venres, 13 de setembro de 2019

 CRUCEIROS DE MELIDE, 
DA IGREXA DE SAN NICOLÁS DE NEDA,
E DO CRISTO DA TAFONA (FERROL).
UNHA MOSTRA DOS PRIMEIROS CRUCEIROS.

Cristo en Maxestade. Cruceiro de Melide. Século XIV.

No territorio galego hai un bo número de cruceiros góticos espallados ó longo da súa xeografía: en Santiago (Home Santo), Bamiro (Vimianzo), Noia, Fisterra, Francos (Teo), Mondoñedo, Portomarín, Ourense, ou en Pontevedra, entre outras localidades.
Mais hoxe queremos referirnos ós dous cruceiros posiblemente con máis analoxías co Cruceiro de Melide, situados ambos na comarca de Ferrolterra, e cuxas pautas arcaizantes levan a encadralos a finais do século XIV ou a comezos do século XV.


Nunha publicación titulada “Os Cruceiros. Cadernos do Museo do Pobo Galego nº 12”, da autoría de Clodio González Pérez, sinala que tamén o Cruceiro de Ribeiras do Sor no concello de Mañón se trata dun dos cruceiros máis antigos conservados.
No Cruceiro de Melide, considerado o máis antigo de Galicia, xa non so por Castelao, senón por outros moitos autores, entre eles o historiador e médico Don Eduardo Álvarez Carballido, quen xa nun artigo seu datado no ano 1903 sinala que “Sin temor a equivocarnos, podemos decir que una de las más antiguas, ya que no la primera, entre las que más o menos artísticamente presentan cincelada la imagen del Salvador, (en Galicia)” e tamén que “Este monumento, contemporáneo sin duda alguna, de la ermita de San Sebastián citada por Huerta, en los primeros tiempos de la Reconquista...”.
Tamén Xesús Carro, Emilio Camps e Fernández Oxea, no capítulo “Arqueoloxía relixiosa de Melide” do Terra de Melide de 1933, determinan que “anotando no conxunto do moimento, caraiterísticas de arcaísmo, debidas, máis que a nada, o xeito popular da súa feitura, coidámolo obra do XIV”.
E xa en estudos máis recentes realizados por Broz Rei, vincúlao cun “taller de Melide do S. XIV” e que dito taller era un obradoiro de influencia franciscá e inspiración compostelá e do que hai mostras de iconografia en pedra nas primeiras fábricas do Convento de Sancti Spíritus datadas no derradeiro cuarto do Século XIV, na Igrexa de Santa María do Leboreiro ou na Igrexa de San Vicenzo de Vitiriz.
A hipótese tan estendida de asocialo co  primeiro dos cruceiros galegos posiblemente veña dada polo feito de tratarse dunha cruz que estilísticamente aínda garda patróns arcaizantes propios dos tempos do románico na cara na que se representa a Xesucristo en maxestade amosando as chagas da paixón, no que aínda se mantén un hieratismo marcado na súa composición e tamén polo aceno inexpresivo do rostro do Resucitado. Broz Rei asimila esta representación do Pantocrátor ó Cristo do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo “do que parece ser imaxe, feito moi frecuente no chamado románico de inercia é na pervivencia das formas no decorrer do tempo”.
Pola contra no Calvario reproducido na outra cara amosa xa unhas características góticas, nas que as figuras amosan unha certa expresividade, xesticulación e movemento. Nese eido Castelao moi atinadamente sostén que “Poida ser que esta obra proveña do século XIV a xulgar polas súas nobres feituras e porque representa o tránsito das concepciós dogmáticas ás dramáticas”.
Cristo en Maxestade. Representación máis propia do románico serodio.

Crucifixión no Cruceiro de Melide. Pódense apreciar as pautas do estilo gótico
Outro dos exemplares relevantes por “rivalizar” co de Melide de tratarse dun dos primeiros cruceiros galegos é o que se atopa no adro da Igrexa de San Nicolás de Neda, que ten en común co noso o feito de contar na súa cruz cunha dobre representación de Xesucristo, plasmada en ambas caras. Mais a diferenza máis notable é que no de Melide represéntase por un lado ó Crucificado (nun calvario) estando flanqueado por San Xoán, a Virxe e unha figura axeonllada ¿a Magdalena?, e pola outra cara ó Resucitado a modo de Cristo en Maxestade ou Pantócrator, mais no caso do de Neda ten particularidade de representar un Calvario en cada unha das súas caras, nas que aparece Cristo flanqueado pola Virxe e San Xoán Evanxelista. Trátase pois dunha curiosa e infrecuente representación dun mesmo Misterio nun mesmo soporte.


Unha das caras do Cruceiro de Neda. Represéntase nel a Crucifixión.
Otra cara do Cruceiro de Neda. Neste cruceiro represéntase en ambos lados a mesma escena da crucifixión.

Por último outro cruceiro singular “emparentado” co de Melide, e tamén co de Neda é o do Cristo da Tafona de Canido (Ferrol). Dese cruceiro, igual que dos anteriores so se conserva un elemento orixinal: a cruz. Neste caso despois de andar percorrendo distintos escenarios, na actualidade atópase no recentemente inaugurado Museo da Semana Santa de Ferrol.
Sábese que esta cruz de cruceiro estivo empotrada na fachada dunha casa na Praza da Tafona no barrio de Canido ata o ano 1987, pero parece ser que foi colocada nesa parede cando se edificou dito inmoble particular, arredor do ano 1850. En todo caso non se coñece o seu emprazamento orixinal.
Ten en común co de Melide e co de Neda o feito de tratarse de cruces concibidas para estar exentas e non empotradas nin adosadas a nada, posto que as tres contan con figuracións ou algúns motivos en senllas caras.
No anverso do Cruceiro da Tafona represéntase un Calvario tamén de caracteres anatómicos arcaizantes, semellante ós outros dous e tamén aparece o crucificado flanqueado pola figura de San Xoán Evanxelista e á súa dereita tres figuras, entre elas a da Virxe María que aparece sostida por un dos outros dous personaxes que se sitúan en segundo plano e que segundo Carlos Valle Pérez (ex Director do Museo de Pontevedra) se trata evidentemente da representación do Pasmo da Virxe María
Polo reverso non conta con figuración algunha, pero no punto no que conflúen os dous paus da cruz reprodúcese un circulo no que se gravou o Cristograma IHS (Iesus Hominum Salvator). Os traveseiros da cruz rematan en estremos flordelisados, que no caso do de Melide nos sabemos se tamén serían semellantes, potenzados ou florenzados, posto que como sostén Broz Rei a cruz foi estreitada e rebaixada, supoñéndolle a perda do seus remates.


Cruceiro da Tafona (Ferrol). Representando a escena da crucifixión, so por unha das súas caras.

Carlos Valle na descrición que fai do Cristo da Tafona no Catálogo da Exposición “Gallaecia Petrea” do ano 2012, tamén asocia este cruceiro ferrolán ó “núcleo creativo compostelán” e igualmente o vincula con contextos iconográficos franciscanos.
Non é casualidade que moitos autores que abordaron a cuestión dos cruceiros góticos galegos os vinculen a contextos de ordes mendicantes, fundamentalmente cos franciscanos e cos dominicos, e coa importante proliferación de fundacións conventuais nos séculos baixomedievais nas cidades e vilas galegas.


 As fotos do artigo foron extraídas de:
- Cruceiro de Melide: artehistoria.com e santiagoturismo.com
- Cruceiro de Neda: cruceirosdegalicia.xyz e galiciapuebloapueblo.blogspot.com
- Cruceiro da Tafona: tiemaiseuteatro.com

                                                             Texto elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira


  SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros gale...