martes, 20 de febreiro de 2024

 SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE
A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE



Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros galegos, é destacado por unha grande cantidade de variables (historia, cronoloxía, pautas estilísticas, canons de representación, plantexamento compositivo, tratamento das imaxes, discurso iconográfico, disxuntiva entre pragmatismo/credo – razón/dogma...) e tamén polas acostumadas accións de desleixo de cara a un elemento tan excepcionalmente singular (estado de conservación precario, nula valorización, irrespectuosos e incomprensibles usos: torreiro, podio para selfies, mesado para almorzos, barra de bar, urinario, esteo para escenarios, fito para amarrar cintas de balizamento...).
Mais hoxe nesta entrada sobre simboloxía non imos reparar nos aspectos sinalados anteriormente, senón nunha das chamativas variables representativas que teñen que ver co universo do símbolo, mito, rito, alegoría e por riba de todo, dogma.

luns, 22 de xaneiro de 2024

 

Penas míticas e sacras da Terra de Melide”
"A PENA GRANDE DE SAN MARTIÑO DE OLEIROS”



A Pena Grande de Oleiros correspóndese cun dos xacementos arqueolóxicos máis singulares de toda a Terra de Melide. Sitúase nun rechán da vertente noroccidental do Monte do Picón, definido por un conxunto de penedías ou afloramentos naturais de rocha en disposición oval, formando unha especie de recinto ou anel, que se complementou cun sistema defensivo artificial, actualmente moi desfigurado. Este xacemento goza dun amplo dominio visual ó estar proxectado cara ó val do Río Furelos no seu curso medio.

xoves, 21 de decembro de 2023

CRUCES NA PORTA DO HOSPITAL DE PEREGRINOS DO LEBOREIRO.




O antigo hospital de peregrinos do Leboreiro amosa na súa arquitectura elementos probablemente reaproveitados da fábrica orixinal do século XII (nomeado no ano 1164 “in burgo que vocicant hospitale de monte Leporario”) en asociación coa propia arquitectura de finais do século XV cando o hospital pasa a ser do padroado da linaxe dos Ulloa. Entre os elementos probablemente orixinais podemos ver a representación de senllas cabezas que semellan tratarse da decoración de canzorros ou de mochetas da porta orixinal.

venres, 20 de outubro de 2023

 O MARCO DO HOSPITAL:

FITO DEMARCADOR DE TERMOS DE PROPIEDADE E SEÑORÍOS

Debuxo de Xosé Manuel Broz onde podemos ver o anverso e reverso do Marco coas cruces de termo gravadas en ambas caras

Hoxe imos destacar a singularidade deste marco de termo e tamén facer unha escolma dos múltiples elementos de carácter patrimonial existentes nesa divisoria histórica, outrora de xurisdicións e señoríos e na actualidade de concellos (Toques e Palas de Rei) e provincias (A Coruña e Lugo).
En pleno cordal da Serra do Careón atopámonos cun collado ou vao natural no que, a pesar das dificultades de ascenso ata o lugar, constitúese como o único ámbito no que poder atravesar a barreira montañosa. Non en van foi o espazo máis axeitado para desenvolver o itinerario do Camiño Primitivo de Santiago (ou de Ovedo) así como o trazado do antigo Camiño Real que comunicaba con Lugo.

xoves, 28 de setembro de 2023

 SAN RAMÓN NONATO DE GROBAS:

FONTE, IGREXA DESAPARECIDA, DEVOCIÓN E RITOS

Fonte de San Ramón de Grobas
No lugar de Grobas de Abaixo gárdase a memoria da existencia da antiga igrexa de San Ramón, a escasos metros da localización da Fonte do mesmo nome, unha fonte de augas con propiedades, onde segundo a tradición os homes lles lavaban os pes ás mulleres embarazadas para que o santo Nonato lles concedera un bo parto.
Onde hoxe nos atopamos cunha masa arborada de bosque autóctono se atopaba a antiga igrexa, nunha parcela que segundo as referencias catastrais (parcela 385 do polígono 015) aparece denominada como “Casas da iglesia”, manténdose a referencia á igrexa noutras propiedades lindeiras, así atopamos fórmulas como “Prado da Iglesia”, “Navio Grota Iglesia” ou “Terreo Iglesia”.

martes, 12 de setembro de 2023

 OS MENHIRES OU PEDRAFITAS NA PREHISTORIA RECENTE: SI;

NA IDADE DO FERRO E NA CULTURA CASTREXA: NON!.

Hoxe, con esta divertida imaxe que nos enviou un amigo do Museo, queremos evidenciar que os menhires se corresponden cunha das manifestacións culturais propias da Prehistoria Recente que abrangue o Neolítico, o Calcolítico e a Idade do Bronce (aínda que o fenómeno do megalitismo se asocia cos dous primeiros).
Aínda que nas aventuras de Astérix é acostumado ver a Obélix labrando menhires nunha canteira granítica, ou velo carrexando menhires nas súas costas, o certo (arqueolóxicamente falando) é que se trata dun divertido e ocorrente anacronismo, xa que no contexto da aldea gala (extrapolable cronoloxicamente falando á nosa cultura castrexa serodia) os seus habitantes perderan a memoria de erguer arquitecturas megalíticas para funcións funerarias, cultuais e simbólicas, ademais de ser

mércores, 23 de agosto de 2023

 O DRAGÓN DA PORTADA DA CAPELA DE SAN ROQUE

(DA DESAPARECIDA IGREXA PARROQUIAL

DE SAN PEDRO DE MELIDE).

Fotografía en branco e negro, realizada por Xosé Manuel Broz, na que se aprecia con moita nitidez a escena.


Decote nas visitas guiadas polo patrimonio da vila de Melide, que organizamos dende o Museo, acostumamos rematar o percorrido coas explicacións sobre o Cruceiro de Melide e a Capela de San Roque, facendo unha especial lembranza ó patrimonio eclesiástico desaparecido (concretamente á demolida igrexa parroquial de San Pedro datada no século XIII, e da tamén malfadada Capela de San Roque que datada do século XVIII).

  SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros gale...