mércores, 22 de maio de 2019

AS FONTES PÚBLICAS DE MELIDE:


                                              

                                               Debuxo de Xosé Manuel Broz Rei da Praza do Convento,
                                          onde se pode ver a antiga fonte instalada a finais do século XIX.

Nestes días, que por mor dos descubrimentos arqueolóxicos no Cantón de San Roque relacionados coa vella rede de sumidoiros e aproveitamento dos excedentes de caudais das fontes públicas (instaladas a fins do século XIX), e que posteriormente (na segunda metade dos anos 50) ían ser aproveitados para abastecer de auga ó recén construído lavadoiro público, estase a falar moito sobre o tema en cuestión.
Pois dende o Museo de Melide consideramos que se trata dunha moi oportuna ocasión para falar do máis importante, que non é outra cousa que lembrar a enorme importancia que supuxo para a nosa vila a instalación das primeiras fontes públicas para o abastecemento das casas, posto que ata o ano 1889 tíñase que botar man de pozos, tanto de titularidade pública coma privada.
Así pois imos falar sobre este tema e compartir fotos antigas, así como amosaremos as particularidades das primeiras fontes de abastecemento público urbano, das orixes do lavadoiro, e tamén da chegada da traída para as casas, e como os habilidosos latoeiros artesáns de Melide se converteron en fontaneiros, posto que eran os únicos profesionais capaces de facer soldaduras das cañerías de chumbo.

Tamén se falará de sellas, das longas reas de xente, e dos tempos de espera nas fontes para ir pola auga, dos augadores "profesionais", ou tamén das trasnadas que facían os nenos na Fonte do Pilón.




 XORNADA DE INAUGURACIÓN DO LAVADOIRO PÚBLICO DA VILA DE MELIDE.


Mais imos comezar polo desaparecido lavadoiro municipal, a foto de arriba, datada na metade da década dos 50, foi tomada o día en que se inaugura este novo e fundamental servizo público.
Nesta foto pode verse a unha nutrida representación de autoridades, precedida polo alcalde Don Ricardo Porto Rodríguez (que foi alcalde de Melide entre os anos 1956 e 1960).  A comitiva diríxese polo Campo de San Roque ata o emprazamento do lavadoiro, situado ao carón do Camiño de Santiago, na encrucillada onde na actualidade se atopa a Pizzería Atenas.
No grupo ademais do alcalde poden verse distintas autoridades políticas e sociais, tanto de Melide coma doutras localidades do país. Tamén se distingue na cuarta fila a un garda civil, tres cregos con sombreiro (alomenos dous deles relixiosos pasionistas, como pode verse polo emblema que levan no peito) ou tamén ó axente municipal José Mosteiro Pampín.

                                     Foto pertence ao arquivo particular da familia de Don Ricardo Porto.


AS FONTES PÚBLICAS DE MELIDE



En relación ós recentes descubrimentos da antiga canalización de augas no Cantón de San Roque, imos facer un percorrido histórico e fotográfico polas fontes públicas de Melide, instaladas no ano 1889, polo entón alcalde Antonio Ron Varela. 


A FONTE DA PRAZA DO CONVENTO


Comezaremos falando da Fonte da Praza do Convento. Actualmente trasladada ó Castelo, tratábase dunha fonte monumental que pasou por varias etapas de remodelación. Foi feita ex profeso para este fin: unha fonte para subministro público de auga, colocada na Praza do Convento, e que traía as augas do manancial situado no lugar de Castro, a diferenza da fonte do Pilón ou dos Catro Canos que é posible que pertencera a un dun dos claustros do Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Hoxe incluímos as fotos da etapa máis antiga da que temos documentación, pois non dispoñemos de datos para saber se na súa orixe xa era tal e como se ve nestas fotos dos anos 20, ou si xa fora modificada nalgún momento. Nestas fotos podemos observar como a fonte presenta un altar traseiro de pedra, e sobre el está colocada unha grande cruz de madeira, froito das numerosas misións que os P.P. Pasionistas realizaron na vila, ata os anos 60.
Destaca tamén sobre maneira, a beleza decimonónica da Praza do Convento, cun pavimento de pedras e toda ela flanqueada por árbores. Trátase dunha estampa da Praza, fermosa e bucólica (e incluso semella máis grande polas árbores) que nos lembra a prazas como a de As Bárbaras ou a de Santo Domingo na Coruña ou a da praciña da Madalena en Ourense. Prazas adoquinadas ou en pedra miúda, con árbores centenarias dando sombra e cobixo, en recunchos que invitan ó sosego (mágoa que se perdera esa esencia na nosa Praza do Convento).
Esta fonte, como xa se dixo, sufriu remodelacións co paso dos anos.

Foto dos anos 20 ou 30. Nesta foto pódese ver claramente o pavimento da Praza, con cantos e pedras, así como as árbores flanqueando todo o conxunto, o que lle confire un aspecto rústico, antigo e señorial ó conxunto. A fonte, monumental tamén, sitúase no centro da praza. Apréciase claramente o altar colocado tras a fonte así como a cruz de madeira que os pasionistas puxeron nunha das súas misións. Vense diante da fonte mulleres con sellas. 
Estampa irrepetible da praza, que nos amosa a súa antigüidade e soleira.
Fotos dos anos 20 de José Fuciños Buján. Trátase dunha procesión pola Praza do Convento. E podemos ver a fonte co altar e coa cruz das misións. Chama a atención o pavimento do chan así como as árbores polo medio e polos laterais da praza.




Polos documentos gráficos (fotos), sabemos que esta fonte da Praza  do Convento a finais dos anos 30 sufrira xa unha remodelación: retiróuselle o altar que tiña adosado pola parte posterior, pero nun primeiro momento aínda conservaba a cruz das misións, que nas fotografías dos anos 40 xa non aparece.
Nesta remodelación aprécianse con claridade os pinos ou pivotes que tiña flanqueándoa, e que se utilizaban para apoiar as sellas ó ir buscar a auga á fonte. 
Xa se pode apreciar tamén a Praza sen árbores, con un aspecto máis semellante ó actual e que lle resta monumentalidade, aínda que gaña en visión do conxunto. Deixa de ser un recuncho acolledor e romántico (no aspecto artístico do termo), para converterse no espazo, case diáfano, que temos hoxe.
Pero aínda tivo máis cambios.





Nesta foto do ano 1978 vese como era ese banco corrido colocado ó redor da fonte. Con el, este elemento adquire novamente un aspecto monumental. Foto do arquivo da familia Neira.


Foto cedida grazas á cortesía de Pili Sánchez Sánchez, propietaria da mesma, e que lla deu a Pili Urrutia para que nola fixera chegar. Está tomada no ano 1967 ou 1968, e xa podemos apreciar como os dous pinos dianteiros aparecen fragmentados. Posteriormente se lle colocou o banco corrido.

Nesta foto do ano 1978 vese como era ese banco corrido colocado ó redor da fonte. Con el, este elemento adquire novamente un aspecto monumental. Foto do arquivo da familia Neira.

Foto do ano 1977. De novo vemos a fonte co banco corrido, e como era utilizada a modo de mostrador os domingos de feira.  
Estampa irrepetible como moitas outras que amosamos, pero non irrecuperable.
Podemos ver nela, tamén, ó moi recordado párroco da vila Don Antonio Mourelle.



Foto da primavera do ano 1980, na que pode verse concentrados na fonte da Praza do Convento ós integrantes da Sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento" xunto ós fundadores do Museo da Terra de Melide. Imaxe para ó recordo, e lembranza imborrable das figuras de Rafael Mejuto, Fernando Acuña e Carlos García Martínez, para sempre na memoria.



O EMPREGO DAS SELLAS


Amosamos unha imaxe que parece sacada doutra época, aínda que así é. Dun tempo no que en moitas casas aínda non tiñan traída de auga e víanse obrigados a ir ás fontes a buscar a auga para o consumo diario e para a hixiene (bañarse, lavar a louza...). E para ese menester, por outra banda hai que pensar que bastante engorroso, utilizábanse as sellas. 
A forma das sellas apenas varía dun lugar a outro, son recipientes con forma cónica máis anchos na base e cunha tapa para evitar que se derrame o líquido (tanto auga como leite), pero o que si é diferente é o material co que están elaboradas. En Melide as sellas eran de cinc, mentres que noutros lugares vemos sellas de madeira con aneis de metal, ferro ou latón (como os pipos do viño).
Certo é que as mulleres (pois case sempre eran mulleres as que ían buscar a auga ás fontes), demostraban unha grande destreza no seu transporte, pois eran capaces de levala apoiada na cabeza sobre unha molida e sen asila coas mans, pois moitas veces estas ían ocupadas levando outras cousas en cada unha.
Hoxe en día non valoramos a importancia do consumo e control moderado da auga, nin tampouco o valor que ten poder dispoñer dela en tempo inmediato, pero ata non fai moitos anos era necesario ir por ela ás fontes. E temos que pensar que sendo un ben necesario de consumo diario, todos os días había que saír da casa para ir buscar a auga, chovera, nevara ou venteara. E para coller a auga na fonte era necesario facer cola, pero o tempo que se agardaba para encher a sella , era moi ben aproveitado pois daba para coñecer os contos, dimes e diretes de cada día, falar cos veciños e comentar as novidades da vila.
Existían tamén augadores e augadoras, que case podía considerarse un oficio, pois había quen cobraba por facelo e se dedicaba a “meter a auga nas casas”. Nalgunhas incluso había un depósito onde se ía almacenando, e tamén había quen con inxenio preparaba unha carreta para poder transportar varias sellas dunha vez.

Coa chegada da traída ás casas, o ir a fonte deixou de ser unha necesidade e un pasatempo social, e dende ese momento aínda houbo algúns que ían buscar auga para beber, pois estaba máis fresca (aínda hoxe, moita xente vai pola auga á fonte dos Catro Canos para ter auga fresquiña na casa, para consumir durante o día). Tamén o feito de crear un subministro permanente de auga nas casas motivou que un dos oficios tradicionais e necesarios, os latoeiros, se reciclasen e pasasen a converterse nos primeiros fontaneiros da vila, xa que eles sabían traballar coas tubaxes e soldalas.



Foto dos anos 40. Vemos a unha augadora coa sella na cabeza, que viña de buscar a auga da Fonte da Praza do Convento.

Sellas do Museo de Melide elaborada en cinc, era válida tanto para a auga como para o leite.
Exposta na Sala 6, planta 3ª do Museo dedicada á casa tradicional, a escola e á relixiosidade popular.

Nesta foto dos anos 30 vemos a un grupo de mozas posando diante da Fonte dos Catro Canos. Podemos observar como sobre o pilón hai pousada unha sella (de cinc, típica desta zona).

Foto do ano 1957. Vemos a un grupo de mozos pousando na Fonte dos Catro Canos, e apoiadas no pilón varias sellas para recoller a auga, elaboradas en cinc.

Foto dos anos 30. Día de nevada. Vese como a xente vaia a fonte a buscar a auga para levar para a casa. Mulleres con sellas na fonte e outras agardando a vez. Estes momentos eran propicios para poñerse a falar e botar contos entre os veciños. Nesta estampa irrepetible e irrecuperable de Melide, podemos ver tamén á vella Capela de San Roque, na súa ubicación orixinal.


Foto dos anos 20 do fotógrafo José Fuciños Buján. Vese a un grupo numeroso de xente diante da fonte do Convento e podemos observar como unha muller está a piques de colocarse unha sella na cabeza, para transportala, ademais dunha sella pousada nun dos pinos, ou piares, que flanqueaban á fonte.

Foto dos anos 20 ou 30. Vese xente c ollendo auga coas sellas e agardando a súa quenda. Estes momentos eran propicios para poñerse a falar e botar contos entre os veciños.


AS ORDENANZAS MUNICIPAIS DO ANO 1928.


No ano 1928 establecéronse as “Ordenanzas municipais da vila de Melide”, asinadas polo entón Alcalde Ramón Romero Abeijón, nas que se regulaban entre outras moitísimas cousas o funcionamento das fontes públicas, para un correcto uso das mesmas. A continuación reproducimos literalmente o capítulo onde nos fala das Fontes públicas da vila de Melide.
Título 10º
Capítulo I FUENTES, PASEOS Y ARBOLADO
Art. 228.- Se prohíbe lavar ropas, arrojar basuras, bañarse y echar a nadar perros u otros animales, en las fuentes públicas.
Art. 229.- Se prohíbe también, abrevar ganados en las fuentes, permitiéndose únicamente en el pilón de la que está situada en el campo de feria de esta villa.
Art. 230.- Se prohíbe dejar debajo de los caños de las fuentes, cántaros, cubos, sellas o cualquier otro recipiente, después de estar lleno, y en las fuentes se guardará el respectivo turno para provistarse de agua, sin dar lugar a disputas.
Art. 231.- Se prohíbe tomar agua de las fuentes públicas, para regar, bañarse o para el surtido de obras en construcción, siempre que haya vecinos que hayan de sacarla para otros menesteres más perentorios y solo podrán tomarse para dichos usos cuando nadie aguarde el turno, para recogerla para otros de mayor necesidad.
Art. 232.- La cañería general será escrupulosamente vigilada por todos los agentes de la autoridad. Todo el que deteriorase las fuentes públicas de cualquier modo o con objeto de sustraer aguas y todo aquel que causare algún daño en las arquetas o en los caños, se le impondrá la multa máxima que la ley permita, sin perjuicio de pagar los daños que cause y de someterlo a los Tribunales Ordinarios.


                               Portada das Ordenanzas Municipais da vila de Melide, asinadas e aprobadas no ano 1928.

Debuxo de X. M. Broz da fonte do Convento e que foi trasladada ó Castelo (como se aprecia no debuxo), onde pode verse a día de hoxe.

A FONTE DO PILÓN OU DOS CATRO CAÑOS


Esta fonte foi instalada aquí, tamén entre o ano 1889 e 1890, xunto coa do Convento, impulsadas polo entón alcalde Antonio Ron Varela, para subministro de auga á vila de Melide, xa que ata ese momento as augas para consumo humano proviñan de pozos públicos e privados e dos mananciais da fonte do Castro (nos Tagarros- Santa María) e de Sabián.
Esta fonte dos Catro Caños ou do Pilón foi instalada no Cruce de Melide. Nese momento xa estaban trazadas e en funcionamento as dúas estradas xerais (Lugo-Santiago e Ourense-Betanzos, dende o ano 1861 e 1867 respectivamente), pero o seu ancho era menor que na actualidade polo que a fonte estaba situada máis preto do cruce do que se atopa na actualidade. 
Non se coñece a procedencia exacta desta fonte monumental de estilo Barroco; unha das posibilidades máis aceptadas (pero aínda non corroborada) é que a súa orixe estivese nun dos claustros do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, desamortizado no ano 1834-1835, e no momento da instalación da fonte en Melide, aínda permanecía abandonado.
Como comentamos, a fonte é de estilo Barroco, monumental e fermosísima. Non dispoñemos de fotos anteriores ós anos 20, pero é de supoñer que ata ese momento non sufrira as reformas ás que foi sometida ó longo do século XX. Polo tanto, nesas fotos podemos case comprobar como era a fonte na súa orixe, unha vez instalada en Melide (aínda que non sabemos si esa era a súa composición orixinal no lugar do que proviña).
A fonte consta dun gran pilón de granito, de planta circular, no que están colocadas de xeito perpendicular (a modo de radios do círculo) uns listóns metálicos para permitir o apoio das sellas ó ir coller a auga. Do centro érguese unha columna traballada con follas de acanto e sobre ela un corpo decorado con cabezas de león que presentan uns tubos de ferro colocados nas bocas dos animais para permitir a saída das augas. O fuste ou columna que soporta esta estrutura é oco no seu interior para permitir o paso das augas cara arriba (cara ás bocas vertentes dos leóns), e nalgún momento posterior á súa colocación foron tapadas ditas bocas e se lle practicaron catro aberturas no fuste para permitir a saída das augas máis abaixo mediante uns tubos de ferro. Isto foi motivado por que as augas caían con forza dende as bocas dos leóns, e co vento sempre presente na nosa vila, mollábase a xente ó ir buscar a auga, por iso adoptaron esta solución. A fonte na súa orixe fora construída para a súa utilización como ornamento, pero non para servir de acopio de augas, por iso foi necesaria esa remodelación.
Sobre o corpo de leóns sitúase un pináculo rematado neses momentos por unha cruz de ferro.
Como se pode ver nas fotos desta época, a fonte, como xa dixemos, estaba situada un pouco máis preto da estrada do que está hoxe.
Pero co paso dos anos sufriu outra serie de reformas.

Postal de Arribas do ano 1945. Nesta foto, idílica onde ademáis de verse perfectamente como a fonte estaba situada máis cara ó cruce de estradas, podemos contemplar tamén a alameda desaparecida. Vense os longos canos de ferro situados no fuste da fonte, por onde manaba a auga. Obsérvase tamén a cruz do remate, situada sobre o pináculo superior.

Fotos dos anos 30. Arquivo fotográfico da familia Landín. Nesta foto do cruce, nun día de gran nevada, vemos como a fonte está máis metida na estrada, obsérvase tamén o pináculo coa cruz situada xusto enriba. Apoiadas no pilón, podemos ver varias sellas, con mulleres agardando a quenda para recoller a auga. !E todo iso a pesar do intenso frío que tiña que facer!.

Foto dos anos 20-30 de José Fuciños Buján. Podemos ver a Fonte dos Catro Canos situada un pouco máis adiantada cara ó cruce. Destaca nesta foto tamén a Casa de Mazaira, que aínda non contaba co segundo piso.

Postal de Arribas do ano 1945. Vemos a fonte dos Catro Canos ó fondo. Hoxe en día situándonos nese mesmo punto no que está tomada a foto, non podemos ver a fonte, o que indica a súa colocación orixinal neste punto, e o seu posterior traslado máis cara á esquerda, motivado entre outras razóns polas obras de ampliación da estrada.


Postal de Arribas do ano 1945. Obsérvase a fonte dos Catro Canos situada máis preto do cruce de estradas do que está na actualidade. Pódese ver tamén como a auga mana do fuste, polo que as cabezas dos leóns xa foran tapadas para evitar as molladuras dos augadores.

Foto dos anos 30. Arquivo fotográfico da familia Landín. Gran nevada en Melide. Vemos ó fondo á esquerda a fonte dos Catro Canos, lucindo un aspecto moito máis esbelto e monumental, xa que estaba configurada tal é como debía ser orixinalmente: unha fonte de claustro de carácter ornamental.

Foi a partir dos anos 50 cando se remodelou parte da fonte. Eliminóuselle o pináculo orixinal que a coroaba, colocado sobre o tambor ( corpo dos leóns) e substituíuse por un faroliño.
A súa ubicación no cruce seguía sendo a mesma, aínda non fora trasladada ó lugar que ocupa na actualidade.
E en canto a súa configuración, aínda seguía co corpo dos leóns sobre a fuste, e deste último manaba a auga polos buratos efectuados xa anteriormente, para evitar as salpicaduras producidas por verquer a auga das bocas dos animais, situadas máis arriba.
Habería que esperar ó seu traslado ó lugar que ocupa hoxe para que mudara o seu aspecto e intercambiar a columna ou fuste co corpo dos leóns.
Foto do ano 1958 pertencente ó arquivo de Xosé Rodríguez Vilas. Nesta foto pode verse como no cumio sitúase o faroliño en substitución do pináculo orixinal que a coroaba. Tamén podemos apreciar como os leóns seguen colocados sobre o fuste.

Foto do ano 1957 pertencente ó arquivo de Xosé Rodríguez Vilas. Nesta foto vemos o faroliño colocado sobre a fonte en substitución do pináculo orixinal. Apréciase tamén que aínda estaba colocada máis preto da estrada do que está na actualidade. Na foto tamén se pode ver como eran as sellas típicas de Melide, feitas en cinc e non en madeira.

Foto dos anos 60. Vemos a fonte aínda colocada na súa ubicación orixinal na que foi instalada no ano 1889. Pero obsérvase que neste momento xa non contaba co faroliño instalado nos anos 50, e no cumio non loce elemento algún. Tamén se aprecia como tamén se ía a por auga en porrós de barro e con pipos de madeira, ademais das típicas sellas de cinc.

Xa para rematar coa fonte dos Catro Canos, e antes de comezar a falar doutras fontes da vila de Melide que xa desapareceron, imos amosar unha serie de fotos dos anos 60 en diante nas que pode verse como a fonte dos Catro Canos xa presenta a fisonomía actual. 
Hai que retrotraerse ó ano 1964 para asistir ó cambio de localización da fonte e á reestructuración das súas partes para producirse a imaxe á que estamos acostumados.
O primeiro que se fai é proceder á súa enteira desmontaxe, para ubicala entre 5 e 6 metros máis ó norte, posto que antes estaba moito máis adiantada e metida na Rúa do Progreso. Con este cambio de lugar quedaría comprendida entre a casa de Mazaira e a de Mera (edificio do Banco Pastor).
E tamén se aproveita, unha vez que se recoloca, para inverter a orde dos elementos centrais, dese xeito o tambor no que se representan as cabezas verquedoiras dos leóns sitúase na parte inferior, e o fuste colócase sobre aquel. Dese xeito procédese a extraerlle os catro canos de ferro sobresaíntes que ían acoplados nos seus costados, e a tapar os ocos correspondentes con cemento.
Outra das actuacións que se leva a cabo é colocar un pináculo de coroamento superior, intentando volver un pouco á estética inicial da fonte, previa ós anos 60, cando se suprime o pináculo para colocarlle o faroliño de iluminación, que non resultaba nada apropiado e acorde coa estética dunha fonte desta tipoloxía.

Con todo, e a pesar de que a orde lóxica era a precedente (fuste baixo tambor ou corpo dos leóns verquedores), como é habitual en claustros e tamén nas prazas monumentais, podemos concluír que se trata dun magnífico exemplo de fonte ornamental, á par de funcional.



Foto do ano 1969, que foi empregada como postal turística. Nela pode verse a fonte no seu novo escenario e cos elementos recolocados. Pode observarse os novos xardíns que substituíron á vella alameda. Tamén se poden ver as árbores aínda cativas, dos xardíns do Cantón de San Roque.

Foto de Adolfo Iglesias da década dos 60-70. Vense os novos xardíns do Campo de San Roque e o espazo axardinado entre a rúa do Convento e a Ronda da Coruña, substituíndo á vella e romántica alameda. A fonte xa está colocada no emprazamento actual, e xa se distingue a orde nova dos seus elementos.

                               
Foto da autoría de Adolfo Iglesias. Esta estampa trátase dunha magnífica testemuña documental, que amosa a Ronda da Coruña, rúa do Convento e Campo de San Roque, no ano 1974, cando se plasman os xardíns recén construídos en substitución da vella alameda. Co gallo desa reforma prodúcese o traslado da fonte ata a ubicación actual. O Campo de San Roque está en proceso de reformas, para transformalo nun parque e que suporá a desaparición da feira que se celebraba nese escenario. Tamén se distinguen as dúas casetas que había nel: unha que facía as funcións de quiosco e outra para uso dos gardas.

Foto de Xosé Manuel Broz sacada dende a Casa de Mera, edificio do Banco Pastor (na actualidade Albergue O Cruceiro). Vese a fonte coa estética actual.

Foto de Xosé Manuel Broz do ano 1976. Trátase dunha estampa moi pintoresca na que pode verse un carro de vacas no cruce ó que lle caeu parte da súa carga de herba. Por detrás das vacas distínguese claramente a silueta da Fonte dos Catro Canos.


Foto de Xosé Manuel Broz sacada dende a Casa de Mera, edificio do Banco Pastor (na actualidade Albergue O Cruceiro). Vese a fonte coa estética actual.


A FONTE DO CRUCEIRO.

Ás primeiras fontes da vila de Melide instaladas xa no século XIX (Praza do Convento e a dos Catro Canos) sucedéronlle outras que se instalaron décadas máis tarde (a finais dos anos 50 ou principios dos 60 do século XX). 
Unha destas dúas fontes emprazouse no Cruceiro (ó remate da rúa Mateo Segade Bugueiro), e tamén a da Praza das Coles.
A vella fonte do Cruceiro estaba realizada en cemento, pero mantiña pautas inspiradas nas antigas fontes de pedra que adornaban prazas e xardíns.
Constaba dun pilón macizo de planta circular con moldura sobresaínte, tanto na súa base como no remate, a modo de aneis, que posteriormente sería reemprazado por outro totalmente liso, en forma cónica (ou de vaso), xa sen as molduras ornamentais.
E no centro do pilón erguíase un fuste con éntase a media altura e estriado, rematado por un pináculo moldurado .

Esta fonte perdurou ata a década dos anos 90 cando foi reemprazada pola actual fonte, realizada no obradoiro de Feal.

Anos 60 ou 70. Foto da autoría de Adolfo Iglesias (Fotos Adolfo). Vese a vella estampa da rúa Mateo Segade Bugueiro (anteriormente rúa Calvo Sotelo e previamente rúa da Vista Alegre). Vemos a vella fonte de cemento situada na prolongación da beirarrúa.  Na foto pode apreciarse con moita claridade a acusada inclinación da torre do Convento.

Finais dos anos 50 ou comezos dos 60. foto da autoría de Adolfo Iglesias (Fotos Adolfo).
Vista do Cruceiro dende a Torre da Igrexa. Vese a vella fonte situada no remate da rúa. Ó lonxe podemos ver o desaparecido Convento Pasionista e tamén se pode observar o perfil dominante da Serra do Bocelo. En primeiro termo, á esquerda, vense os tellados dos inmobles onde estivo o vello cuartel da Garda Civil.


Foto do Cruceiro da década dos 80. Vemos a fonte situada ó remate da actual rúa Mateo Segade Bugueiro, e detrás dela a Casa Aceiteiro, que antigamente foi hospedaxe e ultramarinos, aínda encalada. 


Foto dos anos 20 ou 30. Arquivo da Familia Fuciños, da autoría de José Fuciños Buján. Nesta fermosa estampa pode verse con claridade como naqueles anos, a fonte do Cruceiro aínda non fora instalada no lugar.


A VELLA FONTE DA PRAZA DAS COLES.


No centro da Praza das Coles houbo unha fonte que se instalou na década 1960, e que foi reemprazada pola que actualmente vemos, saída do obradoiro de Feal a comezos dos anos 90 e elaborada en canteiría coa imaxe da Virxe do Carme.

Aínda que no centro da praza existira xa dende o século XVI ata o século XIX unha picota ou rolo de xustiza, onde se amarraban ós reos e condenados para castigo e escarnio público.
A antiga fonte (a dos anos 1960) estaba realizada en cemento, ó igual ca que houbo no Cruceiro ( que foi substituída pola actual de canteiría, realizada igualmente no obradoiro de Feal). A das Coles contaba cun pilón macizo en cuxo centro sobresaía un piar en forma de “obelisco” de sección cuadrangular e artellado en tres corpos, un a modo de basamento, outro facendo de fuste e un coroamento a xeito de remate piramidal.

Foto da Praza das Coles a finais dos anos 70 durante a celebración do San Caralampio. O centro da praza está presidido pola vella fonte de cemento, que foi reemprazada pola actual a finais dos anos 80 ou comezos dos 90. Foto da autoría de Xosé Manuel Broz.

Fermosa estampa da Praza das Coles do 24 de xuño de 1966, na festividade de San Xoán. Ó redor da fonte e sobre a mesma pode verse ós mozos que formaban parte do Centro Instrutivo e Recreativo (CIRE), baixo a atenta mirada do presbítero Don Juan Manuel López, impulsor da citada sociedade cultural e deportiva. Foto do arquivo de Don Juan López cedida por cortesía da súa filla Ana López Mera.

Foto da autoría de José Fuciños Buján da década dos anos 40. Vese a vella praza pavimentada rusticamente con beirarrúas e canaletas de pedra e con árbores no medio. A praza foi remodelada na década de 1960 substituíndo o empedrado por pavimento de cemento e instalándose a antiga fonte no centro da mesma.

A TRAÍDA DE AUGAS.


A partir do ano 1964, sendo alcalde de Melide Don José Núñez Souto, comezan os traballos de canalización das tubaxes de fundición polas rúas de Melide, para abastecer de auga potable ós edificios do casco urbano. Ditas obras supuxeron un enorme avance, posto que ata entón a xente da vila tiña que abastecerse de auga en pozos (públicos e privados) e nas dúas fontes públicas existentes ata o momento (a da Praza do Convento e a dos Catro Canos), posto que as outras dúas fontes (a do Cruceiro e a da Praza das Coles) tamén foron instaladas coetáneamente á traída de augas.
A instalación dos tubos de fundición levouna a cabo unha empresa de Arzúa, cuxos operarios paraban durante a execución das obras no Bar Cepa, que por aquel entón daba comidas e camas, estando rexentado por Pilar Freire Peón.

Esta acometida pública supuxo un avance cara á modernidade, posto que permite subministrar auga ás casas, acabando paulatinamente coa práctica de acudir con baldes, sellas, tinas e porróns a buscar auga ás fontes, agardando quenda e longas esperas.
Tamén coincide co ocaso dos obradoiros dos afamados latoeiros artesáns de Melide, quen coa chegada dos recipientes de plástico (que deixa en detrimento a caldeiros, xerras, tinas e demais envases de metal), ademais da electrificación xeneralizada no ámbito doméstico, onde as bombillas reemprazan a candís e farois, ven perigar o seu modo de vida, pero a casualidade fixo que a chegada da traída de auga producira o reciclaxe deses hábiles artesáns en fontaneiros, encargados de levar a cabo os intrincados traballos de instalación de tubaxes de chumbo que se introducían polos chans e tabiques das casas particulares, negocios e inmobles públicos.
¿Quen mellor que os latoeiros para encargarse deses complexos traballos?, posto que para eles non suporía demasiado esforzo reciclarse e reconverterse en fontaneiros, debido a que eran moi hábiles coas soldaduras de chumbo e estano e pola fama que os definía como xente especialmente habilidosa, capaz de amañar calquera cousa do ámbito doméstico, e mesmo eran quen de facer obxectos de bronce realizando aleacións de estano e cobre, e mediante fundición con moldes de barro, elaborar pezas como os "ovos de muíño". O Museo da Terra de Melide ten a sorte de contar cunha exposición de ferramentas de latoeiro e obxectos saídos dos seus obradoiros (candís, farois, sellas, tinas, moldes de biscoitos e de galletas, bandexas, selos de estampar, etc...), e tamén de contar con ferramentas propias do "novo" oficio de fontaneiro, no que se reconverteron, entre elas unha chave de cadea para apretar os tubos de fundición da traída, soldadores de acetileno (de bronce), e un soplete tamén de bronce a gasolina.
Estes obxectos, da colección do Museo foron doados amablemente por Alfonso González Fernández e polos fillos de Luís Mejuto Mato, sendo eses dous os últimos latoeiros que houbo en Melide.
Foto da Ronda da Coruña a comezos dos anos 60. Na marxe dereita vese a casa de Penín, a do Dulceiro e da ferretería Ares, estas dúas últimas desaparecidas. Na beirarrúa da marxe esquerda distínguense ben as rozas das gabias da traída de auga, recentemente instalada. Foto do arquivo de F. Somoza.

Foto da Rúa da Cátedra a comezos dos 60. Distínguese con claridade as gabias da rede de abastecemento de auga, tapadas con terra apelmazada, aínda sen cementar. Foto do arquivo de F. Somoza.

Foto da Rúa nova a comezos dos 60. No pavimento vense as pegadas das obras de abastecemento de auga, aínda sen facer as reposicións do firme. Foto do arquivo de F. Somoza.


Foto da rúa Travesa a comezos dos 60 vista dende a Rúa Nova. Distínguese a gabia polo medio da rúa onde se meteron as tubaxes de fundición da traída.  Foto do arquivo de F. Somoza.

Foto da rúa Travesa a comezos dos 60 vista dende a praza das Coles, distínguese a gabia polo medio da rúa onde se meteron as tubaxes de fundición da traída. Foto do arquivo de F. Somoza.

Foto da Sala 3 do Museo, dedicada ós oficios tradicionais. Na parede pode verse unha vella chave de cadea que se utilizaba para manipular e enroscar as tubaxes de fundición da traída de auga, que se canalizaban polas rúas da vila.

Antigo soplete de gasolina, utilizado por latoeiros e fontaneiros. Exposto na sección do Latoeiro na planta 2ª, Sala 3 do Museo da Terra de Melide. Tamén funcionaban con queroseno e con nafta.

Antigo soldador de acetileno para soldadura autóxena, utilizado por latoeiros e fontaneiros. Exposto na sección do Latoeiro na planta 2ª, Sala 3 do Museo da Terra de Melide. Ó seu carón pode verse un soldador que se utilizaba en xoiería para soldar metais nobres (ese soldador ía alimentado por un fol ou barquín a pedal).


A FONTE NOVA DA PRAZA DO CONVENTO


A principios da década dos 90 foi substituída a antiga fonte da Praza do Convento (a instalada a finais do século XIX), por unha fonte monumento dedicada á memoria do ilustre arcebispo, nado nestas terras, Don Mateo Segade Bugueiro, promotor da Obra Pía de San Antón, iniciada no ano 1671.
Esta nova fonte monumento feita "in memoriam", foi deseñada polo arquitecto melidao Xulio Álvarez García, coa finalidade de ensalzar á figura do máis destacado persoeiro nado nesta bisbarra, concretamente en Trasirexe (San Román, Santiso), xa que se considerou xusto lembrar a súa memoria.
Coa instalación desta nova fonte faise o traslado da antiga fonte da praza ata o Castelo, ó carón da Capela do Carme, pero unicamente co corpo principal e coa pía de recollida de augas, xa que non se lle recolocaron os bancos laterais de canteiría, que a finais da década dos 60 substitúen ós pinos ou piares que tiña para pousar as sellas de auga.

Mais hoxe xa non hai fonte no centro da Praza do Convento, posto que a primeira levouse para o Castelo e a segunda foi recolocada na Rúa de San Antón, no lateral da Capela, e a efixie do ilustre prelado está de costas á rúa, polo que xa perdeu a función de gardar a memoria do fundador da Obra Pía.


Foto nocturna da Praza do Convento do ano 2003. Pode verse a nova fonte da Praza, que substituíu á instalada a finais do século XIX. O pavimento da praza era de lousas rústicas e irregulares, asentadas e encintadas con cemento. Foto de X.M. Broz.
    
                              
Foto nocturna da Praza do Convento do ano 2003. Pode verse a nova fonte da Praza, que substituíu á instalada a finais do século XIX. A nova fonte monumento reproduce o rostro do arcebispo Mateo Segade Bugueiro, que aparece mirando á Obra Pía da que foi o seu benfeitor. O pavimento da praza era de lousas rústicas e irregulares, asentadas e encintadas con cemento. Foto de X.M. Broz.


Foto aérea da Praza do Convento realizada polo fotógrafo Xurxo Lobato, do ano 1993 e publicada no libro "El Camino de Santiago desde el aire". A pesar de que non é unha foto moi vella, vense moitos cambios respecto á actualidade: está nin pe os dous inmobles do vello cuartel da Garda Civil, o edificio do novo Museo aínda non fora habilitado para tal fin, a praza estaba pavimentada con lousas rústicas e no centro emprazábase a fonte monumento en memoria de Segade Bugueiro, na porta da igrexa había unha cruz de madeira das misións dos P:P. Pasionistas e diante da Casa do Concello están estacionados os dous primeiros coches que tivo a Policía Local de Melide (unha Seat Trans e un Suzuki Samurai).

Foto aérea da Praza do Convento realizada polo fotógrafo Xurxo Lobato, do ano 1993 e publicada no libro "El Camino de Santiago desde el aire". Pode verse a Praza do Convento coa "fonte nova" instalada no seu centro.



                                    Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez.

  SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros gale...