortada pola estrada


Hoxe nesta entrada imos falar dun dos oficios antigos actualmente completamente perdido: o dos poceiros e mineiros artesáns. Para elo non hai mellor xeito que deixarnos imbuír pola enorme sapiencia do mestre dos mestres, no tocante á cultura popular, Xaquín Lourenzo Fernández “Xocas”, e por iso imos parafrasear as súas doctas verbas, non sen antes facer fincapé, en que tanto na Terra de Melide coma no resto de concellos desta contorna aínda se poden contemplar na actualidade moitos, e bos exemplos de vellas captacións de auga, traducidas en fontes tradicionais, pozos artesáns e tamén en minas de auga, que é do que imos a falar nesta entrada como se di no seu título, deixándonos seducir e cativar polo que Xocas nos deixou escrito.

Un servizo que ten case sempre carácter comunal é o da i-auga, tanto pra rego das herdades coma pra usos domésticos. [...]

Tres métodos se empregan pra obter auga: os puzos, as minas e as fontes, sendo os primeiros os máis correntes. [...] A fonte e a mina, escasos con carácter privado, consisten en nacentes continuos de auga, naturás ou artificiás, ós que se engaden algunhas obras pra súa utilización.

En realidade a mina é unha parte da fonte, aquela de onde se obtén a i-auga, e consiste nun túnel ou burato, baixo e estreito, máis que se pode prolongar até unha grande lonxitude. Cando non presenta na súa saída máis obra que en cano de pedra é, accidentalmente, un lavadeiro, conserva o nome de mina, mais cando a obra tapa a boca pasa a ser unha fonte (neste caso esta definición describe á fonte de San Xoán de Furelos, xa que se trata dunha fonte de mina).


Fonte de mina de Furelos. 
Podemos ver como neste caso a boca está tapada e a auga sae por unha pequena tubaxe.

Como se comprende, a mina somentes se pode faguer en terreos incrinados, xa que se estende hourizontalmente.

A mina ven sere, asegún o dito, un burato que leva na saída unha soleira de pedra que sobresai no centro, onde presenta un canleiro pequeno polo que deita a i-auga. Esta vai cair  a un lavadeiro ou a un rego que a conduz fora da finca.”

Mina en Eirexe-Campos, Melide
Vemos a soleira de formigón a modo de cubeta onde se acumula a auga

Mina en Eirexe-Campos, Melide
Interior da mina

Mina en Eirexe-Campos, Melide
Interior da mina.

Mina en Eirexe-Campos, Melide
Detalle da cubeta de recollida de augas

O mesmo auto tamén nos fala polo miúdo do proceso de apertura dunha mina de auga así como do artesán que levaba a cabo tan sacrificada empresa: O mineiro.

Dase o nome de mineiros non ós que traballan nas explotacións de mineiral senón ós que furan a terra en precura de auga, ben en senso vertical, puzos, ben en senso hourizontal, minas.

O traballo do mineiro ten un certo senso de ciencia sabia, xa que comenza por sinalar o punto preciso en que a i-auga debe xurdir.

Guíanse pra elo dalgunhas sinás que non son patentes a todos os ollos: a presencia de certas prantas, o grado de sequedade dunha vexetación con respecto a outra, a situación dun punto en relación co terreo circundante, etc.

Mina en Liñares-Santiso

Boca da mina de Liñares-Santiso


Interior da mina de Liñares-Santiso


Non son amigol-os nosos mineiros de emprego de varas de avelaira, reloxes e cousas análogas. Os que o fan están de cote infruídos por cousas lidas en libros ou deprendidas fora da terra.

Cando o mineiro sinala o sitio da i-auga, comeza o seu traballo, que leva a cabo de distinto xeito asegún seña puzo ou mina o que quer faguer [...].

O traballo na mina é máis incómodo que no puzo xa que é máis estreita e precísase levar luz.

O mineiro comeza por faguer unha zanxa a ceo aberto até dispoñer dunha capa de terra que poida ser furada sen se afundir. Entón comenza a abrir un a xeito de túnel de 0,50 metros de ancho por 1 ou 1,50 de outo, coidando de ir rubindo o piso pouco a pouco pra que a i-auga esbare logo con facilidade cara a fora.

Farol de aceite. Museo da Terra de Melide Sala 6, 3º andar

Emprega tamén o pico e a pá e aluméase cun farol de aceite. A terra vaina sacando a brazo, nun moñico ou nun caldeiro, o axudante.

Candís de carburo. Museo da Terra de Meldie Sala 6, 3º andar 


O mineiro fura até que da coa i-auga e logo segue deica tel-a cantidade que se precise.

O escomenzar a correl-a i-auga fai polo meio do piso un rego pra se non mollal-os pes namentras traballa. A mina non sempre é direita, pois as veces convén desviala nun senso ou noutro pra precurar terreo mellor de traballar ou máis humidade que prometa un caudal líquido meirande.

                                     

Exterior da mina de auga de Reboredo (Vimianzo-Santiso).


Interior da mina de auga de Reboredo (Vimianzo-Santiso).


Exterior da mina de Reboredo (Vimianzo-Santiso).


Os penedos que se poidan atopar no camiño fanse rachar con dinamita, coma nos puzos, ou, se pode ser, bordéanse dando unha volta no trazado da mina darredor diles.

A mina, o mesmo que o puzo, é rematada polos canteiros na obra da boca, se vai server pra fonte ou lavadeiro, mais pode quedar atal como a deixa o mineiro canda se destiña ó rego, anque niste caso adoita faguérselle unha poza de diante.

Mina en Arcas, Rodeiro.
Vemos unha estrutura elaborada e con peche de contención.

Boca da mina de Arcas-Rodeiro, 
enmarcada por unha estrutura en forma de arco de medio punto

Detalle da boca da mina de auga de Arcas-Rodeiro co pozo para acumular auga

Detalle das canles de evacuación das augas da mina. 
Neste caso poden servir para uso agrario de regadío dos prados.

O mineiro cobra o seu traballo a tanto a vara, axustándose, polo xeral, “a mantido”. O amo dalle tamén lugar pra durmir namentras dura o traballo, tanto a il coma ó axudante”.

Probablemente tamén se tratase dunha antiga mina de captación de auga dun nacente o túnel de Sabián, do que da conta Xosé Manuel Broz no libro A Vila de Melide, e do que aínda se mantén a memoria e do que moito se leva falado e especulado. Conta Broz que: “nunha corredoira que ía á fonte de Sabián había un burato cadrado a xeito de túnel, duns 80 cm de ancho [...]. Sempre houbo intentos de exploración, pero nunca soubemos para que era nin para que servía; especulouse coa lenda das trabes de ouro e de alquitrán, ditos populares que hai en todos os castros. A boca que saía na corredoira hoxe está tapada. Especulábase se era do Castro ou do Castelo. Nunca se resolveu este misterio”.

Xa para rematar e como dato curioso, sinalar unhas consideracións recollidas por Vicente Risco no Estudo etnográfico da Terra de Melide (1933) ó referirse ós depósitos e estanques dos remates das fontes, que como xa apuntou Xocas tamén é unha constante que se reproduce na boca da mina, a modo de remate, que: “a i-auga así detida no depósito, si ben está protexida por estar coberta a fonte, cría naturalmente diversas sortes de bechos, que chaman crocos ou corocos. Antre-istes bechos, o máis temeroso é a píntega ou salamántiga, da que imos falar máis adiante. Pois pra limpar as fontes de corocos, adoitan botar n-elas unha troita, a qual cómeo e deixxa a i-auga limpa de todal-as comichuras”. Matiza Risco que “a usanza de botaren troitas ou outros paises vivos nas fontes achámola na Irlanda, fundada en motivos relixiosos e lexendares”. Certamente son crenzas e supersticións realmente curiosas, xa que en fontes de augas puras non era raro ademais da presenza de cabezolos ou cágados (crías de ra), a existencia de tritóns, que en realidade non hai mellor indicador da pureza e da boa calidade desas augas, posto que para que a existencia deste tipo de anfibios acuáticos sexa viable é necesario e imprescindible que as augas sexan puras, non contaminadas e fundamentalmente óptimamente osixenadas, o cal é un indicador de que esas augas son boas para o consumo.

Texto e fotos: Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...